domingo, novembro 27, 2011

Os Novos Mutantes: A orixe de Lexión



Sinalabamos hai pouco que probablemente o valor engadido de historias como a Saga do Oso Místico dos Novos Mutantes, o seu interese dende un punto de vista actual, residise na interpretación gráfica de Bill Sienkiewicz antes que nos guións, perfectamente convencionais, de Chris Claremont. A reedición de Panini da etapa destes dos autores na cabeceira dos Bebés-X péchase con este segundo tomo, A orixe de Lexión (2011), sendo a aventura que lle dá título a que indica o momento en que o escritor parece tomar en consideración por vez primeira a peculiar identidade artística do seu debuxante. E así, a extravagancia do personaxe de Lexión casa perfectamente co estilo gráfico de Sienkiewicz e a aventura que Claremont constrúe a seu redor, concretamente, no interior da súa mente esquizofrénica, resulta ser o pretexto perfecto para que o debuxante deseñe paisaxes oníricas, figuras deformadas e efectos lisérxicos con xustificada liberdade. O resultado non pasará ao canon do tebeo superheroico mais si ofrece unha boa mostra da densidade (gráfica e argumental) que o xénero acadaba nos 80.

O tomo contén tamén a irrelevante intervención dos Novos Mutantes nas esquecibles Secret Wars II, historia incapaz de sobrevoar a mediocridade do crossover no que se insire, e péchase coa minisaga que marca a volta dun dos membros da aliñación orixinal do grupo, Karma. A compoñente emocional deste retorno semella ser o argumento principal e case único destes capítulos, debuxados polo hawaiano Steve Leialoha, e que desembocan noutra saga recentemente recuperada por Panini, As Guerras Asgardianas.

Se desbotamos o factor nostalxia (nada desprezable dende o punto de vista comercial: estou convencido de que parte esencial do mercado ao que vai dirixido este produto son lectores que, coma min, leron estas historias no seu día e desexan recuperalas agora en mellores condicións de edición), coido que o principal interese deste volume, coma do anterior, é o de contemplar as páxinas dun Bill Sienkiewicz que desbordaba as convencións gráficas do xénero superheroico e se postulaba como un dos artistas máis interesantes do momento. Que posteriormente non fose quen de construir unha carreira de seu coma autor non lle resta méritos ao seu labor nestes anos, cuxa repercusión no medio resulta indiscutible.

mércores, novembro 16, 2011

Barcelona, a ollada exterior (e II)



Con sensación de culpabilidade polo pouco tempo que lle podo adicar ao blogue (en realidade, tampouco teño moito tempo para ler ultimamente), alédame anunciar a saída da segunda Paisaxe de papel adicada a Barcelona, desta volta centrada nas obras elaboradas por autores estranxeiros. Do inevitable Giardino de ¡No pasarán! ao hermético Bilal de Las falanges del orden negro, do arrecendo a fumetti de Martin Mystère ao mediático Batman e con parada no minimalismo ácedo de Lewis Trondheim. Barcelona a ollada exterior (e II).

mércores, novembro 02, 2011

Tom Strong 4



Se a tónica xeral na liña ABC creada de Alan Moore foi a estabilidade dos equipos creativos, Tom Strong foi a cabeceira na que máis axiña se deu entrada a voces novas e diversas, tanto na escrita coma no debuxo, o que foi favorecido pola falta de historias longas e argumentos sostidos no tempo. Así, o cuarto tomo editado por Norma (2008) ábrese cun relato en tres partes no que o veterano Jerry Ordway é o encargado de ilustrar os guións de Moore. Non parece casual a elección para esta historia de mundos paralelos e versións alternativas de Tom Strong, personaxe que xa é de seu reelaboración de tantas figuras heroicas, do que fora debuxante e co-creador do All-Star Squadron e Infinity Inc. O seu trazo clásico concédelle unha dimensión retro a esta historia que revisa os tópicos habituais das viaxes no tempo.

A seguir, atopamos dous capítulos autoconclusivos escritos por Peter Hogan, guionista que posteriormente escribiría as miniseries de Terra Obscura, e nos que o encargado do apartado gráfico é co-creador desta cabeceira, Chris Sprouse. O primeiro deles é unha aventura lunar que reproduce o argumento, mil veces revisitado pola ficción (dende Ulises e Circe, ata a Azura de Flash Gordon pasando pola She de Rider Haggard), no que a raíña exótica se namora do heroe explorador. Se cadra pola súa condición referencial, Hogan condensa o relato nun único número cando podería ter sido desenvolvido como mínimo en dous. O seguinte recupera tamén outro tópico, o do vilán que secuestra a moza do heroe, para narrar unha historia de aire vintage e ton de melodrama protagonizado por unha caste de Greta Garbo de xeo.

O tomo péchase cun capítulo escrito polo daquela emerxente Geoff Johns e debuxado por John Paul Leon. Curioso o caso deste artista de trazo tan persoal e que, en embargo, non dubida en adoptar aquí un rexistro gráfico respetuoso cos deseños de Chris Sprouse como en Ex-Machina se aproximaba ao estilo de Tony Harris. Estamos perante un relato mínimo cun aire de fantasía estilo Twilight Zone no que un inofensivo admirador de Strong resulta ser unha perigosa e inconsciente ameaza para toda Millenium City.

Hogan e Johns concédenlle ás súas historias un ton menor e intencionadamente tópico, pero un e outro participan da idea arredor da cal Moore construiu a cabeceira: a volta ás esencias do heroísmo máis unidimensional e inxenuo nun universo post-Watchmen.

Entradas relacionadas