Quarta-feira, Agosto 01, 2007

Damsmitt



Calquera que recorde as aportacións de Manuel Cráneo a aquel lonxano e efémero proxecto chamado La Carallada e as compare co seu traballo en Dámsmitt decatarase da súa enorme progresión. Quen daquela era só un principiante aparece agora reconvertido en debuxante xenuino, con trazo de seu e oficio abondo para facer agradable a lectura deste volume. No seu labor, na súa recreación dun mundo que semella unha caixa de música, reside grande parte do atractivo desta obra.

Pola súa banda, Kike Benlloch sempre pareceu desenvolverse mellor como activista que como escritor. Promotor de múltiples iniciativas relacionadas coa BD en Galicia (e tamén alén do país), as súas historias adoitan afogarse pola excesiva procura dunha orixinalidade excesiva ou pola dificultade de estaren á altura das súas propias pretensións. Argumentalmente, Dámsmitt resulta interesante polo entorno que crea, unha burbulla na que un conxunto imaxinario está composto por anacos de realidade e na que a robótica arcaica ou a alquimia parecen encaixar cómodamente. Porén, a trama incorpora demasiados elementos ós que non se lles presta unha atención o suficientemente pormenorizada para resultar satisfactoria e os diálogos arrastran, por intres, unha certa artificiosidade.

A natureza do argumento fai difícil unha continuación ou mesmo unha recuperación do mundo que recrea. Sen embargo, vista a capacidade dos autores para crearen atmósferas suxerentes, a un gustaríalle poder disfrutar no futuro de calquera proxecto semellante que aqueles queiran acometer, para o cal resultará imprescindible a complicidade de editoriais como Dib·buks, dispostas a apoiar iniciativas como esta, máis interesantes creativa que comercialmente.

0 comentarios: