terça-feira, junho 20, 2006

Gotham Central: a vida está chea de decepcións



Nunha sociedade posmoderna e maioritariamente descreída como a actual, a pervivencia do xénero superheroico clásico, co seu fondo idealismo e os seus incólumes heroes, só é posible mediante a súa transformación. De aí que cíclicamente xurdan correntes renovadoras que adaptan aquel imaxinario ás demandas do momento, misturando xéneros ou aportando enfoques máis ou menos novidosos.

Na serie Gotham Central lévase a cabo unha aproximación á cidade de Batman (e polo tanto, ó chamado bat-universo) dende unha perspectiva realista (ata onde se pode falar de realismo nun mundo de superheroes) e humana. Na mesma liña que outras destacadas obras contemporáneas, como Powers de Brian M. Bendis ou a Catwoman de Brubaker, a serie adopta un enfoque a metade de camiño entre o xénero negro e productos policiais como Hill Street Blues. Unha curiosidade é o feito de estar escrita, dende o seu primeiro número, a catro mans: por unha banda, un dos guionistas de máis peso na actualidade, Ed Brubaker; pola outra, un escritor de longa traxectoria que acada con éste o que seguramente é o seu mellor traballo, Greg Rucka. Ambos, coa inconmensurable axuda de Michael Lark no aspecto gráfico, conseguiron en moi poucos números asentar a que é unha das mellores series do momento.

Planeta ven de editar o que é o seu primeiro tomo da serie, retomándoa no punto no que a deixara Norma. O presente arco, titulado A vida está chea de decepcións, abrangue os números 16 a 18 da edición americana, e marca o que probablemente sexa o punto máis baixo dende o arranque da colección. En tres números establécese e resólvese unha trama sinxela, correspondéndolle o protagonismo a personaxes que ata o momento permaneceran como secundarios nunha serie que é de seu coral. Estamos ante unha historia irreprochable e que mesmo poderíamos considerar notable se non contase cos antecedentes que supoñen os volumes previos. Pola súa banda, a ausencia de Lark ós lápices faise demasiado evidente, correspondéndolle a dura tarefa de sustituilo a un Greg Scott que abondo fai mantendo a unidade de estilo cos números previos.

En calquera caso, é motivo de ledicia que Planeta aborde a publicación desta serie, agardemos que con carácter regular e ata a súa conclusión.

2 comentários:

Ghanito disse...

Novamente, os que non collimos a serie cando a editaba Norma temos que agardar que teña o detalle Planeta de publicala desde o comezo. O mesmo ocorreu con 100 balas.

Se os teus comentarios estiveran abertos á xente que non está rexistrada no blogger terías mais.

Ollo de Vidro disse...

Ola Ghanito, nen me decatara da limitación a Blogger. é raro, non lembro tela establecido así cando creei o blog...

No tocante a Gotham Central, a súa publicación é tan recente que dubido que Planeta a reedite a curto prazo. Sen embargo, Norma está saldando os seus restos editoriais, así que é posible que atopes os números previos mesmo a bó prezo.

Un saúdo.