quarta-feira, março 28, 2007

Gotham Central: Corrigan



A forza dunha serie como Gotham Central reside, sen dúbida, nos personaxes. Rucka e Brubaker tomaron algúns secundarios das series de Batman e aledaños e pasáronos a un primeiro plano, concedéndolles todo o protagonismo en compañía doutros creados para a ocasión. O resultado é optimo, se consideramos o grao de carisma con que foron quen de dotalos. Só así, con personalidades definidas, pode sosterse unha serie na que os protagonistas cambian cada tres ou catro números e son básicamente xente normal.

Este novo tomo contén os números 23 a 27 da serie americana, nos que se sustancian tres historias breves. A primeira, Corrigan, céntrase nos que considero os mellores personaxes da serie: Renee Montoya e Crispus Allen. A segunda é un único número que xira en torno á retirada do bat-sinal da azotea da Central de Policía de Gotham. A terceira ten como invitada a Catwoman. Trátase, xa que logo, de tres historias curtas e sinxelas, eficazmente narradas polo dúo de guionistas, ainda que alonxadas dos mellores momentos da serie.

No apartado gráfico, o labor de Michael Lark nos tres primeiros números segue a ser imprescindible, ben secundado por Stefano Gaudiano e Lee Loughridge en tintas e cor respectivamente. De aí que se acuse a súa ausencia nos dous números restantes, debuxados por Jason Alexander.

Entradas relacionadas:

Gotham Central: caso sen resolver
Gotham Central: a vida está chea de decepcións

terça-feira, março 27, 2007

Sleeper: á súa sorte



É probable que Ed Brubaker sexa o guionista de moda nos USA, pero iso non ten por que poñer en cuestión a súa calidade como escritor. Pola contra, os seus traballos postúlano coma un autor sobrio e moi regular, capaz de crear historias envolventes e de lle conferir ós seus personaxes profundidade e encanto abondo para dotaren de interese a unha narración. Pode dicirse que non é un escritor excesivamente orixinal e que non adoita alonxarse do terreo no que se sinte cómodo. Ainda así, as súas historias rara vez decepcionan.

Sleeper é a historia dun axente infiltrado nunha organización criminal, é dicir, trátase básicamente dun relato de espionaxe, ainda que inserido na continuidade do Universo Wildstorm e, polo tanto, con seres superpoderosos en danza. A ollada de Brubaker é máis áceda e irónica do habitual, ata case desembocar na parodia do xénero superheroico. Polo demáis, o tono escuro e violento da narración non chega a dexenerar en excesos testosterónicos, o que sempre resulta de agradecer.

Sean Phillips, ó que tiña bastante perdido dende hai anos, cumple á perfección no apartado gráfico. O seu sutil uso do claroscuro combina perfectamente co labor de Tony Aviña, encargado da cor, dando lugar a un acabado especialmente axeitado ó tono da narración.

En definitiva, unha obra sólida e de lectura agradable, capaz de suscitar interese respecto á súa continuación e que ven a demostrar que a media de calidade do traballo de Brubaker é moi alta.