mércores, marzo 28, 2012

The League of Extraordinary Gentlemen: Century 1969



Se falamos de cómic, o termo crossover adoita empregarse case sempre para referirse a aqueles macroeventos editoriais nos que algunha das grandes compañías deseña un argumento que involucra a varios personaxes e/ou cabeceiras e nos que os obxectivos comerciais adoitan primar sobre os creativos. Mais os cruzamentos entre universos de ficción non son algo exclusivo do xénero superheroico nin do cómic en xeral, senón que se empregan tamén en películas, series de TV, videoxogos ou, en menor medida, na literatura. Aínda que é complicado xeneralizar, este tipo de operacións adoitan estar guiadas por un certo espírito pícaro, case amateur, ao centraren os seus esforzos en tirarlle todo o partido á interacción entre os elementos (personaxes, mundos) mesturados deixando calquera outro obxectivo nun segundo plano.

The League of Extraordinary Gentlemen
pode ilustrar correctamente o espírito lúdico propio dos crossovers. A cabeceira creada por Alan Moore e Kevin O’Neill xurde cunha clara vocación de homenaxe a autores coma Wells, Verne, Stevenson ou Rider Haggard e pon todo o seu énfase, especialmente nas dúas primeiras miniseries, en explorar as posibilidades da interacción entre os célebres personaxes protagonistas: Nemo, Mina, Quatermain, Jekyll/Hyde, Griffin e demais. Afeitos como estamos aos complexos xogos intertextuais de Moore, estas dúas primeiras historias sorprenden pola súa simplicidade e falta de pretensións, máis aínda se consideramos o calibre dos imaxinarios que se poñen en xogo e o que poderían ter dado de si na pluma do autor de Watchmen. Esgotada esa veta, Moore procura a renovación da cabeceira incorporando novos personaxes (entre outros, Carnacki, Orlando e Raffles en Century 1910) e, o que é máis notorio, introducindo o factor tempo. A curiosidade de ver aos personaxes fóra das súas coordenadas temporais substitúe á interacción persoal coma motor do relato, e así, contemplamos como a Liga e os seus integrantes pasan dun entorno victoriano a 1910, 1958 e, con este Century 1969 (Planeta, 2012) que nos ocupa, 1969.

Desta volta, Moore (des)ubica os integrantes da Liga (Mina, Quatermain, Orlando) no Londres lisérxico do 69, facéndoos participar dos previsibles excesos de sexo, drogas e rock'n'roll propios do momento. Como acontecía con Century 1910, o relato recolle moitos dos tópicos da escrita do seu autor (a maxia, as viaxes astrais, Londres, Aleister Crowley...) mais na súa versión máis lúdica e desenfadada. A eses ingredientes clásicos engade un retrato dos Rolling Stones próximo á parodia (os Beatles son simplemente mencionados) e un paseo pola subcultura da psicodelia pop, alonxándose paulatinamente da tradición cultural que está na orixe da serie (a literatura victoriana) e, por tanto, facendo do contraste e a asociación enxeñosa parte esencial da proposta. O feito de ser esta cabeceira a única que Moore mantén aberta indicaría que se sente cómodo no proxecto e se ve capaz aínda de tirarlle partido, por máis que un teña a sensación de que do seu indiscutible talento pode esperarse bastante máis.

venres, marzo 23, 2012

Qadriños: O novo de Miguelanxo



Breve anotación no blog Qadriños de Praza Pública para celebrar a chegada de dúas novidades que teñen a Miguelanxo Prado como protagonista: por unha banda, o seu agardado novo álbum, de nome Ardalén, e que presumiblemente leremos ao longo deste ano; por outra, a versión en galego dun traballo central na súa obra, Trazo de xiz.

venres, marzo 09, 2012

Qadriños: Kiko Da Silva, mutante



Nova anotación no blog Qadriños de Praza Pública, desta volta para ponderar a figura dun Kiko Da Silva que debe enfrontarse agora nada menos que ao concurso de acredores da empresa que distribuía a revista Retranca. Dende aquí, todo o meu apoio e admiración para Kiko, artista de talento único e artífice de incontables iniciativas a prol da BD galega.

martes, marzo 06, 2012

A balada de Halo Jones



Tratándose dun traballo de Alan Moore, podemos caer no erro de analizar A balada de Halo Jones (Kraken, 2012) poñéndoa en relación só coa restante produción do seu creador e ignorando outros factores determinantes como as condicións materiais nas que a obra foi producida. Lembremos que a obra foi publicada orixinalmente por entregas na coñecida revista británica 2000 A.D., ou deberiamos dicir por "microentregas", xa que cada un dos pequenos capítulos cos que Moore e o debuxante Ian Gibson foron debullando as vivencias de Halo Jones constaban apenas de cinco pranchas. Se esta limitación de espazo condiciona xa de xeito determinante o proceso narrativo, tampouco podemos deixar de lado o perfil da publicación que a abeirou (centrada na ciencia ficción) e o tempo histórico no que a obra foi producida (mediados dos 80). A visión futurista que recollían os distintos seriais da revista 2000 A.D. neses anos distaba moito da ciencia ficción inxenua e colorista da que era herdeira. Títulos como Judge Dredd, Strontium Dogs, RoboHunter ou Rogue Trooper ofrecían unha versión do futuro moito máis dura, por veces extravagante e case sempre translucindo unha ollada irónica e descrida, o que adoita interpretarse coma impugnación da realidade social na que estas obras foron producidas, marcada polo apoxeo do thatcherismo. A Halo Jones de Moore e Gibson participa en boa medida desta visión aínda que, ao contrario que todas as precedentes, ofrece menores doses de violencia e demostra unha maior preocupación por cuestións sociais.

O material que recolle esta compilación divídese en tres partes que se corresponden con cada un dos tres anos nos que Moore e Gibson traballaron no proxecto (1984-1986). Parece ser que a idea era prolongar a serie durante varias tempadas máis, facendo envellecer o personaxe e seguíndoo ata a súa morte, pero finalmente as desavinzas de Moore cos responsables da cabeceira estragaron estes plans iniciais. O bloque inaugural, que recolle o percorrido de Jones polo “aro” (hoop no orixinal), a estrutura seudo-urbana na que vive, é probablemente o máis críptico e desconcertante. A fragmentación do texto en unidades mínimas dificulta a fluidez do relato e agocha os seus propósitos, aínda que tras unha lectura conxunta parece claro que o obxectivo principal é o de presentar o inhóspito modo de vida no que desenvolven os protagonistas. O violento desenlace do traxecto desata na protagonista as arelas de fuxir, dando lugar ás sucesivas viaxes que centraran os dous libros seguintes. A partires dese intre, a narración desemboca nunha estrutura máis convencional, con mellor encaixe nas formas propias do relato de aventuras e, por tanto, máis accesible. No segundo libro anúnciasenos que a protagonista adquirirá no futuro dimensión heroica (por motivos que non chegaremos a coñecer, dado o peche prematuro da serie), pasando a encadear unha serie de historias máis sinxelas e directas, que mesmo esclarecen aspectos escuros do libro precedente. O terceiro libro, que resultaría ser o derradeiro e máis consistente, contén a aportación de Moore á póla da ficción científica que incorpora argumentos antibelicistas, obvia pola súa mensaxe, mais interesante neste caso por unhas formas ríspetas e estrañas moi propias da cabeceira na que foron publicadas.

Sexa por tratarse dunha obra da primeira etapa de Moore, sexa por estar o seu labor claramente condicionado polos requisitos de edición, coido que este traballo cobra maior interese contemplado canda os restantes seriais de 2.000 A.D. do seu tempo (moitos deles reeditados pola propia Kraken) antes que no contexto da obra do seu autor.