mércores, outubro 28, 2009

Powers: Para sempre



O primeiro que cómpre é celebrar que Panini retome a publicación de Powers, a magnífica cabeceira de Brian Michael Bendis e Michael Avon Oeming, e o faga ademáis no punto onde o deixara Planeta. A nova entrega, Para sempre (Panini, 2009), marca un punto de inflexión importante na cabeceira. A decisión de Bendis de esclarecer a orixe do personaxe principal (e da mitoloxía superheroica do seu microuniverso de ficción) pode resultar ata certo punto lóxica mais tamén arriscada: elucidar o pasado misterioso dun personaxe non só supón cancelar unha fonte importante de recursos argumentais, senón que frecuentemente adoita traducirse nunha grave perda de carisma. Ademáis, este arco argumental vén a alonxarse de feito da liña marcada nas entregas anteriores, ao poñer a cuestión dos superpoderes nun primeiro plano cando ata o de agora fora só parte, anque importante, da paisaxe.

Bendis leva adiante a súa opción con coherencia pero sen excesiva brillantez. Remontándose nos estadios evolutivos do ser humano e expoñendo teorías cosmogónicas resultan inevitables unhas pouco favorecedoras comparanzas con Stanley Kubrick ou Alan Moore, por máis que sexan de agradecer tanto o ton livián como as chiscadelas referenciais. Concluido o relato, non pode dicirse que a estrutura do personaxe principal mellorara, mais tampoco empeora. Se cadra a viaxe era innecesaria, pero o importante é que todo indica que, tras o inciso, a cabeceira recobrará os seus sinais de identidade: policíaco impuro, diálogos artificiosos (no mellor estilo Bendis), tensión sexual non resolta entre os protagonistas e distancia irónica. Ou sexa, unha delicatessen.

Avon Oeming, como sempre, é dicir: magnífico.

martes, outubro 27, 2009

Hellboy: A escuridade chama



Individualmente consideradas, as narracións que conforman o ciclo de Hellboy poden interpretarse coma un simple divertimento, a reciclaxe en clave lúdica dos lugares comúns do xénero terrorífico. Porén, unha lectura global e ordenada revela unha realidade máis complexa, un texto hipercodificado, transxenérico e irónico co que se revisa o xénero e se explora a súa viabilidade contemporánea. Recoñecendo as limitacións de Mike Mignola como guionista, penso que tampouco debemos pasar por alto a súa claridade de ideas respecto ao proxecto que quixo desenvolver (e está a desenvolver) coma autor completo. As historias de Hellboy poden parecer simples, repetitivas ou superficiais, pero o conxunto da proposta resulta, en moitos sentidos, máis moderno e estimulante que outras moitas producións mellor consideradas.

Hai na cabeceira dous tipos de historias. Dunha banda, arcos argumentais dunha certa extensión, organizados en miniseries de varios números e normalmente centrados principal ou secundariamente na tensión entre liberdade individual e predestinación que constitúe o drama persoal do protagonista; doutra, narracións breves a través das cuais o autor dialoga coa tradición do xénero terrorífico. A escuridade chama (Norma, 2008) estaría no primeiro grupo, levando un paso máis aló a rivalidade entre Hellboy e Baba Yaga, que nos últimos tempos se está revelando como a principal antagonista do demo vermello en sustitución de Rasputín. O relato axéitase ao que o autor nos ten afeitos, coa habitual recuperación de figuras arquetípicas do xénero macabro (desta volta as meigas, ata agora prácticamente ausentes), unha incursión no folclore ruso e a habitual resolución a puñadas dos conflitos esotéricos aos que o protagonista se ve sometido.

Cómpre destacar o soberbio labor aos lápices dun Duncan Fegredo que mantén un perfecto equilibrio entre a súa personalidade como ilustrador e a coherencia visual da cabeceira, ben secundado por un Dave Stewart que se reivindica coma un dos mellores coloristas do momento.

Entradas relacionadas

domingo, outubro 11, 2009

Wild Worlds



A recopilación dos cómics que Alan Moore escribiu nos anos 90 para Image e Wildstorm en tomos como o de WildC.A.T.S. (Norma, 2009) ou este Wild Worlds (Norma, 2009) pode entenderse xustificada, ademáis de pola lexítima vontade dos editores de tirarlle aproveitamento económico ao nome duns dos escritores máis importantes do momento, pola conveniencia de que o conxunto da súa obra resulte accesible para calquera lector que se queira aproximar a ela. Dito iso, poucos motivos máis aconsellan a reedición ou mesmo a lectura dos cómics que integran este volume.

O tomo ábrese cun insubstancial crossover de catro capítulos entre Spawn e os WildC.A.T.S. caóticamente debuxado por un Scott Clark que se cingue ao canon gráfico da época: sacrificio da narrativa a prol dunhas composicións imposibles, dexeneración anatómica e confusión xeralizada. A historia de Moore é tan terrible coma se fose calquera outro guionista da factoría Image quen a escribise.

A miniserie Voodoo: Dancing in the dark supón unha certa mellora, tanto no argumental como no artístico. Moore tenta crear unha atmósfera de terror esotérico a partir da ambientación da historia en Nova Orleáns, mais a superficialidade do enfoque e as concesións á vergonzante exhibición anatómica da protagonista reducen os resultados a un policíaco convencional e non pouco inxenuo. Michael Lopez e Al Rio incurren nos tópicos anteditos do debuxo noventeiro, mais mantendo unha certa pulcritude narrativa.

En Deathblow: Byblows, Moore ofrece unha nova version do personaxe Deathblow que (seica) morrera e que (seica) era recuperado así para o seu posterior uso (do que non teño noticia). Ilustrada por un Jim Baikie especialmente tosco, a miniserie invirte tres capítulos para narrar o que cabería en un.

Incomprensiblemente, pecha o tomo WildC.A.T.S.: Reencarnación, unha historia escrita por Moore e debuxada por Travis Charest que sairía publicada no número 50 da cabeceira creada por Jim Lee e que Norma incluira xa no recopilatorio anterior.

Non me esquece falar de Wildstorm Spotlight: Majestic, un capítulo único debuxado por Carlos D’Anda que probablemente constitúe, malia a súa discreción, o mellor deste volume. Moore escribe unha historia protagonizada polo icónico Mr Majestic (enésimo Superman apócrifo) sobre a morte do universo, o que lle permite combinar os seus coñecidos delirios cosmogónicos cun agradecido ton de melancolía galáctica.

Entradas relacionadas
Tom Strong 1