mércores, agosto 30, 2006

Cubrindo o Islam



Un le o título, Cubrindo o Islam, e o subtítulo, Como os medios de comunicación e os expertos determinan a nosa visión do resto do mundo, e o primeiro que pensa é que estamos ante unha unidade máis da marea bibliográfica desatada polo 11-S. Chama a atención, polo tanto, descobrir que estamos ante unha obra escrita nos anos 80 e a raíz duns feitos hoxe prácticamente esquecidos: a crise dos reféns na embaixada norteamericana en Irán acontecida en novembro de 1979. Máis ainda sorprende a vixencia do seu contido, considerando ata que punto mudou o mundo nos últimos 25 anos, tanto no referente á realidade sociopolítica obxecto de estudio coma no que atinxe ós medios que a retratan. Compréndese así que a recente traducción e publicación desta obra a cargo da editorial Debate vai máis aló do mero oportunismo, xa que o vigor do texto constitúe de seu un sólido argumento para a tese que mantén.

Penso que non se trata de talento profético por parte do autor, senón da máis meritoria capacidade para percibir e comprender un fenómeno nas súas primeiras fases, isto é, cando non se conta coa perspectiva aclaratoria que outorga o paso do tempo. Centrado esencialmente no labor desenvolvido pola prensa estadounidense, o autor demostra como opinións ou datos de exactitude dubidosa chegan ó público en forma de noticia, cuestiona a formación e cometido dos chamados expertos en Oriente Medio e, especialmente, impugna a imaxe reduccionista e parcial (no doble sentido da palabra) que se ofrece do Islam. Por outra banda, chama a atención o doado que resulta aplicar as teses de Said á realidade que hoxe vivimos, sustituindo apenas uns nomes proprios: Irán por Irak, Jomeini por Sadam ou Bin Laden.

A obra do autor de Orientalismo resulta prácticamente inexpugnable cando se trata de poñer en evidencia a connivencia entre certo xornalismo estadounidense e as políticas gubernamentais daquel país. A ninguén sorprende hoxe que se manteña que certa prensa actúa como aparello propagandístico do poder. Sen embargo, Said invirte todos os seus esforzos en demostrar que o Islam real non coincide coa imaxe difundida por esta prensa, pero desiste de dar a súa propria visión. Isto é, un remata o libro coa idea do que o Islam non é, mais non coa idea do que o Islam é. É certo que, tendo como premisa principal o carácter complexo, dinámico e poliédrico do que pode chamarse Islam (en contra da imaxe monolítica popularizada en occidente), a tarefa de definilo excede as pretensións deste ensaio. En calquera caso, unha obra que pon de manifesto que a clarividencia do su autor non se circunscribe ós estudios literarios ou culturais.

martes, agosto 29, 2006

Criaturas da noite



Poucos guionistas de cómics gozan dunha sona tan merecida como Neil Gaiman. A súa creación capital, Sandman (non confundir co Sandman da entrada anterior), non só constitúe de seu unha obra merecedora do maior aprecio, senón que ademáis supuxo unha lúcida alternativa ó modelo de cómic imperante nos anos 90, ampliou o espectro de lectores (trátase dunha obra moi apreciada polo público feminino) e dinamizou o medio ata o punto de dar lugar a unha serie de productos que seguiron o seu ronsel, case sempre con resultados notablemente inferiores.

O certo é que, anque Gaiman ten outras obras moi notables (Casos violentos, Mr Punch, Signal to noise...), a súa producción máis recente resulta considerablemente inferior. O británico semella acomodado: reincide sistemáticamente nos tópicos da súa propria narrativa e limítase a desenvolver historias planas e carentes de ambición.

Nesta desgraciada tendencia insírese Criaturas da noite. Non podo afirmalo con total seguridade, pero coido que non se trata propriamente dunha obra guionizada por Gaiman, senón dunha adaptación por parte do ilustrador Michael Zulli de dous relatos do británico. O resultado, en calquera caso, é igualmente decepcionante. Tanto O prezo coma A filla dos mouchos son dúas historias o suficientemente diferentes coma para que o feito de reunilas nun volumen dé lugar a un producto heteroxéneo e estraño. Curiosamente, o que as vincula é súa escasa forza emocional e a previsibilidade do seu desenvolvemento. Nen sequera un debuxante tan notable como Zulli é quen de sobrepoñerse á mediocridade do producto, resultando pouco favorecido pola indefinición do trazo e por unha coloración excesivamente intensa.

venres, agosto 25, 2006

Sandman Mystery Theatre: A noite do carniceiro – Hourman



Sandman Mystery Theatre é unha serie que gaña a medio e longo prazo. Ainda que a súa estructura episódica casa ben coa concepción da serie como renovación de fórmulas seriais clásicas (novelas pulp, seriais radiofónicos, cómics...), a lectura de arcos completos revela máis claramente os seus acertos principais: a fonda preocupación dos autores pola definición dos personaxes e a súa evolución persoal como argumento predominante da serie.

Neste senso, os capítulos que compoñen A noite do carniceiro plantexan, como é habitual, unha trama policíaca de estructura clásica (descubrir quen é o autor dunha serie de crimes atroces) cuia resolución se ve supeditada a obxectivos máis importantes: amosar a rivalidade entre Sandman e o cínico tenente Burke e levar un paso máis aló o vínculo sentimental que une a Wesley Dodds e Dian Belmont. A este respecto, é moi evidente o interese de Matt Wagner e Steven T. Seagle por representar a Dian como unha muller forte, intelixente e liberada, trascendendo o modelo de mero interese romántico do protagonista.

Se, como teño sinalado en máis de unha ocasión, a regularidade é unha das notas máis características desta serie, Hourman, o arco seguinte, marca un dos picos de calidade da mesma ata o momento. Como o proprio nome indica, dase entrada nel a outro superheroe clásico do Universo DC, Hourman, baixo cuia máscara se oculta Rex Tyler, un químico que adquire superforza durante unha hora tras inxerir unhas pílulas da súa invención. De novo, a relación entre personaxes predomina nunha trama máis complexa do que se cadra aparentar e con Dian Belmont asumindo un novo rol próximo ó dos sidekicks tradicionais. Agradécese o sabor a clásico que deixan as múltiples referencias a cómics e personaxes da Idade de Ouro dos superheroes.

Pouco máis que engadir agás destacar unha vez máis o labor gráfico de Guy Davis, que deixa constancia do seu sentido da perspectiva e do seu dominio do espacio, e cuia continuidade na serie permite dotala dunha coherencia formal igualmente loubable.

martes, agosto 22, 2006

The Authority



Pese a ser un escritor ben considerado no mundiño, coido que o conxunto da obra de Warren Ellis está moi por debaixo das que son as súas dúas creacións principais: Planetary e The Authority. Concebida como unha renovación dos paradigmas superheroicos tradicionais, coido que o tempo ven a demostrar que esta última non é senón un cómic de superheroes en estado puro. Agora ben, como todas as obras perdurables do xénero, posúe rasgos proprios. Teóricamente, o grupo de superseres coñecido como The Authority non pretende, como fai a práctica totalidade dos superheroes, manter o status quo vixente fronte ameazas externas, senón “facer do mundo un lugar algo mellor”. E digo teóricamente porque na práctica, ainda que as súas actitudes e solucións sexan algo máis agresivas do habitual, o esquema seguido difire en pouco do que seguen productos máis ortodoxos. Nas tres aventuras que recolle este volume que ven de publicar Norma, The Authority reacciona sempre fronte ameazas externas de carácter global e remata por restaurar a normalidade. As diferencias, polo tanto, son apenas de grado.

Lida cunha certa distancia (hai xa máis de sete anos que o primeiro número da serie veu a luz) a obra mantén as súas principais virtudes: os personaxes conservan o seu carisma, a introducción de elementos proprios do xénero fantástico e da ciencia ficción segue a agradecerse e o excesivo da trama semella ter algunha función alén de epatar ó lector.

Cómpre destacar o labor do conxunto de artistas que se ocupan do apartado gráfico. Pouco se pode decir de Bryan Hitch, debuxante que hoxe é un dos máis cotizados do medio e que tivo aquí o seu primeiro traballo extraordinario. A pegada do que foi a súa influencia principal, Alan Davis, percíbese ainda en The Authority, ainda que sen dúbida Hitch comeza a explotar o que sería o seu proprio estilo, perfecto no aspecto narrativo, nas escenas de acción e na definición visual de personaxes e localizacións. O complemento ideal do seu debuxo ven dado polas tintas de Paul Neary, cuia extensa traxectoria avala a súa excelencia, e pola acertada coloración de Laura DePuy.

luns, agosto 21, 2006

Ex Machina: estado de emerxencia



Brian K. Vaughan é o creador e guionista da que considero unha das mellores series do momento: Y, o último home, á que xa me teño referido aquí en diversas ocasións. Ainda que acumula xa unha producción cuantitativamente considerable, a súa popularidade deriva esencialmente de dúas series máis ademáis da mencionada: a sobrevaloradísima Runaways e a que agora nos ocupa, Ex Machina.
Ex Machina é un deses productos tan frecuentes na actualidade que pretenden trascender o xénero superheroico sen alonxarse excesivamente del. Protagonizada por Mitchell Hundred, que outrora fora o único superheroe do Nova Iorque post 11-S e que agora colga as botas para asumir a alcaldía da cidade, a serie enfronta dous xeitos contrapostos de procurar o ben e impartir xustiza: a vixiancia enmascarada fronte a decisión política.
Trátase, como se pode intuir, dunha premisa interesante e que ben levada pode dar moito de si. Non embargantes, os cinco capítulos que contén este tomo que ven de publicar Norma ó prezo abusivo ó que nos ten afeitos, ofrecen apenas espacio para presentar ós personaxes (hai un nutrido grupo de secundarios que presumiblemente irán asumindo protagonismo a medida que transcurran os capítulos), contextualizar a súa traxectoria e sentar as liñas mestras da trama. A funcionalidade do argumento utilizado como fío conductor fai que a súa complexidade e interese diminúan. Así, a morte de varios funcionarios do servizo de quitaneves válelle de pretexto ó autor para presentar a relación entre os tres implicados na aventura superheroica do protagonista; pola súa banda, a polémica que suscita a exposición dunha obra de arte serve para amosar o carácter da becaria Journal Moore, bastante alonxado do que marcan os clichés. O resultado final pode considerarse satisfactorio en tanto que establece uns bos alicerces de cara ó futuro.
No apartado gráfico, Tony Harris desenvolve un labor efectivo e exento de artificiosidade, ainda que o abuso dos modelos fotográficos conduce, en momentos determinados, a un estatismo excesivo.

venres, agosto 11, 2006

Libra



Reparando nalgunhas das súas produccións culturais (películas, libros, series de TV), da a sensación de que os norteamericanos pensan que máis aló do seu, poucos países hai no mundo que podan considerarse democráticos e civilizados. De feito, tanto insisten en que “América (sic) é un país libre” que un non pode deixar de pensar que máis que ante a constatación dun feito estamos perante un mantra que se repite tanto para fomentar a autoconvicción como para agachar algún complexo ó respecto. Non é de estrañar, xa que logo, que un acontecemento como a morte violenta do presidente Kennedy teña sido obxecto de revisión periódica e constante desque tivo lugar, hai xa máis de catro décadas. O asasinato dun presidente do goberno no seu proprio país e, a falta dunha versión oficial crible, coa participación do proprio aparato do estado, casa mal coa imaxe que de si mesmos difunden os EEUU. Hai que roelo.
Os documentais, películas e libros de investigación sobre a morte de JFK conforman o contexto de Libra, aproximación ós feitos en forma de novela levada a cabo por Don DeLillo en 1988 e que Plaza & Janés ven de publicar recentemente. Sinala DeLillo no epílogo que a súa obra non pretende ser veraz, afirmación que resulta tan certa como falsa. Sendo tantas as incógnitas que ainda hoxe existen verbo daqueles feitos, sería vacuo e absurdo pretender ofrecer ó lector algo que puidera calificarse como verdade histórica (se é que tal cousa existe). Sen embargo, calquera aproximación mínimamente rigorosa debe aspirar, e así o fai Libra, a atrapar outra forma de veracidade: a do contexto, da realidade social e política daqueles anos e mesmo a das coordenadas ideolóxicas e emocionais dos suxeitos implicados.
Malia que, coa súa estructura poliédrica, a novela pretende dar cabida a todos os actores implicados nos feitos, o conxunto atópase cuantitativa e cualitativamente descompensado en favor dun deles: Lee Harvey Oswald. A morea de datos que hoxe se coñecen sobre o personaxe non conduce a unha definición unívoca da súa personalidade. De aí que DeLillo invirta grande parte dos seus esforzos en crear un carácter complexo e contradictorio, capaz de conciliar as versións contrapostas que sobre el se teñen difundido.
O resultado é unha obra capaz de responder ás súas pretensións, menos tendenciosa que outras produccións semellantes máis coñecidas e que presenta en forma sutil unha mensaxe que para a sociedade norteamericana pode resultar especialmente dura. Sen embargo, un non pode acometer este tipo de obra sen que se lle veña á cabeza o inspirado epílogo co que Alan Moore conclúe o seu xenial From Hell: a realidade histórica traza un círculo esotérico en cuio interior os sucesivos investigadores van debuxando unha estrela que cada vez ten máis puntas; chegado certo intre, cada punta é menor que a anterior e a estrela segue medrando pero é imposible que chegue a sobardar a fronteira que a circunda. A verdade é unha gaivota que voou mentres nós mirabamos bailar a unha muller espida.

mércores, agosto 09, 2006

O arquivo corso


Con independencia dos resultados, ó francés René Pétillon hai que recoñecerlle a priori a valentía que supón atreverse a tratar nos seus álbumes asuntos tan actuais coma escabrosos, máis aínda pretendendo darlles un enfoque humorístico e desenfadado. Así, se en O caso do veo se abordaba a complexa situación da inmigración musulmana en Francia, O arquivo corso ocúpase da non menos delicada cuestión do terrorismo corso.
O protagonista da serie, Jack Palmer, é un detective de métodos rutinarios e eficacia dubidosa que Pétillon introduce coma testemuña silenciosa naquelas paisaxes sobre as que pretende chamar a atención do lector. Palmer é sempre un alien, un infiltrado a cuio redor se desenvolven os acontecementos e cuia participación na resolución dos mesmos adoita ser mínima.
Na obra que nos ocupa, Palmer descobre unha Córcega anormalmente afeita ás accións terroristas dunha pluralidade de grupos tan enfrontados ás forzas da orde como entre si. Cuestións tan controvertidas coma o silencio cómplice dos cidadáns de a pé ou a ineficacia dunha policía sometida a ordes cambiantes e pouco claras son empregadas aquí coa intelixencia suficiente como para trascender o puramente satírico e invitar a unha sana reflexión.
Xa que logo, parece xustificada a sona que acadou este álbum, que non só foi premiado no 2001 no Festival de Angoulême, senón que mesmo foi obxecto dunha adaptación cinematográfica protagonizada por Jean Reno. Ainda que Norma publicou con anterioridade O caso do veo, a orde de edición orixinal foi exactamente a contraria. No tocante ó prezo deste volume…