domingo, julho 31, 2011

O heroe 1



Pouco se pode engadir ao moito que se ten escrito sobre O heroe (Astiberri, 2011), o novo traballo dun David Rubín que artella unha reflexión sobre a figura do heroe a partires da revisión do arquetipo heroico por excelencia, Heracles. Existe un consenso xeral respecto do salto cualitativo que esta obra supón na traxectoria do autor ourensán, así coma unha ampla coincidencia verbo das súas virtudes.

A primeira e máis obvia diferencia entre esta obra e as que a precederon é a súa extensión. O demostrado talento de Rubín para a narración breve enfronta agora a proba que supón elaborar un macrorrelato que ten neste tomo de máis de 200 páxinas só a súa primeira parte. O artista supera claramente o reto, sostendo un ritmo narrativo envexable ao longo de todo o volume, ritmo que se ve favorecido por unha estrutura marcadamente episódica na que se seguen as célebres probas que debeu confrontar o heroe grego. Non se trata de valorar máis estre traballo pola súa maior extensión (a complexidade que implica a construción dun relato breve non é en absoluto desprezable), senón de constatar o risco que asume o autor nun terreo apenas explorado por el e o espirito de superación que está detrás desa decisión.



Chama tamén a atención o uso das cores, recurso que o autor ourensán empregara xa puntualmente en traballos previos, mais ao que nunca concedera o protagonismo que acada nesta obra. Nin o lector menos atento poderá obviar o festival cromático que abrolla das páxinas de O heroe. Cada capítulo ten as súas propias tonalidades, sempre intensas, básicas, nunca naturalistas, acentuando o sentido de espectáculo e a condición fantástica do narrado. Toda unha catarse de luces que contrasta co sobrio branco e negro que predominara na obra previa do autor.

Pero por riba de todo, deslumbra o talento narrativo dun Rubín que desprega un catálogo de recursos tan amplo que ata poderiamos considerar excesivo se non resultase, ao tempo, plenamente funcional. Cada episodio ten a súa feitura, cada páxina semella ser resultado dunha coidada planificación, alternando composicións simétricas con cadriños asimétricos, páxinas a splash e dobre splash con planos detalle, incorporando lances mudos ou case mudos, empregando onomatopeas coma marco… Curiosa tamén a facilidade coa que Rubín condensa influenzas variadas e dispares nun estilo persoal e coherente: tansicións que lembran a Miller, acenos propios do manga, perspectivas estilo Kirby, planos cinematográficos, expresividade cartoon…




A obra válenos tanto para constatar a facilidade con que poden traerse á actualidade os mitos gregos como para disfrutar cun Rubín que leva un paso máis aló os lugares comúns da súa propia obra. O ourensán debe confrontar agora un novo reto, o de poñer fin a este traballo sen defraudar as altas expectativas que xurden da primeira entrega.

Entradas relacionadas
O circo do desalento
Uxío Novoneyra: A voz herdada
Corazón de tormentas

quarta-feira, julho 27, 2011

¡No pasarán!



Comparando a triloxía ¡No pasarán! (Norma, 2000-2008), última aventura protagonizada polo momento por Max Fridman, con Rapsodia húngara (Norma, 1984) ou A porta de Oriente (Norma, 2000), primeiros álbums do personaxe, constátase o pouco que evolucionaron no intervalo os plantexamentos de Vittorio Giardino, tanto no argumental coma no gráfico. Pode pensarse que esta sintonía responde á vontade de manter unha certa homoxeneidade dentro da mesma serie, mais se extendemos a comparación a outras obras do mesmo autor apenas atoparemos diferencias notables. Coido que se podemos considerar a Giardino un clásico da BD europea non é tanto por ter acadado esa condición canto pola súa propia elección artística.

Giardino creou a principios dos anos 80 o personaxe de Max Fridman, un espía retirado (aínda que voltará a exercer reiteradamente) que non encaixa nos patróns propios dos heroes de acción contemporáneos. Viúvo e cunha filla a cargo, Fridman non é novo nin guapo, senón maduro e atractivo; aínda que conserva certa afouteza amosa prudencia antes que temeridade e treme compulsivamente cando oe explosións. Conserva os seus altos ideais, mais a súa experiencia lévao a un pesimismo que non chega a transformarse en ironía ou cinismo. Fridman é un heroe triste, cansado. Reiteradamente e con acerto tense sinalado a obra de escritores como John Le Carre, Graham Greene ou mesmo Joseph Conrad coma os referentes máis obvios da serie e o personaxe.


O significativo non é tanto que Giardino decidira ambientar ás súas tramas de espionaxe no período de entreguerras, senón que ignorara a evolución que experimentou o xénero tras a Segunda Guerra Mundial. A división do mundo en dous grandes bloques e a posterior Guerra Fría trouxeron consigo un novo discurso nas ficcións de espionaxe, máis cínico e descrido, cando non abertamente lúdico, coma no caso de James Bond. Nada diso podemos atopar nas aventuras de Fridman, nin unha pinga de ironía, nin unha concesión materialista. En cada novo episodio, o espía francés constata a inviabilidade do seu idealismo no mundo real, mais en ningún momento renega dos seus principios. Ao contrario, estes son sempre o motor que anima as súas accións.

Algo semellante acontece apartado gráfico. Adoita salientarse en Giardino o seu exquisito dominio da figura humana, o seu talento para a ambientación, sólidamente documentada sempre, a delicadeza do seu trazo, a viveza das súas cores, a súa proximidade á liña clara; mais non resulta tan frecuente que se mencione tamén a súa sobriedade narrativa. O Giardino debuxante non semella ter outras aspiracións que maximizar a funcionalidade do seu debuxo e invisibilizar todo artificio narrativo, coma se o protagonismo do aspecto gráfico sobre o argumental fose unha mostra de vaidade. Este ascetismo tradúcese nunha sucesión de pranchas de xeometría sempre regular, previsibles, mesmo monótonas. E tamén diáfanas, inobxectables.


É dicir, na construción das tramas, na elaboración de personaxes, na elección de referentes e tamén na execución gráfica, Giardino non amosa ningunha vontade non xa de vangarda ou experimental, senón sequera de resultar actual, senón que opta por un deliberado clasicismo.

En ¡No pasarán!, Fridman abandona a súa gaiola dourada en Suiza para enfrontar unha nova misión, de novo altruista, en España, no tramo final da Guerra Civil. Mais outra vez, mostrarase heroico e vulnerable, cabaleiroso, leal; e mais outra vez, será derrotado pola deleiba dos acontecementos, regresando ao seu exilio sen cambiar o mundo e sen que o mundo o cambie.

Para rematar, velaí un magnífico artículo de Ricardo Vigueras sobre o Fridman de Giardino en Tebeosfera.

Entradas relacionadas
Sam Pezzo
Jonas Fink

terça-feira, julho 26, 2011

Young liars



Young liars (Planeta, 2011) é, na superficie, unha historia de rock’n’roll, con aspirantes a estrelas musicais, amores arroutados, groupies, sexo, drogas e destrución; mais é tamén unha historia de conspiracións delirantes, con arañas marcianas, pallasos asasinos e ananos castradores. David Lapham advirte axiña ao lector de que non será posible abandonarse a unha lectura distendida. Estamos perante un relato requintado e caótico, con continuos saltos temporais, incoherente, no que as identidades fluctúan e ningún acontecemento (nin a morte dos personaxes) é definitivo. Diríase que o autor reclama do lector complicidade e un voto de confianza para recoñecer o patrón que se repite, a melodía oculta entre tanta distorsión. Lapham executa un tema punk-rock, anárquico e ruidoso, pero a duración (dezaoito capítulos) é máis propia de rock sinfónico. Ao final, o que de verdade fai falta é paciencia, resistencia e unha auténtica contención dos instintos para non deixar o concerto pola metade. A crítica acolleu este traballo con frialdade cando non con escepticismo. E non me sorprende.

segunda-feira, julho 18, 2011

Jazz Maynard: Unha triloxía barcelonesa



O escritor Raule e o debuxante Roger Ibáñez acadaron o éxito, tras moitos anos traballando xuntos, con Jazz Maynard (Diábolo, 2007-2009) unha obra que destaca pola enganosa simplicidade da súa proposta. Non parece ser outra a intención dos autores que a de ofrecer un relato de acción con tintes de xénero negro ambientada no Raval barcelonés, a partir dun guión áxil e directo e cunha perfecta execución gráfica. Mais a absoluta sintonía entre os autores, o control do ritmo narrativo, a coidadísima ambientación ou o perfecto deseño do guión, que administra acción e pausa, concede tempo a secundarios e canaliza as tramas de apoio (relacións familiares, de amizade, sentimentais entre os protagonistas), elevan o resultado final ata convertilo nun traballo dunha solidez indiscutible. A obra, por outra banda, resulta coherente coa traxectoria previa dos autores, que xa ensaiaran o relato de acción no lonxano Hole 'n' Virgin (Amaníaco, 2002) e que agora presentan mesturado co ton melancólico e intimista propio doutros traballos anteriores coma Cabos sueltos (Amaníaco, 2003) ou Vidas al contraluz (Diábolo, 2006).

Fiel ao seu peculiar rexistro gráfico, Roger redondea o seu traballo cunha paleta de cores na que predomina o ocre, subliñando a carga melancólica do relato e facendo a edición orixinal en tres álbums a cor preferible ao integral que compila esta primeira triloxía en branco e negro. Mención especial para a resolución das escenas de acción, cargadas de forza e dinamismo e, ao tempo, perfectamente intelixibles. Curioso e eficaz tamén o seu xeito de combinar viñetas cargadas de liñas cinéticas con outras nas que prescinde das mesmas, provocando unha sensación de cámara lenta.

Un dos aspectos máis interesantes deste traballo é a recreación de Barcelona, e sobranceiramente do barrio do Raval, como territorio mítico, a Ítaca á que regresa o protagonista tras anos de exilio. Engadindo ao referente real unha serie de elementos ficticios, Raule e Roger constrúen un escenario recoñecible e dotado da súa propia carga emocional, mais no que ten tamén cabida unha certa desmesura argumental: kingpins, samuráis, ladróns hipertecnoloxizados... Esas pingas de extravagancia sinalan un distanciamento da realidade que está presente en todo o relato. Todo é un conto, con bos e malos, tiros, puñadas e tensión sexual non resolta.

quarta-feira, julho 13, 2011

A Cousa do Pantano 2



Este segundo tomo recompilatorio da Cousa o Pantano de Alan Moore (Planeta, 2011) contén a saga Gótico americano, nome co que posteriormente se coñecería a un conxunto de capítulos nos que o escritor británico engade aos argumentos da cabeceira unha cadea de subtextos cos que aporta unha visión crítica da sociedade estadounidense: modelo enerxético e contaminación, racismo, sexismo, armamentismo... O pretexto é a viaxe da criatura verde por distintos lugares dos USA da man de John Constantine, creación de Moore cunha longa (e irregular) vida posterior e que nesta primeira aparición se nos presenta xa coma un personaxe enigmático e manipulador, ademáis de moi semellante a Sting. Supoño que debe entenderse como un acto de valentía que un artista estranxeiro e prácticamente debutante no mercado norteamericano opte por poñer a aquela sociedade diante das súas contradiccións, mais antes de acomodarnos no tópico do ianqui chauvinista e zoupón cómpre recoñecer que, alén das críticas que Moore puido recibir no momento, a súa obra gozou e goza do recoñecemento da crítica e do favor do público naquel país, o cal necesariamente revela unha certa capacidade autocrítica pola súa banda.

Coido que máis interesante que deternos no contido destas críticas é constatar canto de Moore hai naqueles argumentos, dada a presenza neles dalgúns elementos que o de Northampton recuperaría e desenvolvería posteriormente. Así, a explícita denuncia do sexismo que atopamos no célebre "A maldición" (capítulo 40) entronca directamente coa posición central, aínda que máis sutil, que ocupa a dialéctica de xénero en From hell, así como a crúa exposición das condicións de vida das mulleres de clase baixa na sociedade victoriana que contén esta obra, tal e como destacaba Ray Mescallado nun excelente artigo recollido no número 19 da revista U (1999). O debuxante Stephen Bissette láiase no limiar deste tomo de que a estrea do filme The company of wolves restoulle forza á escena da transformación de muller en lobo neste capítulo, que pretendía ser orixinal e impactante, mais coido que, nun caso de serendipia, as semellanzas sinalan na dirección correcta. E é que resulta doado establecer afinidades entre o argumento de Moore e a narrativa de Angela Carter, autora dos relatos nos que se basea a película ademais de coguionista da mesma, e en cuxa obra atopamos revisións de mitos e relatos fantásticos escritos dende unha perspectiva de xénero moi semellante á que atopamos neste episodio.

Por outra banda, a historia en dúas partes que recollen os capítulos 41 e 42, "Cambio sureño" e "Froitos estraños" respectivamente, baséase na idea de que certos acontecementos traumáticos deixan unha pegada emocional que fai que se proxecten cara adiante no tempo e sexan revividos unha e outra vez. O concepto, que Moore empregaría neste caso para tecer unha trama de implicacións raciais, estaría tamén no sustrato de From hell, obra na que os asasinatos de Jack o Destripador adquirirían unha dimensión ritual e unha finalidade trascendente, a de perpetuar o modelo de sociedade patriarcal. Estes sucesivos eventos conducirían a unha apoteose final, a do número 50, no que tería lugar unha apocalipse que anticipa a que anos máis tarde suporía o punto e final da magnífica serie Promethea, aínda que aquí plantexada e resolta dun xeito mais sinxelo que naquela.

Moore é quen de facer sentir a súa voz autorial aínda cando o seu traballo debe axustarse a diferentes limitacións, dende a estrutura clásica do cómic terrorífico (moi visible, por exemplo, no capítulo 45, inspirado na Winchester Mystery House) ata os macroeventos editoriais (como o crossover coa Crise do número 46), alterando a esencia do personaxe, reorientando a cabeceira e introducindo conceptos tan interesantes coma o do "verde" ou o parlamento das árbores.

Entradas relacionadas - A Cousa do Pantano
A Cousa do Pantano 1

Entradas relacionadas - Alan Moore
Promethea 2
Promethea 3
Promethea 4
Promethea 5
The League of Extraordinary Gentlemen: Century 1910
Tom Strong 2
Tom Strong 3
Tomorrow Stories 2
Tomorrow Stories 3
Top 10
Top 10: The Forty Niners
Terra Obscura 1
Terra Obscura 2
Lost Girls
O día do xuízo
Watchmen
WildC.A.T.S.
Wild Worlds

quinta-feira, julho 07, 2011

Deadman de Neal Adams



Como recolle o texto introdutorio desta compilación (Planeta, 2007), detrás da creación do personaxe de Deadman está a intención de DC comics de darlle azos novos a unha cabeceira, Strange Adventures, que esmorecía vagarosamente. Falamos de finais dos anos 60, cando as antoloxías de historias de xénero (intriga, crime, terror, ciencia ficción, folletín) que agromaran nas décadas precedentes entraban en decadencia por causas diversas, nomeadamente o esgotamento das fórmulas que empregaban de xeito recorrente. Deadman, o novo personaxe, envolvía unha orixe sobrenatural nunha apariencia de superheroe, posibilitando uns argumentos que engadían ao leit motiv da cabeceira (o misterioso, o máxico, o macabro) elementos do xénero que naquel intre recuperara o favor popular, o dos heroes enmascarados.

Creado polo escritor Arnold Drake e o debuxante Carmino Infantino, o personaxe aparece frecuentemente vencellado a Neal Adams, artista que se faría cargo dos lapis do serial dende a súa segunda aparición e que mesmo escribiría algúns dos argumentos posteriores. Se algún interese ten hoxe a lectura daqueles números é precisamente o de contemplar as páxinas dun Adams que anunciaba un cambio de paradigma no debuxo superheroico. Acabado realista, composicións calculadas, viñetas asimétricas, perspectivas extremas, enfoques forzados, todo un desafío visual para un lector afeito a unha narrativa máis convencional. A súa influenza foi longa, como proba, por exemplo, a minuciosidade con que un Bill Sienkiewicz principiante imitaba o seu estilo nos primeiros números de Moon Kinght, case quince anos máis tarde.

Mais a forza do grafismo non se ve correspondida por uns argumentos pexados pola restricción de espazo e pola súa suxeción a unha estrutura repetitiva. O personaxe demostraría ter interese abondo para ser recuperado periódicamente como secundario, convidado ou mesmo protagonista das súas propias miniseries, aínda que nunca chegou a ser unha figura de primeira liña no seu universo editorial. Neal Adams seguiría medrando como artista ata se converter, a partir dos 70, nun dos ilustradores máis relevantes do tebeo norteamericano.

terça-feira, julho 05, 2011

Lois Pereiro. Breve encontro



Por segundo ano consecutivo, a produción editorial que rodea o Día das Letras Galegas vese enriquecida pola presenza dun cómic adicado á figura do autor galardoado. Se o ano pasado foi o moi notable Uxío Novoneyra: A voz herdada (Xunta de Galicia, 2010) de Kike Benlloch e David Rubín, este ano atopamos este Lois Pereiro. Breve encontro (Xunta de Galicia-Xerais, 2011) de Jacobo Fernández Serrano, significativamente subtitulado Un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta. A obra ten distribución comercial, o cal permite compatibilizar o loable propósito de fornecer con exemplares as bibliotecas, centros de ensino e demais institucións públicas coa posibilidade de que os lectores interesados o merquen.

Formalmente, Fernández opta por facer recoñecibles os personaxes sen someterse absolutamente á ditadura das semellanzas, ao que engade unha coidada posta en páxina, pulcra, ordenada. De aí pasa a construir un relato complexo, no que as vivencias do poeta aparecen mesturadas con extractos da súa propia obra ou mesmo coa traslación ao formato cómic dalgún anaco de entrevista. Non é pequeno o reto de acompañar con imaxes e traducir á linguaxe do tebeo textos tan traballados coma os versos de Lois, a súa Modesta proposición... ou mesmo fragmentos da correspondencia que se ten publicado como Conversa ultramarina. É na dificultade deses lances onde Fernández demostra sentido estético e versatilidade, ofrecendo solucións narrativas que non deixan de ser persoais, por máis que lembren a autores que van dende McCloud ou Mazzuchelli ata Max ou mesmo David B. A obra remata con Fernández fabulando sobre a vida ultraterrea dun Pereiro transformado xa en personaxe, deixando constancia dunha vontade de ir máis aló do puramente documental e buscar outra forma de verdade, a ficcional.

O tebeo de autor ten amosado recentemente unha querenza polo xénero biográfico e nese ronsel podemos situar esta obra, por máis que o seu contexto inmediato veña dado polo noso Día das Letras. Breve encontro sae a luz cando xa rematou o ano Pereiro (tan fértil, por certo), o cal probablemente lle restará visibilidade e difusión, mais estamos perante un traballo que se sostén por si só e cuxo interese trascende con moito a súa dimensión divulgativa. Un querería que un cómic coma este, que revela a presenza dun autor maduro e cunha voz definida, tivese unha oportunidade no noso sistema editorial sempre, con intervención pública ou non, co pretexto do Día das Letras ou sen el. Oxalá esteamos nese camiño.