Amosando publicacións coa etiqueta Elipses e sombras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Elipses e sombras. Amosar todas as publicacións

mércores, abril 18, 2018

Elipses e Sombras: As crónicas norcoreanas de Guy Delisle

Pyongyang

Rinoceronte Editora dálle un novo pulo á súa colección de Novela Gráfica cun clásico recente do cómic autobiográfico.

A primeira década do século XXI caracterizouse, no que ao cómic atinxe, pola aparición de novos formatos de publicación e novas sensibilidades artísticas que transformaron o medio, abríndoo a un público lector que ata entón non se interesara por el. Entre as correntes creativas que protagonizaron este cambio ocupan un lugar sobranceiro as narrativas do eu, tanto biográficas como ficticias, e os cómics de non ficción, en moitas ocasións cunha pronunciada sensibilidade social ou política. Este é o contexto do que xorde Pyongyang, obra senlleira do debuxante quebequés Guy Delisle que Rinoceronte publica agora en galego, e que vén sumarse a outros títulos da mesma fornada que a editora canguesa ten no seu catálogo, como Persépole de Marjane Satrapi ou Palestina de Joe Sacco. 

Delisle visitou Corea do Norte en 2003, cando rexía o país Kim Jong-il, fillo e sucesor do fundador da patria, Kim Il-sung, e pai do actual “amado líder”, Kim Jong-un. O país era xa daquela unha das ditaduras máis herméticas do mundo e o seu difícil encaixe no panorama internacional traducíase nunha habitual presenza nos medios de comunicación occidentais. O debuxante quebequés pasou varias semanas na capital do estado traballando nun proxecto de animación que unha produtora francesa subcontratara a un estudio do país asiático. En 2006 vía a luz Pyongyang, o cómic no que Delisle debulla as súas vivencias na capital norcoreana . 

Á súa chegada a Pyongyang, Delisle é conducido á colosal estatua de Kim Il-sung que preside a cidade, onde debe depositar un ramo de flores. Dende o primeiro capítulo da súa viaxe queda establecido que Corea do Norte é un estado totalitario, construído sobre o culto á personalidade da dinastía no poder e no que a disidencia política non é tolerada en ningunha das súas formas. As súas vivencias na capital norcoreana  non serán máis que sucesivas confirmacións desta idea inicial. Pyongyang retrata os mecanismos de adoutrinamento ideolóxico e control social do estado norcoreano sobre a poboación, mais faino sen grandilocuencia, valéndose do humor e a distancia irónica como ferramentas de disección. O de Delisle é un achegamento minimalista, que parte dun anecdotario cotián para denunciar os excesos dun réxime que se sostén sobre o sometemento cruel da poboación. A gran cuestión de fondo é o grao de identificación dos norcoreanos co pensamento único. Acreditan nas mentiras do réxime ou finxen facelo para sobrevivir? Delisle non ten resposta. 

Hai etnocentrismo en Pyongyang? Moito. Delisle emite un xuízo constante sobre a realidade que atopa sen poñer en cuestión a matriz tamén ideolóxica do seu propio sentido común. Hai paternalismo? Tamén. Non son poucas as ocasións nas que a súa ollada humorística retrata os norcoreanos cunha amabilidade condescendente. Podería ter sido doutra forma? Dificilmente. Pyongyang non é nin aspira a ser un tratado sociopolítico senón máis ben un libro de viaxes. Delisle asume a perspectiva do home medio occidental que descobre con curiosidade a realidade de Corea do Norte. A súa pretende ser unha ollada casual, nin moi incisiva nin excesivamente politizada. O seu relato confirma todas as nosas sospeitas. Talvez esa sexa a súa principal eiva, a absoluta coherencia coa imaxe do país que transmiten os medios occidentais, a falta dalgún achado realmente inesperado. 

Pyongyang non era a primeira crónica viaxeira que asinaba Guy Delisle. Apenas un par de anos antes recollera en Shenzhen o testemuño da súa estadía en China, tamén por motivos profesionais. Semella que as democracias capitalistas e as ditaduras comunistas, tan antitéticas na teoría, non teñen grandes problemas para entendérense á hora de facer negocios. Máis adiante chegarían Crónicas birmanas e Crónicas de Xerusalén e, con elas, a transformación en fórmula dun xeito de narrar que en Pyongyang percibimos aínda como orixinal e espontáneo. 


venres, abril 06, 2018

Elipses e Sombras: Historia dun náufrago

Alter-Nativo

Aira Editorial incorpora a banda deseñada ao seu catálogo co primeiro traballo do ourensán Jorge Campos.

Se hai uns poucos meses sabiamos do nacemento de Aira Editorial, un proxecto de edición radicado en Allariz e dirixido por César Lorenzo Gil, comprobamos agora que a banda deseñada, sempre tan necesitada de novos espazos de difusión, ten cabida tamén na súa liña editorial. Entre os primeiros títulos que saen do prelo da editora allaricense atopamos Alter-Nativo, un interesante cómic de Jorge Campos, autor con experiencia como ilustrador que se incorpora con esta primeira monografía ao panorama da BD galega. 

Alter-Nativo está editado en forma de acordeón, o libro componse dunha única prancha dobrada, que debe despregarse polas dúas caras para lerse. Non se trata dun formato novo, emprégase con certa frecuencia nos libros infantís e hai poucos anos o prestixioso historietista norteamericano Joe Sacco armou un artefacto semellante na súa fascinante crónica da batalla de Somme, La Gran Guerra. O recurso a este formato por parte de Campos non é gratuíto, senón que está directamente vinculado á natureza dun relato que ten nas reviravoltas narrativas a súa razón de ser. O punto de partida é o espertar dun náufrago nunha illa deserta, un vello tópico que ten sido visitado con frecuencia no eido da BD e noutras ficcións populares. A partir de aí, a exploración do terreo polo protagonista dará lugar a unha espiral de sorpresas, un percorrido accidentado no que os lances se encadean sen solución de continuidade. No canto de establecer un único relato lineal, Campos introduce un enxeñoso xogo narrativo, ao permitirlle ao seu protagonista facer simultaneamente unha cousa e a contraria. Cada vez que o náufrago se ve nunha encrucillada e ten que decidir por onde tira, Campos admite todas as alternativas, narrando en paralelo as diferentes vías de exploración seguidas polo protagonista. O resultado é un requintado enxeño visual, unha divertida filigrana que pretende abraiar o lector cunha trasfega de subidas e baixadas, saltos, caídas e golpes que sempre rematan converxendo. 

O libro é ante todo un espectáculo visual, un divertimento executado por Campos cun notable sentido do ritmo. A súa compoñente de exploración e descubrimento, unida á circularidade do relato, aproxímano á esencia de determinados vídeo-xogos que se sosteñen sobre premisas semellantes. É aí onde podemos establecer un vínculo con Aventuras de un oficinista japonés, o excelente cómic de José Domingo que respondía tamén a unha lóxica semellante. Como naquel título, a trama xustifícase de seu, o extraordinario acontece porque si e a aparente falta de sentido de todo o que acontece é unha das condicións que o lector debe aceptar para gozar da lectura. 

Jorge Campos debuta cun traballo que é ante todo unha demostración de enxeño e dominio técnico, no que a sinxeleza da súa premisa contrasta cun logrado desenvolvemento formal. Alter-Nativo anuncia a un debuxante con talento e unha ollada propia ao que merecerá a pena seguir a pista de aquí en adiante. 

luns, febreiro 26, 2018

Elipses e Sombras: Franquin anotado

Franquin. QRN en Bretzelburg

Dibbuks recupera unha aventura de Spirou do ano 1963 nunha edición idónea para apreciar o xenio do debuxante belga André Franquin.

Spirou, personaxe icónico da BD franco-belga probablemente só superado en popularidade por Tintin, cumprirá en 2018 os oitenta anos. O aniversario coincide cun excelente momento no que á publicación dos seus cómics en castelán atinxe, despois de que a editorial Dibbuks apostara forte polo personaxe. Ademais de publicar os seus novos álbums e recuperar títulos da súa extensa historia, todos eles editados cuns estándares de calidade irreprochables, a editora emprendeu o ano pasado a reedición cronolóxica da que é considerada por moitos como a etapa máis memorable do personaxe, a debuxada polo historietista belga André Franquin (1924-1997), figura senlleira do cómic europeo da segunda metade do século XX e da chamada Escola de Marcinelle, unha corrente creativa da que participaron artistas imprescindibles coma Peyo, Morris ou Tillieux. Por se fose pouco, tamén no pasado 2017 apareceron dous volumes do Spirou de Franquin en edición anotada polo crítico belga Hugues Dayez, La máscara e o máis recente QRN en Bretzelburg. Ambos recollen estas dúas aventuras tal e como apareceron orixinalmente nas páxinas da revista Spirou. Xa que logo, inclúen contidos que foron eliminados na compilación en álbum, algo que acontecía habitualmente no sistema editorial franco-belga cando se reconducían a formatos estandarizados materiais publicados serialmente. Respéctase ademais o formato de media páxina que empregaban Franquin e os demais autores da revista, un xeito de traballar que lle concedía ao editor unha maior flexibilidade á hora de organizar os contidos do semanario. Elimínase a cor e inclúense as anotación de Dayez, que ofrecen información acerca das referencias gráficas empregadas por Franquin, das diferenzas coa edición en álbum, do contexto social en que a obra viu a luz e das opinións dos autores e editores involucrados no proceso. 

QRN en Bretzelburg foi publicada semanalmente entre 1961 e 1963 (incluíndo unha parada de quince meses por enfermidade do autor), e polo tanto, corresponde á etapa de madurez dun Franquin que comezara a debuxar profesionalmente en 1944 e levaba traballando con Spirou dende 1946. O debuxante belga sempre se caracterizou pola axilidade do seu trazo e a intensa expresividade dos seus personaxes, características que se foron acentuando cos anos. Na derradeira etapa da súa evolución artística, correctamente representada por este cómic, o nervio e a enerxía que desprende o seu debuxo alcanza a súa maior intensidade. Nas páxinas deste volume abundan as carreiras e as persecucións, os saltos e as caídas; tamén a violencia inofensiva na mellor tradición do slapstick: golpes, trabadas, choques... Franquin debía ofrecer satisfacción inmediata ao lector cada semana, de aí que imprimise un ritmo frenético e non haxa páxina sen acción, sen un gag cómico ou ambas cousas. O deseño dos personaxes protagonistas acada a súa versión definitiva, que pesaría sobre os artistas que o sucederon e só moi recentemente foi obviada por debuxantes como Émile Bravo ou Olivier Schwartz. A eles engade un elenco de secundarios creados para esta aventura, personaxes que levan na figura retorta e o xorne recalcado o selo do seu creador. 

Esta aventura, que Franquin desenvolveu coa axuda de Greg (Michel Regnier), outro autor clásico da revista Spirou, transcorre en Bretzelburg, un país imaxinario de inspiración claramente xermánica que mantén unha tensa relación co veciño seudo-italiano Maquebasta. O dos países imaxinarios foi un tópico empregado recorrentemente pola BD franco-belga despois da II Guerra Mundial, case sempre para ofrecer metáforas recoñecibles do totalitarismo que levara a Europa ao desastre nos anos anteriores. Este caso non é unha excepción, aínda que os autores optan por darlle preferencia á peripecia e deixar a mensaxe política nunha amable declaración antimilitarista. A forza do relato reside na pulsión aventureira de Spirou e na potente vis cómica do seu amigo Fantasio, ben apoiado por outro secundario habitual da serie, o marsupilami. QRN en Bretzelburg acada momentos de excelente humor branco e deixa constancia do inmenso talento de Franquin como debuxante, revelándose coma unha excelente mostra da mellor BD europea infantil dos anos 60. 

venres, novembro 24, 2017

Elipses e Sombras: As orixes da banda deseñada galega

BDG70: A revolta do cómic galego

A Universidade da Coruña recolle nun luxoso volume os contidos da exposición BDG70: A revolta do cómic galego, un percorrido imprescindible polas orixes da banda deseñada galega na década dos 70.

Entre novembro de 2016 e xaneiro de 2017 puido visitarse na sala Normal da Coruña, o espazo de intervención cultural dependente da Universidade da Coruña, a exposición BDG70: A revolta do cómic galego. Comisariada por Xulio Carballo Dopico, a mostra facía un percorrido polo traballo dos artistas que, nos anos 70, sentaron as bases da moderna banda deseñada galega, ao tempo que se revelaba como o complemento perfecto para a tese de doutoramento defendida no ano 2015 polo propio Carballo e que é, ata a data, o máis completo e rigoroso texto histórico sobre as orixes do cómic galego. As paredes da Normal acolleron as pranchas que explican o singular itinerario da nosa banda deseñada nos primeiros anos da súa historia: precedentes modernos como os cantares de cego de Isaac Díaz Pardo; o fito inaugural que foron tanto a serie de murais de Reimundo Patiño O home que falaba vegliota como 2 Viaxes, o volume que publicou xunto a Xaquín Marín; os traballos do Grupo de Castro; e os diversos camiños polos que o medio foi medrando a partir de entón, tiras de prensa, suplementos e revistas infantís, fanzines, etc. Como culminación dunha exposición que se nos revela tamén histórica, chega agora o tomo editado pola UDC que leva o título da mostra e que resulta ser moito máis que un simple catálogo da mesma. Ademais de reproducir todas as pranchas expostas, o libro contén testemuños gráficos dos traballos preparatorios do evento, así como valiosos textos asinados por algúns dos protagonistas daqueles anos: Xaquín Marín, Pepe Barro, Xosé Díaz, Antón Patiño, Paco Martín, Pepe Carreiro, Fran Jaraba... Todo recollido nun voluminoso tomo, magnificamente editado, que ademais da contemplación demorada dunhas imaxes inzadas de valor histórico permite a comprensión do contexto social e cultural no que viron a luz. Quen teña este libro nos seus andeis posúe un anaco esencial da cultura galega do século XX.

Non semella casual que a irrupción da banda deseñada galega tivese lugar na década dos 70, anos que en Galicia foron de intensa actividade cultural e tamén de loita social. Explícase así a marcada intencionalidade política das primeiras manifestacións da BD galega, os traballos de Patiño e Marín, de Pepe Barro e dos compoñentes do Grupo do Castro (Xosé Díaz, Luís Esperante, Rosendo Díaz e Chichi Campos), que vían na vocación popular do cómic un medio extremadamente útil para espallar a súa mensaxe emancipadora. Ao contrario do acontecido noutros contextos, nos que o cómic foi recluíndose no espazo máis inofensivo, o do puro entretemento para os lectores máis novos, o medio xorde en Galicia nunha versión fortemente intelectualizada que recolle as arelas de cambio político dunha parte da sociedade, e é a partir de aí cando comeza a derivar cara outras manifestacións tamén representadas na mostra. Da man de creadores coma Pepe Carreiro, Xosé Lois ou Pablo Oitabén, o cómic incorpórase a xornais e suplementos infantís, revelándose como un útil instrumento de normalización lingüística. Ademais de contemplar os primeiros traballos destes creadores, fortemente influenciados polo cómic infantil máis popular do seu tempo (a Escola Bruguera, Mafalda), a mostra rescata do esquecemento o meritorio labor de artistas de carreira máis breve, caso de  Vicente Veiga e as súas atinadas tiras de Fuco, o de Ulises L. Sarry, que quixo crear unha caste de Flash Gordon galego con Comandante Iago, ou do imaxinativo e colorista Miguel Docampo. Contra o final da década, o fanzine Xofre anuncia un cambio de paradigma. Uns novísimos Miguelanxo Prado, Fran Jaraba e Xan López Domínguez irrompen cunha bagaxe que incorpora influencias da BD europea, do underground norteamericano e tamén do que estaba a aparecer nas revistas españolas daquela altura, sinalando o camiño que o medio comezaría a percorrer na década seguinte.

O volume editado pola Universidade da Coruña permite que esta valiosa compilación de materiais teña unha vida alén dunha exposición que, polo seu interese, mercería ser trasladada a outras vilas e cidades de Galicia, cando non máis aló. Estamos perante unha primeira peza fundamental para a elaboración dunha Historia da Banda Deseñada galega e tamén perante un obxecto dunha singular beleza. Cómpre recoñecer o labor de Manel Cráneo, que dotou a mostra e o propio libro dun deseño elegante que confirma a afirmación de Alan Moore, “nun mundo cada vez máis virtual, os artefactos, as cousas fermosas, adquiren un valor engadido”. 

venres, outubro 27, 2017

Elipses e Sombras: Na procura da gran besta

Trackers: A arma perdida dos deuses

Os autores de A mansión dos murmurios regresan cunha ficción histórica repleta de aventura e fantasía.

En 2010 vía a luz a versión en galego de Sara, primeiro volume da triloxía A mansión dos murmurios que David Muñoz e Tirso Cons publicaran orixinalmente na prestixiosa editorial francesa Les Humanoïdes Associés. Malia que os dous volumes posteriores ficarían inéditos entre nós, aquel álbum supuxo unha tímida entrada do moderno mercado francófono no sistema editorial galego despois da aparición, entre os 80 e os primeiros 90, de clásicos coma Asterix, Tintin, Xil Pupila ou Franka. Velaí unha das consecuencias das reducidas dimensións do mercado do cómic en galego: cada obra publicada constitúe un pequeno fito. En A mansión dos murmurios atopabamos unha convincente inxección de terror contemporáneo a cargo dunha parella de autores, o escritor madrileño David Muñoz e o debuxante pontevedrés Tirso Cons, que procuraban unha saída profesional no mercado máis potente de Europa. Ambos viron cumprido o seu obxectivo e dende entón veñen publicando con regularidade en Francia e tamén en España, onde van chegando as traducións dos seus traballos.

A traxectoria de David Muñoz confírmao coma un escritor versátil que ten transitado entre a memoria persoal (Miedo), a ficción histórica (Sordo) e a revisión lúdica de xéneros populares coma a ciencia ficción ou os superheroes (Residuos, Rayos y centellas). Os seus traballos para o mercado francófono, coma o mencionado A mansión dos murmurios ou Tierra de vampiros, revelan unha vontade de espremer as convencións de xénero sen chegar a sobordalas. Nesa mesma liña poderiamos situar Trackers, o seu novo proxecto en colaboración con Tirso Cons, un relato canonicamente aventureiro cuxo primeiro álbum, A arma perdida dos deuses, viu a luz o pasado verán. Ambientada no século XVII, esta primeira achega relata a partida dunha expedición británica cara a península do Iucatán na procura dunha criatura lendaria. Muñoz e Cons súmanlle un punto de fuga fantástico a un contexto realista, creando o terreo propicio para ceibar unha pulsión aventureira de corte clásico, con grandes navíos e duelos a espada, romance e unha historia de mocidade e apertura á vida adulta coma pano de fondo. O debuxante pontevedrés, de quen partiu a idea orixinal do relato, demostra a súa idoneidade para o cómic de formato grande, recreando paisaxes da selva virxe americana ou ou ofrecendo espectaculares estampas de navegación, sen descoidar outros aspectos como o caracterización dos personaxes ou a resolución dos lances de acción. Cons é un dos autores máis inxustamente esquecidos da banda deseñada galega. Probablemente por traballar principalmente para o mercado francés, o seu nome non adoita estar entre os que nos veñen á memoria cando pensamos nas principais figuras do cómic galego. Hai algo de reivindicación no feito de ser el mesmo, como membro da editora 3 Pintamonas, quen asume a edición en galego deste traballo. 

É posible que esta primeira entrega de Trackers adoeza dunha certa previsibilidade. O camiño narrativo deseñado polos autores non só se acolle sen apenas desvíos ás estruturas máis freceuntadas por esta caste de relatos, senón que o fai de acordo coas peculiaridades do sistema editorial francés, que reserva o volume inaugural para un primeiro acto que será obxecto de desenvolvemento e conclusión en achegas posteriores. Esa é a aposta de Muñoz e Cons e eses son tamén os seus poderes, a vontade de xogar a un xogo coas normas ben marcadas e ofrecerlle ao lector algo máis que fría profesionalidade. Este primeiro tomo funciona como un engado eficaz, sería unha excelente nova poder ler tamén en galego os vindeiros volumes da serie. 


xoves, setembro 28, 2017

Elipses e Sombras: Trece grolos da nova BD galega

Licor café

Demo Editorial toma o pulso á nova xeración banda deseñada galega cun volume que recompila trece narracións breves doutros tantos creadores.

O primeiro número de BD Banda, fanzine que despois sería revista e na que publicarían autores coma Kiko Da Silva, Miguel Robledo ou, máis adiante, Jacobo Fernández Serrano, apareceu en maio de 2001. Ese mesmo ano vía a luz Mmmh!!, primeira publicación do colectivo Polaqia na que colaboraban creadores coma Alberto Vázquez, David Rubín, Kike Benlloch, Jano e Bernal. Autores coma Manel Cráneo, Emma Ríos ou José Domingo irían achegándose a un ou outro grupo (ou a ambos), antes de consolidárense como figuras imprescindibles do cómic galego (e internacional) actual. De querermos escribir unha Historia urxente da banda deseñada galega poderiamos situar aquel intre, o cambio de século, como o momento no que os artistas que se consolidaron a partir dos anos 80 (os Marín, Prado, Das Pastoras, Jaraba...) cederon a iniciativa á xeración que marcaría o devir do noso cómic dende entón ata hoxe.

Calquera afeccionada do País medianamente atenta ao que se move no medio coñece xa os nomes da xeración de autoras e autores que está pronta para coller o relevo. Levan anos difundindo o seu traballo na rede, promovendo iniciativas, a maior parte deles probaron coa autoedición e algúns teñen xa obra publicada dentro do circuíto editorial tradicional. Non é difícil establecer vínculos entre eles (afinidades estilísticas, influencias compartidas, participación en proxectos comúns), mais é probable que o auténtico factor común a todos eles sexa unha interpretación semellante do presente da BD, unha forma de entender o cómic firmemente contemporánea, inevitablemente vinculada a un cambio tecnolóxico que transforma o xeito de crear, mais tamén de publicar e mesmo de relacionarse co lector e cos demais autores. Licor café (Demo, 2017) permite un primeiro achegamento ao traballo de trece deses creadores.

O volume recolle achegas de tres dos catro promotores de Sacoponcho, un dos fanzines máis significados do panorama galego dos últimos anos. Pouco hai que dicir de Xulia Vicente, que a pesares da súa xuventude conta xa con varias monografías publicadas, traballa como ilustradora literaria e mesmo colaborou coa revista norteamericana Island. No seu relato, o fantástico invade o espazo do cotián, no que constitúe unha constante do seu traballo como autora completa. Luis Yang contén os tempos na mesma medida en que estiliza o seu trazo, situándose no ronsel da nova vangarda que representarían Begoña García-Alén, Andrés Magán ou Cynthia Alfonso. E Uxía Larrosa propón un relato de sabor clásico construído a partir de imaxes que simbolizan máis do que contan. Pola súa banda, Inés Vázquez, que fora alumna do Garaxe Hermético de Pontevedra, amosa na súa peza un estilo caricaturesco cheo de posibilidades, con animais antropomórficos que semellan fuxidos dun pesadelo de Walt Disney. Kike J. Díaz, cuxo Nordés (autoeditado, 2014) resoara hai anos como unha auténtica toma de posición, comparece agora cun estilo máis limpo e definido, un agoiro perfecto para o futuro inmediato. Algo semellante pode dicirse de Paula Esteban, especialmente activa nos últimos meses e cuxa achega demostra unha evolución que resultará evidente para quen seguira a súa actividade fanzineira dende os inicios. Outra coruñesa, Xulia Pisón, presenta o que probablemente sexa o mellor relato da antoloxía, unha historia que toma partido da brevidade imposta polo formato para reimaxinar mitoloxías populares, xogando co tempo, co lugar e tamén co xénero para crebar as expectativas do lector acomodaticio. Se o recente ∞-1 (Alita, 2016) supuxera un importante salto cualitativo na súa traxectoria, este novo estralo de talento confírmaa coma artista con presente máis que coma promesa de futuro. Santiago Paredes e Cristian Fojón mantéñense apegados a cadanseus imaxinarios, o primeiro sen afastarse da tradición underground norteamericana da que tamén participa o seu recente Tattoo (Demo, 2017); o segundo ofrecendo unha nova fotografía desa Galicia rural, salvaxe e irónica que atopamos nos seus traballos precedentes. Debelius, colaborador habitual da revista Altar Mutante e autor do fanzine Gresca, constrúe a súa peza a partir do contraste entre o desenfreado da acción e un debuxo limpo e de contornos ben definidos, mentres a cosmogonía que propón Gaudino semella unha revisión irónica do primeiro Xaquín Marín. Tras un Mateo Alvarellos ríspeto e lacónico, pecha o volume Dani Xove, tan entregado á promiscuidade idiomática coma á reciclaxe de tópicos da ciencia ficción post-apocalíptica.

A suma destas trece voces inevitablemente diversas disparando ideas en cru, sen apenas espazo para facelas medrar, remata por traducirse nunha certa sensación de anarquía. Mais as páxinas de Licor café transmiten tamén unha enerxía ben tanxible, a forza dun grupo de autores que reclama o seu espazo. Deliberadamente ou non, este volume pasa a ser un punto de referencia ao que regresaremos pasados os anos, cando queiramos lembrar de onde veñen os artistas que estarán a marcar o presente (futuro) da banda deseñada galega. 

martes, agosto 29, 2017

Elipses e Sombras: Entre dous mundos

Ether. La muerte de la última Llama Dorada

David Rubín únese ao escritor norteamericano Matt Kindt para producir Ether, un relato que mestura aventura, fantasía e ficción detectivesca. 

David Rubín debutou no mercado norteamericano con El momento de Aurora West (DeBolsillo, 2014), unha miniserie que afondaba no universo creado uns meses antes por Paul Pope en Battling boy (DeBolsillo, 2014). O galego encaixou naquel proxecto cunha naturalidade sorprendente, debida á súa coñecida versatilidade, pero tamén á afinidade entre os proxectos creativos de ambos autores. Despois de ver como dúas obras emblemáticas da súa traxectoria europea, El héroe e Beowulf, eran publicadas en Estados Unidos, Rubín une forzas con outro escritor de carreira consolidada, Matt Kindt, para produciren Ether, unha serie limitada de cinco capítulos que ve a luz baixo o prestixioso selo editorial Dark Horse. Kindt forma parte do cada vez máis nutrido grupo de escritores que xorden da escena independente norteamericana e terminan facéndose un sitio ao abeiro das grandes compañías. No seu caso, despois do éxito de títulos de creación propia como Super Spy ou Sweet Tooth, vén alternando traballos por encomenda para DC ou Valiant Entertainment con outros da súa propiedade coma Ether. 

Boone Dias, protagonista da serie, é un científico que leva anos explorando a dimensión máxica de Ether. Home de ciencia gastado pola vida, asumirá axiña o rol de detective para investigar o asasinato da derradeira Chama Dourada, a figura protectora do Reino. O que nunha primeira aproximación podería semellar un simple relato fantástico revélase axiña coma un artefacto máis complexo, no que os clixés narrativos se superpoñen e os personaxes acusan un marcado acento referencial. Dias é un heroe crepuscular de estirpe pulp que non só se aferra ao seu raciocinio para resolver o crime, na mellor tradición do xénero detectivesco, senón que cre posible traducir a termos lóxicos os principios máxicos que rexen en Ether. No seu periplo investigador percorrerá distintos lugares do Reino, comezando pola súa luminosa capital Agartha, antítese da cidade escura e inhóspita propia do relato criminal. Ao seu paso atopará fadas, golems e toda caste de criaturas xurdidas de diferentes tradicións fantásticas. Ether achégase ás ficcións de xénero mais faino afastándose de calquera purismo, preferindo a mestura de tópicos con fins lúdicos. O seu propósito semella ser o de atrapar a ollada do lector e ofrecerlle un espectáculo repleto de aventura e imaxinación. 

Esta aposta de Ether pola fascinación visual e o pracer inmediato remata por concederlle grande importancia ao deseño de escenarios e a caracterización de personaxes, unha oportunidade que Rubín non desaproveita. O desenvolvemento gráfico do ourensán remata por ser un dos grandes argumentos a prol do título, e non só pola súa excelente narrativa (poucos debuxantes do mercado norteamericano actual poden presumir dunha posta en páxina tan fluída, persoal e exuberante coma a súa) e a vistosidade dos seus recursos, senón tamén polo delicado equilibrio que acada a súa combinación de elementos realistas, escenarios de fantasía e personaxes caricaturescos. O ton desenfadado da serie permítelle ademais ceibar unha agradecida vis cómica que apenas tivo cabida nos seus traballos máis recentes a excepción da súa adaptación de El retablo de las maravillas. 

O volume que presenta Astiberri contén os cinco primeiros números da cabeceira. Malia funcionaren coma un correcto relato de presentación, a sensación final é a de que non chegamos máis aló do primeiro acto e todo fica pendente dunha continuación que chegará se a acollida deste primeiro arco argumental é boa. A carreira internacional de Rubín sobe un novo chanzo ao demostrar que é capaz de acadar unha boa sintonía con escritores ben considerados na escena americana e de axeitarse ás esixencias do cómic comercial estadounidense. O seu periplo americano está a confirmalo como un debuxante sen fendas, capaz de asumir con garantías calquera reto que se lle propoña. 


sábado, xullo 22, 2017

Elipses e Sombras: O peregrino que chegou do frío

Un noruego en el Camino de Santiago

O noruegués Jason aparca a súa peculiar narrativa para ensaiar o xénero autobiográfico cunha crónica da súa experiencia no Camiño de Santiago.

O historietista noruegués Jason, pseudónimo de John Arne Sæterøy, comezou a publicar os seus traballos nos anos 80, pero foi co cambio de século cando adquiriu notoriedade fóra do seu país grazas fundamentalmente a dous títulos: Chhht!, unha obra sen texto, e Espera..., na que a relevancia das palabras era directamente proporcional á súa escaseza. Traballos posteriores recollerían unha maior presenza de texto nas súas páxinas, mais sempre de acordo cun espírito de contención verbal que se ten consolidado como un dos sinais de identidade do que é un dos creadores máis peculiares da BD europea actual. Outro serían os protagonistas das súas obras, tanto os daqueles dous relatos inaugurais coma os posteriores, un reducido elenco de animais antropomórficos de ollada inescrutable e corpo magro, figuras lánguidas e inexpresivas que sempre semellan agocharlle algo ao lector. Título tras título, Jason foi construíndo un mundo autónomo, de formas planas e cores estridentes, no que un estrafalario bestiario de criaturas icónicas (mosqueteiros, científicos, detectives) se consagraban á alegre subversión dos clixés das ficcións de xénero. Mais este universo está en colisión constante coa nosa realidade, non só pola frecuente apelación a referentes reais (de Scott Fitzgerald a Frida Kahlo) senón tamén pola inequívoca humanidade dos sentimentos que os seus relatos poñen en xogo. Velaí a súa peculiar a alquimia, a capacidade para contemplar o mundo dende unha perspectiva oblicua e devolver unha imaxe de nós mesmos estraña pero sospeitosamente familiar.

Compréndese así o interese que de seu ten o seu novo traballo, Un noruego en el Camino de Santiago (Astiberri, 2017), no que o artista noruegués fai unha paréntese nos lugares comúns da súa produción para abordar por vez primeira un relato que é explicitamente autobiográfico. O título resulta abondo descritivo, Jason relata a súa experiencia facendo o Camiño de Santiago dende Saint-Jean-Pied-de-Port (Jason reside actualmente en Montpellier) ata Compostela, seguindo despois ata Fisterra, un reto que o debuxante se impuxo ao facer os 50 anos. Se a súa obra máis recente facía normal o extraordinario, Jason asume agora o reto de construír unha narración a partires de sucesos cotiáns, as petit riens que marcan o día a día no Camiño. Os mosqueteiros que viaxan no tempo e os escritores célebres metidos a atracadores de bancos deixan paso a un debullar de vivencias diarias na ruta cara Compostela: as ampolas nos pés, as conversas cos demais peregrinos, os menús, os albergues... Acompáñao neste descenso á realidade unha retícula fixa de catro cadriños por páxina, un recurso que o debuxante emprega habitualmente pero que neste caso acentúa o monótono decorrer do relato. De aí que resulten especialmente agradecidas as pílulas de ironía con que vai sementando o camiño, pequenas excursións humorísticas que identificamos axiña coma características do autor e que engaden ao relato unha chispa necesaria.

A medida que avanza a narración descubrimos que Jason fixo algúns propósitos ao emprender o Camiño. O seu obxectivo non é só chegar a Santiago senón tamén vencer o seu carácter introvertido, conversar con outros peregrinos, superar as barreiras idiomáticas e as diferenzas persoais e facer da súa angueira unha experiencia compartida. Jason reflexiona sobre a súa personalidade, celebra cada pequena apertura e láiase polas ocasións de socialización que deixa pasar. O noruegués represéntase a si mesmo coa mesma ollada indescifrable que caracteriza aos seus personaxes, mais o que ata aquí interpretabamos coma un recurso estilístico convértese agora nunha confesión acerca do seu propio carácter que deita unha luz interesante sobre o conxunto da súa obra. É posible que a coñecida concisión verbal que caracteriza os seus traballos non responda a unha vocación experimental, nin ao desexo de facilitar a difusión internacional da súa obra, como adoita suxerirse cando os autores proceden da periferia xeográfica ou lingüística. Se cadra esa constante é un reflexo da introversión do autor. Talvez os seus personaxes falan pouco porque el mesmo é así.

É probable que esta compoñente confesional sexa un dos principais argumentos a prol de Un noruego en el Camino de Santiago. A obra ofrécenos ademais aos galegos a oportunidade de recoñecernos na ollada curiosa e desprexuizada de quen apenas sabe nada de nós. No tramo final do libro o autor descobre unha Galicia na que hórreos e parques eólicos forman parte dunha mesma paisaxe. A brétema e a chuvia acompáñano de Compostela a Muxía. Un gracioso cun aerosol converteu Fornos en Pornos. Jason remata a súa viaxe da forma correcta, entrando no mar.

sábado, xuño 24, 2017

Elipses e Sombras: Cartografía veneciana

Fóra de mapa

Emilio Fonseca debuta cun equilibrado relato histórico que combina unha intriga criminal cun suxestivo retrato da Venecia renacentista.
Ano tras ano e non sen certa irregularidade, o Premio Castelao de Banda Deseñada que concede a Deputación da Coruña vén contribuíndo a compensar as eivas do sistema editorial galego, facendo posible que vexan a luz títulos que doutro xeito terían moi difícil a súa publicación nun mercado tan exiguo coma o noso. O galardoado este ano foi Emilio Fonseca, autor sen obra publicada ata a data, que en 2013 dirixiu o documental Queimar o monte e do que nos consta que colaborou co proxecto de cooperación Chaco Ra’anga elaborando un cómic, Verde invisible, que está aínda pendente de publicación. Todo por descubrir, xa que logo, para un autor que é novel con máis de corenta anos, algo pouco frecuente nun eido no que a maior parte das voces emerxentes adoitan darse a coñecer sendo bastante máis novas.

Fonseca escolleu para o seu relato un escenario tan pouco casual como a Venecia do século XV, unha das cidades máis fascinantes do planeta contemplada nun momento crucial da Historia de Europa. A Sereníssima era daquela unha Cidade-Estado constituída como República independente, un próspero porto comercial favorecido pola súa privilexiada situación xeográfica no Mediterráneo e tamén un nodo de comunicación por onde chegaba a Occidente moita información acerca dunhas terras orientais que estaban aínda a descubrirse. A ambientación renacentista sitúanos nun contexto de revalorización das Artes e recuperación do Humanismo igualmente presentes na trama, pero tamén nun escenario no que calquera descubrimento xeográfico posuía un alto valor estratéxico, tanto en termos económicos coma políticos. Ningunha destas eleccións é casual. Fonseca dálle ao seu relato forma de thriller histórico, mais faino extraendo do contexto os seus ingredientes principais. Fóra de mapa ábrese cun asasinato, un engado para o lector que dirixe a trama cara os misterios criminais de ambientación histórica, un pau que tornou en subxénero de éxito despois de que Umberto Eco o popularizara co seu O nome da rosa. Porén, non é esta a única carta que Fonseca quere xogar. A súa obra abeira tamén o desexo de transcender as postais venecianas para ofrecer un xenuíno retrato dun tempo no que o mundo era un gran misterio que comezaba a ser desvelado.

Dous aspectos cómpre destacar de Fóra de mapa. Por unha banda, a súa ambición. Fonseca acomete un relato complexo, máis extenso do que adoita ser habitual nos premios Castelao, cun amplo elenco de personaxes protagonistas e que non renuncia a abordar asuntos como o escravismo, a situación dos xudeus, a moral sexual da época ou as tensas relacións entre Oriente e Occidente. Sen caer en alardes eruditos e cunha narrativa tan sobria como funcional, o autor deixa constancia do rigoroso da ambientación histórica, que se presenta mesturada con elementos propios das intrigas criminais en doses axeitadas ata acadar un resultado coherente. Ese sería o segundo aspecto a poñer en valor, o equilibrio final dunha narración consistente e á altura das súas propias ambicións a pesares de que non lle faltan ocasións para esparexerse.
Ademais dun máis que correcto thriller, Fóra de mapa resulta ser un suxestivo relato sobre o coñecemento como forma de poder que contén ademais un atinado retrato dunha sociedade en transición. Emilio Fonseca asina un primeiro traballo que sorprende pola súa consistencia, revelándose coma un autor a seguir no futuro inmediato da banda deseñada galega.



mércores, maio 24, 2017

Elipses e Sombras: Imaxes do abismo

Fragmentos seleccionados

O vigués Andrés Magán ofrece a mellor versión das súas claves creativas nun traballo repleto de imaxes perturbadoras.
 
A chamada “novela gráfica”, a corrente que vén marcando o devir da banda deseñada dende o cambio de século, xurdiu en boa medida da vontade de superar os formatos estandarizados e da demanda de que fosen as necesidades do relato as que determinasen as características materiais da obra e non ao contrario. Se cadra por iso, polo desexo de deixar fluír as historias sen someterse a restricións editoriais, a maioría dos traballos nacidos baixo esta etiqueta optan por expandir a narración mais sempre dentro do marco da literalidade, é dicir, da correspondencia entre o que se amosa e o que se quere contar. Isto contrasta co movemento que vén tomando forma dentro do cómic nos últimos anos, xurdido ao abeiro dos eventos de fanzines e autoedición pero cuxos protagonistas veñen acadando unha presenza cada vez maior no circuíto de edición comercial. Malia responderen a claves creativas diversas, os cómics creados por estes autores teñen en común unha reformulación dos procedementos narrativos que adoita traducirse nun arredamento deliberado das convencións máis firmemente asentadas. Os cómics de Begoña García-Alén, Conxita Herrero ou Cynthia Alfonso, por mencionar a algunhas das autoras máis relevantes desta tendencia, contan historias, mais fano desviándose da literalidade narrativa e, polo tanto, afastándose do centro de gravidade do cómic actual.
 
Un exemplo notable deste xeito de concibir o cómic é Fragmentos seleccionados, o novo traballo de Andrés Magán. Nel, o debuxante vigués presenta unha decena de historias que se erguen sobre unha sofisticada aposta estética na que a procura da expresividade vén sempre da man da reformulación das convencións narrativas. As primeiras páxinas do volume, nas que as imaxes se suceden sen coherencia narrativa aparente, ofrecen o que probablemente sexa o exemplo máis contundente deste propósito. Dende o primeiro momento, o lector queda advertido de que as vellas estruturas non rexen, de que a propia natureza narrativa da obra está en dúbida e de que, para aventurarse e seguir coa lectura, cómpre desprenderse do código interpretativo tradicional e tolerar un certo grao de incerteza.
 
Iso non significa que os relatos que compoñen Fragmentos seleccionados carezan de sentido. Ao contrario, cada unha das historias que integran o volume conduce a unha pequena epifanía, un momento de intensidade emocional que contrasta coa aparente frialdade das formas. A literalidade do narrado non abonda para chegar á verdade que acubilla cada relato, é a proposta estética, unha proposta que se afasta deliberadamente da representación realista, a que sinala o camiño. Magán deforma as figuras humanas, representándoas baixo formas hipersimplificadas, sen rostro ou como sombras. As repeticións, as simetrías, o xogo con formas xeométricas e os silencios prolongados, así como unhas cores estridentes e antinaturais, son recursos que o autor emprega para provocar no lector as sensacións que lle permitirán superar a opacidade da trama e intuír unha comprensión profunda do relato. A escaseza de texto resulta enganosa porque o que hai que ler son unhas imaxes de significado non convencional. Imaxes perturbadoras que describen feitos incomprensibles pero retratan con singular fidelidade sentimentos que si resultan facilmente identificables.
 
Andrés Magán presenta a versión máis complexa e sofisticada dunha poética visual que foi construíndo sen apenas desvíos en títulos anteriores. Fragmentos seleccionados é unha obra esixente, pero que ofrecerá tamén a súa recompensa a aqueles lectores que sexan capaces de deixarse levar pola súa estarrecedora iconografía.

xoves, maio 04, 2017

Elipses e Sombras: O corpo como paisaxe de batalla

De tripas y corazón
 
Remi Zaarour “Pozla” dá testemuño da súa loita contra a Enfermidade de Crohn cun relato repleto de forza expresiva.
 
É difícil achegarse a De tripas y corazón (Dibbuks, 2017), do historietista francés Pozla (Rémi Zaarour) sen evocar dous clásicos contemporáneos da BD europea: un é L’ascension du haut mal (Epiléptico, sins entido, 2009), o hipnótico relato do debuxante francés David B. dunha infancia e mocidade marcadas pola convivencia cun irmán enfermo de epilepsia; o outro é Pilules bleues (Píldoras azules, Astiberri, 2015), no que o suízo Frederik Peeters debullaba os pormenores da súa convivencia coa súa parella enferma de VIH. Coas súas moitas diferenzas, ambos títulos contiñan un achegamento en primeira persoa á experiencia da enfermidade e xogaron un papel fundamental na evolución da banda deseñada europea no cambio de século, achegando o medio a novos temas e formatos, dirixíndose a un novo perfil de lector e demandando tamén un novo xeito de recepción crítica. Asociando autobiografía e enfermidade, David B. e Peeters abriron un camiño que comezou a ser transitado dende aquel momento con certa asiduidade e sorte desigual por outros autores. De aí que o maior desafío que hoxe deben afrontar os novos títulos que veñen a sumarse a esta tendencia sexa o de evitar caer en fórmulas e atopar unha razón de ser alén da súa dimensión estritamente divulgativa. 
 
De tripas y corazón, tradución libérrima de Carnet de santé foireuse, ábrese cunha breve ollada á infancia do autor, na que comezan a manifestarse as primeiras disfuncións do aparato dixestivo. A partires de aí, Pozla debulla un desesperante periplo vital marcado polo avance da enfermidade, con síntomas que mudan e se agravan, episodios críticos e visitas a médicos que encadean tratamentos erráticos ata que se identifica a súa doenza como a Enfermidade de Crohn. Lonxe de ser unha liberación, o diagnóstico é recibido como a confirmación dos peores presaxios. O terror innominado resulta ter un nome non menos terrorífico. Chega a cirurxía, os longos períodos de hospitalización, a posta en marcha dun intestino ao que se lle seccionaron 80 cm. A narración segue o itinerario previsible dos relatos hospitalarios, con avances e retrocesos que semellan inacabables. Mais nada indica que a procura de orixinalidade argumental estivese entre as preocupacións do autor.
 
O cómic de Pozla é ante todo unha odisea expresiva. Sen renunciar a dar testemuño do que implica padecer o Mal de Crohn, as súas páxinas transparentan o desexo de transmitirlle ao lector un relato fiel da experiencia vivida. É na descrición das sensacións, na reprodución das dores, no relato dos episodios críticos onde o autor inviste todo o seu arsenal expresivo, recorrendo a imaxes metafóricas, deformacións extremas ou mostrando como a dor altera o seu propio trazo. Pozla traza un revelador retrato do ser humano como maquinaria imperfecta, o corpo como “paisaxe de batalla”, en expresión de Lois Pereiro, situando ao lector fronte unha versión extrema de realidades que necesariamente coñece: a enfermidade, a dor. A ironía e un humor amargo funcionan como antídoto contra os excesos dramáticos, alivian a trama e facilitan a complicidade co lector.
 
É dubidoso que este cómic gozara de versión castelá de non ter sido premiado no Festival de Angoulême en 2016. E tería sido unha mágoa. Ademais dun valioso retrato da dignidade do enfermo, De tripas y corazón contén unha fascinante procura de camiños expresivos,  achegándonos por vez primeira a obra dun debuxante de trazo enguedellado, un refinado caricaturista moi próximo á tradición do cómic satírico francófono que demostra ser ademais un narrador de talento. Velaí a utilidade dos premios.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias 2 de maio de 2017]

luns, abril 03, 2017

Elipses e Sombras: A revolta dos animais

Mirror: The mountain

O novo traballo de Emma Ríos mestura ciencia ficción e fantasía sustentándose na engaiolante proposta visual de Hwei Lin. 

Emma Ríos irrompeu na escena galega da banda deseñada con A prueba de balas, unha caste de Hong-Kong-movie en viñetas que apareceu en 2001 en forma de fanzine e continuou en 2003 como volume autoeditado baixo o selo de Polaqia. Malia o seu comprensible amateurismo, aquelas páxinas revelaban xa a unha debuxante cargada de futuro, mais tamén a unha singular narradora que despregaba sen complexos o seu potente cargamento referencial. A reaparición de Ríos en 2009 e o seu posterior ascenso na industria norteamericana do cómic confirmouna inicialmente como debuxante, por máis que saibamos que a súa participación en títulos como Bella Muerte, escrito por Kelly Sue DeConnick, foi máis aló do estritamente artístico. Ríos non recuperaría a condición de autora completa ata I.D. (Astiberri, 2016), un relato sobre identidades en conflito que viu a luz no seo da revista Island, que ela mesma dirixiu co historietista norteamericano Brandon Graham. Simultaneamente, a autora galega lanzaría Mirror, unha miniserie de fantasía desenvolvida en colaboración con Hwei Lin, unha artista malaia que coñeceu en 2008 con ocasión dun programa de intercambio cultural entre Europa e Asia.

Ambientada nun asteroide artificialmente adaptado para acoller vida humana, Mirror relata a difícil convivencia entre as dúas especies que a habitan, unha estirpe de criaturas híbridas (metade humanas, metade animais) e a colonia de magos científicos as crearon. O desexo dos primeiros de emancipárense da tutela humana e seren recoñecidos como suxeitos plenos levará a unha confrontación inevitable. Ríos e Lin sitúanse no ronsel de clásicos literarios como A illa do Doutor Moreau para reflexionar sobre os límites da humanidade, sobre aquilo que nos converte en humanos e tamén sobre o que pode unir (ou separar) a aqueles que non son exactamente iguais. A identidade, que xa centraba o relato precedente de Ríos, I.D., está tamén na cerna desta historia na que se adiviña ademais unha mensaxe sutilmente ecoloxista. 

Mirror é un traballo ambicioso, construído a partir dunha estrutura complexa e cun ton cambiante. Ríos desbota o camiño fácil e asume riscos cunha historia que se desenvolve en liñas temporais distintas narradas en paralelo, de xeito que o lector coñece a progresión do conflito ao mesmo tempo que descobre as súas orixes. Non sempre consegue estar á altura das súas pretensións, habendo momentos nos que os saltos temporais e as disquisicións dos personaxes conducen a unha certa confusión. Mais as autoras non renuncian a explotar tamén o sentido de marabilla, situando o lector diante de paisaxes exuberantes, arquitecturas requintadas e personaxes visualmente fascinantes. Non se debe desprezar o pracer que pode proporcionar unha estética engaiolante, menos tratándose dun relato fantástico, e nese eido Lin revélase coma unha eficaz aliada para escrita de Ríos. As súas acuarelas aportan a dose necesaria de poesía, tinxindo o relato dun ritmo pausado e un aquel melancólico. A súa narrativa é imaxinativa e audaz, destacando tamén a forza icónica das súas portadas. Se o volume norteamericano que recompila o primeiro arco argumental da cabeceira ten algunha eiva é a de relegar ás últimas páxinas as cubertas dos cinco primeiros números da cabeceira, unha cadea de imaxes que dan testemuño da beleza formal e forza expresiva que pode acadar a debuxante malaia.

Esta primeira achega de Mirror deixa un escenario e un elenco de personaxes cheos de posibilidades que as autoras acaban de retomar. Hai poucas semanas aparecía en Estados Unidos o primeiro capítulo do segundo volume. A edición española deste primeiro volume chegará da man de Astiberri no segundo semestre do ano.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 29 de marzo de 2017]

sábado, xaneiro 21, 2017

Elipses e Sombras: Os covardes porán fin á guerra

Bella Muerte: El oso

O novo volume de Bella Muerte repite os acertos da achega precedente e confirma a Emma Ríos e Kelly Sue DeConnick como un dos equipos creativos máis inspirados do cómic norteamericano actual.

Pretty Deadly, traducida ao castelán como Bella Muerte, supuxo o cambio de estatus de Emma Ríos no mercado do cómic norteamericano. De ser unha profesional que traballaba por encomenda para Marvel Comics pasou a ser unha autora que loitaba por facerse cun oco coas súas propias creacións no hipercompetitivo mercado estadounidense. A súa decisión de abandonar a maior editorial de cómic do mundo cando a súa traxectoria sinalaba un camiño claramente ascendente non estivo exenta de risco. Tanto os editores coma os lectores do cómic comercial son moi receptivos ao talento veña de onde veña, pero tamén esquecen con facilidade a aqueles autores que non manteñen unha presenza constante no mercado. De aí que a excelente acollida do primeiro arco argumental de Bella Muerte fose dobremente valiosa, xa que ademais de confirmar o seu enorme talento como debuxante permitiulle acometer máis proxectos á marxe das grandes compañías, como co-dirixir a revista Island e publicar nela traballos como escritora (Mirror, en colaboración coa debuxante Hwei Lim) ou como autora completa (I.D.).

Da man da editora vasca Astiberri chéganos agora Bella Muerte: El oso, segundo volume da cabeceira desenvolvido polo mesmo equipo que o arco anterior, a escritora Kelly Sue DeConnick, a propia Ríos como debuxante e Jordie Bellaire a cargo das cores. Un dos aspectos que contribuíu no seu día a darlle personalidade ao título foi a súa condición de western, un xénero que experimentou etapas de moita popularidade no século pasado pero que hoxe ten unha presenza moito menor. DeConnick e Ríos acollíanse á tradición serodia do xénero, asumindo os tópicos do western crepuscular e mesturándoos cunha fantasía desbordante ao tempo que incorporaban elementos doutras tradicións narrativas. Este segundo volume cambia o escenario, trasladando a acción ás trincheiras da I Guerra Mundial, un cambio arriscado, xa que deixa atrás un dos elementos máis definitorios da cabeceira, máis coherente cunha pretensión facer avanzar o relato sen caer en repeticións. Coa Gran Guerra como pano de fondo, as autoras defenden un concepto de valor afastado da épica belicista, ao tempo que amosan novas facetas da potente mitoloxía que comezaramos a albiscar no relato inaugural.

Este segundo volume confirma a Bella Muerte como un relato dunha fantasía asoballante mais tamén chea de matices. A inocencia e o lirismo dalgunhas pasaxes, como o diálogo entre o coello e a bolboreta que enmarca a narración, contrasta coa dimensión macabra, próxima ao terrorífico, que impregna outros lances. O labor de Ríos non só resulta fundamental para dotar o relato dunha atmosfera de seu, dun ton e mesmo dun estilo narrativo propios. Ademais, a intensa beleza das súas pranchas remata por converterse nun dos grandes argumentos a prol da obra. As páxinas de El oso amosan a unha artista en plenitude que ofrece o mellor de si mesma en cada prancha. O carisma dos personaxes débelle moito á forza icónica do seu deseño. A exuberancia e orixinalidade das súas paisaxes oníricas demostran que aínda é posible acadar unha beleza fascinante sen repetir tópicos visuais. As cores de Jordie Bellaire, unha das mellores profesionais da industria norteamericana actual, revélanse como o complemento perfecto. O mesmo cómic en mans doutros artistas sería completamente distinto. 

Bella Muerte segue a ser unha encrucillada de tradicións narrativas eficazmente conducida por unha Kelly Sue DeConnick que atravesa un dos mellores momentos da súa carreira. El oso permítenos confirmar a vixencia da mitoloxía que ela e Ríos crearon no arco inaugural. Non só iso, lonxe de esgotar as premisas da serie, o peche deste segundo volume deixa aínda recantos por explorar no peculiar universo creado por ambas. Non é pouco, posicionarse na franxa do mercado que se sitúa a metade de camiño entre o cómic comercial e o cómic de autor resulta fundamental para que unha autora poida sosterse sen recorrer ás grandes compañías (Marvel e DC) e mellora as súas expectativas se se ve obrigada a facelo. A solidez desta proposta agoira un bo futuro para Emma Ríos, cando menos nun futuro inmediato.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 19 de xaneiro de 2017]

domingo, decembro 25, 2016

Elipses e Sombras: Furia necesaria

Gran Hotel Abismo

O novo traballo de Marcos Prior e David Rubín aborda a actual crise do capitalismo convidando a substituír análises e protestas pola acción directa.

Dicía Stendhal que a política é unha pedra de muíño atada ao pescozo da literatura, capaz de afundila e afogala en menos de seis meses. Non sabemos se Marcos Prior disinte desta afirmación ou se a acepta coas súas consecuencias, mais o certo é que o conxunto da súa carreira está marcada pola vontade de construír os seus cómics arredor dun discurso explicitamente político. Títulos como Fagocitosis (Glènat, 2011), El año de los cuatro emperadores (Diábolo, 2012) ou a recente Necrópolis (Astiberri, 2015) dan conta da actual crise do capitalismo, ofrecendo unha perspectiva tan lúcida como desacougante, abertamente ideolóxica pero tamén distante abondo como para concederlle ao lector o seu espazo. Non é difícil establecer unha continuidade entre estas obras e o seu novo traballo, Gran Hotel Abismo (Astiberri, 2016), que afonda na mesma liña e engade un novo sumando, a participación do galego David Rubín.

Nunha das primeiras imaxes de Gran Hotel Abismo asistimos a unha manifestación de cidadáns indignados pola crise. Da multitude xorde unha figura enmascarada que avanza cara a primeira liña e busca a confrontación directa coa policía. Os seus actos captarán a atención de todos e rematarán de forma espectacular. Sen embargo, e malia as súas graves consecuencias, o acontecido é ante todo unha performance. “O Animador”, revelador alcume polo que coñeceremos ao personaxe, está a actuar diante dos manifestantes e das autoridades, os medios recollen e reproducen as imaxes dos seus actos, os tertulianos guíndanse sobre elas coma aves de rapina, as redes sociais multiplican o efecto nun bucle interminable. O performer representa diante do público o tránsito da protesta á acción directa. Velaí a súa receita anticrise, convencer ás masas da inutilidade da “manifestación” se non vén acompañada de “acción”. E velaí tamén o debate que Prior e Rubín tentan trasladarlle ao lector.

Se o impacto no espectador é un elemento fundamental da agitprop, a participación de Rubín revélase como un factor imprescindible de Gran Hotel Abismo. Poucos autores son capaces de facer do acto de lectura unha experiencia tan intensa e cargada de adrenalina coma o debuxante ourensán. Hai uns anos que Rubín derivou cara unha narrativa-espectáculo que bate no lector a cada volta de páxina. Dende unha composición complexa e requintada, antítese da narrativa “invisible”, á peculiar utilización de onomatopeas e signos gráficos ou o cada vez máis recoñecible uso das cores (aspecto no que desta volta contou coa colaboración de Kike J. Díaz), as pranchas de Gran Hotel Abismo son pura pirotecnia visual, unha explosión de estímulos na que o lector atopará citas explícitas (O club da loita, El Eternauta) e evocará pasaxes de clásicos da axitación política en banda deseñada (V de Vendetta, Batman: The Dark Knight returns).

Gran Hotel Abismo semella dar por rematado o tempo de facer diagnósticos. Xa todos aprendemos polas malas que é iso que chamamos crise, quen a provocou, a quen beneficia e quen padece as súas consecuencias. Non só iso, tamén cuestiona a utilidade do berro irado contra os responsables do deterioro do benestar social e da destrución de dereitos. A obra transpórtanos un chanzo máis arriba, ata a acción que debe seguir á convicción, unha acción que implica romper a baralla, situarse fóra dos límites que o propio marco institucional considera tolerables e, de forma inevitable, obrar de forma violenta. A partires de aí, correspóndelle ao lector decidir tanto sobre a lexitimidade como a viabilidade deste proceder. 

É difícil interpretar o discurso de Prior e Rubín sen deternos nun final que algúns considerarán inxenuo en exceso. Concedendo que o happy end deixa de ser conservador alí onde o pensamento hexemónico esixe outro final, non é menos certo que Gran Hotel Abismo suscita un debate pero apenas aporta argumentos. Coma ese “Animador” que se abre camiño sen que ninguén sexa quen de detelo, a obra é ante todo unha demostración de forza, un discurso visceral envolto nun aparello visual impactante. Se cadra esa era a intención dos autores, ceibar unha mensaxe furiosa que poña fin ao bizantinismo dialéctico, tan útil ao poder, mais tratándose de dous talentos tan bravos coma Prior e Rubín non deixa de botarse en falta algo máis de combustible ideolóxico.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 23 de decembro de 2016]

xoves, decembro 01, 2016

Elipses e Sombras: Os crimes de Barcelona

Lamia

Rayco Pulido regresa cun afiado relato criminal que retrata con lucidez a abafante atmosfera da España da posguerra.

Despois da excelente acollida de Nela (Astiberri, 2013), a súa arriscada adaptación da Marianela de Pérez Galdós, Rayco Pulido regresa con Lamia (Astiberri, 2016), unha intriga criminal ambientada na Barcelona de 1943 que acubilla ademais un retrato histórico e unha rotunda mensaxe en clave social. Elaborada na súa maior parte durante a estadía do autor na Maison des Auteurs de Angoulême, estamos perante un exemplo de obra total, na que unha proposta estética minuciosamente definida e que calquera seguidor do autor identificará como resultado dun labor de experimentación en traballos previos, acompaña unha trama que asume conscientemente os tópicos do xénero criminal mais non chega a abandonarse a eles, matizándoos nun sentido nitidamente contemporáneo. Iso sen esquecer a propia materialidade da obra, o libro, cuxo formato se afasta sutilmente dos estándares editoriais para axeitarse ás súas propias necesidades.  

Lamia ábrese coa imaxe en primeiro plano dun aparato de radio no que se escoita (aínda que non se identifica explicitamente) o consultorio de Elena Francis. Eulalia, a protagonista do relato, forma parte do equipo de redactoras que responde ás cartas que chegan ao programa, a maioría delas enviadas por mulleres que piden consello acerca da súa situación persoal e moi nomeadamente acerca da súa vida en parella. Non se trata dunha nota decorativa, senón do pretexto argumental que lle permite introducir un dos temas centrais da historia, o divorcio entre a realidade social da España de posguerra e a moral que se impoñía dende as instancias de poder. Os casos que se expoñen retratan como, malia estar toda a sociedade sometida ao discurso esmagador do nacionalcatolicismo, a liberdade de que gozaban os homes permitíalles esquivar os seus ríxidos preceptos mentres ás mulleres, encarceradas na esfera familiar, non se lles proporcionaba outra receita que a mansedume e a resignación. A historia de Eulalia é a dunha muller consciente do seu sometemento que asume a aparencia externa (exacerbada, case paródica) de muller respectable como mecanismo de defensa. A ausencia de personaxes virtuosos tinxe o relato dunha agradecida ambigüidade moral e aboca ao lector a comprender a conflitiva personalidade dunha muller que se resiste a ser estigmatizada socialmente. 

Intúese en Lamia un exhaustivo traballo de depuración do superfluo que non debería sorprender a quen coñeza a traxectoria previa do autor. Se Nela era un complicado exercicio de tradución de linguaxes, Sin título (2008-2011) (De Ponent, 2011), o seu primeiro traballo como autor completo, contiña un diálogo no que o autor xustificaba cada unha das súas decisións creativas fronte a unha figura crítica. Os mecanismos da ficción, a arquitectura dos relatos son preocupacións recorrentes na súa obra, mais é probable que nunca ata agora se aproximase tanto á perfección formal. Pulido traza unha narración concisa, mesmo breve para os canons actuais da novela gráfica, no que nada sobra e todo encaixa. Partindo da simplificación das formas de Nela, o autor canario deriva agora cara un acabado máis plano e xeométrico, cheo de arestas e liñas que se cruzan, ao que reconduce tanto o deseño de personaxes (magnífico o rostro-máscara da protagonista) como o escenario no que se desenvolve a acción, unha Barcelona estilizada aínda que facilmente recoñecible. O resultado é unha suma perfecta de caracterización e definición de ambientes, unha sofisticada proposta visual tan suxestiva como eficaz narrativamente.

O relato péchase cunha mestura de nihilismo e esperanza, un final ambiguo que evita xulgar os personaxes e concede a última palabra ao lector. Sen dúbida, estamos perante un dos mellores títulos deste ano que remata.

venres, novembro 04, 2016

Elipses e Sombras: Un submarino nazi na ría de Vigo

Lobada

Seis anos despois de O burato do inferno, Xosé e Ramón Trigo presentan Lobada, un relato de espionaxe que toma como pretexto o comercio de volframio entre Galicia e a Alemaña nazi durante a Segunda Guerra Mundial.

Os irmáns Xosé e Ramón Trigo publicaron en 2010 O burato do inferno, un relato escuro que recuperaba para a ficción a figura dos raqueiros, piratas de terra que provocaban o naufraxio dos buques que circulaban preto da costa para se apropiar da súa carga. A obra tivo unha boa acollida crítica, aínda que a súa repercusión nos medios foi escasa, como adoita acontecer na banda deseñada galega a excepción duns poucos nomes. Con igual discreción está a ser recibido o seu novo traballo, Lobada (Deputación da Coruña, 2016), unha narración ambientada no Vigo de 1943 que xira arredor do comercio do volframio entre as autoridades franquistas da época e unha Alemaña nazi que dependía do mineral galego para manter en marcha a súa mastodóntica industria bélica. A versión que agora ve a luz é a reelaboración dun antigo proxecto chamado Kartoffel co que os autores quedaron finalistas do Premio Castelao de Banda Deseñada en 2009.

Nunha equilibrada combinación de elementos históricos e ficticios, os irmáns Trigo imaxinan unha misión de espionaxe que non só ten como obxectivo eliminar as redes de contrabando de volframio senón tamén obter unha fórmula curativa dunha menciñeira do País. Os autores espallan polo texto referencias documentais, algunhas auténticas e outras abertamente falsas, que contribúen tanto a subliñar a veracidade do marco histórico como a reforzar a complicidade co lector. Esta premisa válelles para imaxinar unha ría de Vigo visitada por submarinos alemáns, para retratar a xerifaltes nazis paseando polo porto da cidade e, en definitiva, para incorporar a Galicia a un imaxinario, o da Segunda Guerra Mundial, recreado de forma masiva por ficcións de todo tipo pero inexplicablemente ausente da nosa propia tradición ata hai pouco. Lobada súmase deste xeito a novelas recentes como Febre de Héctor Carré, Izan o da saca de Xabier Quiroga ou Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo, que tiran do fío da memoria colectiva para amosar un pasado incómodo de conivencia entre a Galicia do franquismo e o réxime nazi.

Xurdido da escena fanzineira de Vigo dos anos 80, Ramón Trigo é ben coñecido como ilustrador, faceta na que ten obtido recoñecementos coma o Premio Isaac Díaz Pardo ou o Premio Lazarillo. Debuxante conciso e excelente narrador, caracteriza o seu estilo unha falta de definición deliberada, próxima ao bosquexo, que lle confire ás súas pranchas unha peculiar capacidade evocadora. Trigo levaba ao extremo as súas claves artísticas en O burato do inferno, onde se valía de enormes masas negras para retratar a Galicia bretemosa do século XIX, antes da chegada da luz eléctrica. En Lobada aquel negror expresionista é substituído por tons ocres máis acaídos para retratar un Vigo que se abría á industrialización tras a Guerra Civil. É a única diferenza salientable co seu traballo anterior. Mantense a concisión verbal, a redución do texto ao mínimo imprescindible para descansar o peso narrativo no debuxo. A forte personalidade artística de Ramón Trigo termina por apropiarse do relato por completo.

Con só dous títulos elaborados en conxunto, os parámetros creativos delimitados polos irmáns Trigo comezan a estar ben definidos. Por unha banda, é moi clara a súa vontade de procurar na nosa historia un contexto suxestivo no que ambientar os seus relatos. Se detrás desa elección hai un propósito divulgativo, este semella estar encamiñado a ofrecer unha imaxe de Galicia afastada dos tópicos da docilidade e a submisión ao poder. Os protagonistas de O burato do inferno e de Lobada son raqueiros, contrabandistas e fuxidos, xentes que habitan nas marxes da sociedade, que infrinxen a lei para a súa supervivencia ou se rebelan contra un poder inxusto. A Galicia dos irmáns Trigo é unha terra dura habitada por xente brava, un territorio propicio para a intriga, a aventura e tamén para a reflexión acerca do noso propio pasado. 

luns, outubro 03, 2016

Elispses e Sombras: A illa das marabillas

Impresiones de la isla

Retranca Editora recupera unha alfaia do cómic galego.

Nos anos 90, a dura competencia entre as editoras de tebeo superheroico e a irrupción do manga, co fenómeno Dragon Ball á cabeza, asolagaban o mercado español do cómic sen que apenas quedara espazo para produtos doutra natureza. Iniciativas como a de Camaleón, unha pequena editorial con sede en Mallorca, supuxeron un intento case heroico de engadir algo diversidade ao mercado e dar abeiro a un amplo colectivo de autores que, dende a desaparición das revistas de cómic a finais dos 80, carecían de plataformas axeitadas nas que publicar os seus traballos. Foi en Camaleón onde dous galegos, Carlos Portela e Fernando Iglesias “Kohell”, publicaron Impresiones de la isla, un cómic que, malia o seu breve percorrido (tan só dous números aparecidos entre 1993 e 1994), deixou unha forte pegada nunha xeración de lectores.
 
Se os 90 foron no cómic comercial anos de balbordo e pirotecnia, Impresiones de la isla discorría nunha dirección claramente oposta. Nas súas páxinas atopamos un puro divertimento, un relato repleto de fantasía e imaxinación que reivindica o sentido lúdico e a inocencia na ollada. O primeiro capítulo narra a aterraxe nunha illa (“a illa”) da bala de canón na que viaxa Hippolitus H. Oc, posteriormente rebautizado como Preguntoiro Floral. As páxinas seguintes describen o encontro de Preguntoiro coa paisaxe natural e humana dun illote que resulta non ser tal, xa que se despraza polo océano sen rumbo definido. Coma Alicia ou o Pequeno Nemo, Preguntoiro é o emisario da nosa realidade nun mundo repleto de marabillas pero suxeito tamén ás súas propias normas. Portela e Iglesias sitúan ao lector perante un catálogo de personaxes singulares, coas súas teimas e os seus dramas, ao tempo que intentan contaxiar as sensacións de sorpresa e marabilla que experimenta o protagonista.
 
Impresiones de la isla funciona tamén como unha elegante homenaxe aos pioneiros da banda deseñada. O deseño de personaxes, os escenarios ou mesmo o argumento aluden abertamente a algunhas das figuras máis relevantes das tiras de cómic norteamericanas de principios do século, nomes coma Winsor McCay, George Herriman, E.C. Segar ou George McManus. Mais a influenza destes autores vai máis aló do simplemente estético, xa que Portela e Iglesias recollen tamén a súa arela de transcender calquera convención e explorar todas posibilidades expresivas do cómic e a súa linguaxe. Cada páxina de Impresiones de la isla érguese como un escenario no que as secuencias se suceden sen necesidade de viñetas, formando un requintado labirinto de figuras e texto no que sempre queda unha vía para que o lector se mova con facilidade. Lonxe de ficar nun formalismo baleiro, o resultado abraia tanto pola súa beleza estética como pola súa finura narrativa.
 
Aínda que o mercado da banda deseñada é hoxe moito máis diverso que nos anos 90, son poucos os autores que dende entón teñen percorrido o camiño aberto por Portela e Iglesias. Ambos crearon un artefacto que non ten outro propósito que agradar ao lector presentando un discurso amable nun sofisticado envoltorio formal. A súa obra é un poderoso exercicio de estilo, así coma unha eficaz defensa do xogo e a procura da complicidade co lector coma alicerces dunha proposta sólida e perdurable. O feito de non ter creado escola non lle resta valor á obra, ao contrario, Impresiones de la isla é en si mesma unha illa, unha alfaia que brilla pola súa singularidade no pasado recente da nosa banda deseñada. A excelente reedición de Retranca Editora, en formato grande, con abundantes extras e un exquisito respecto polo material orixinal, permite achegala a unha nova xeración de lectores na súa mellor versión.

sábado, agosto 27, 2016

Elipses e Sombras: Rule, Britannia!

Las aventuras de Luther Arkwright

A edición en formato integral de Las aventuras de Luther Arkwright de Bryan Talbot confirma a vixencia dun dos títulos máis representativos e influentes do cómic británico dos anos 80.

Nos anos 80 tivo lugar en Gran Bretaña a eclosión dunha xeración de autores que co paso dos anos deixaría unha fonda pegada no mundo do cómic. Nun mercado dominado polas revistas de aventura e ciencia ficción comezaron deixar mostras do seu talento artistas coma Alan Davis, Alan Moore ou Grant Morrison. Tamén Bryan Talbot, que entre 1978 e 1982 comezou a publicar Las aventuras de Luther Arkwright en revistas coma a escocesa Near Myths ou a inglesa pssst!. O sucesivo peche de ambas cabeceiras deixou a saga inconclusa pero non esquecida. O pulo dos lectores, que  reclamaban a súa continuación, e a teimosía do seu autor, que cría firmemente na súa obra, fixeron posible a súa volta en 1987, xa baixo a súa propia cabeceira, e a súa conclusión dous anos máis tarde. Dende entón o título foi traducido a numerosos idiomas e vén sendo reeditado periodicamente, o que confirma a súa posición destacada na evolución do cómic británico do século pasado. 

Talbot imaxina en Las aventuras de Luther Arkwright un mundo no que os Puritanos, descendentes de Oliver Cromwell, e os monárquicos Realistas se disputan o poder en Gran Bretaña, mentres potencias europeas coma Prusia ou a Rusia Imperial entran no xogo de alianzas para tirar proveito político. O autor inglés elabora un arrevesado pastiche no que os fitos fundacionais do nacionalismo británico se mesturan coa mitoloxía nórdica, o misticismo oriental e o delirio cósmico para artellar unha reflexión sobre as esencias británicas, a súa historia e o lugar que ocupa no mundo. Malia o seu aparatoso envoltorio de ciencia ficción, a obra serve de vehículo para unha clara impugnación do conservadorismo moral e do totalitarismo político, algo que dificilmente pode separarse do feito de  ter coincidido a súa aparición co ascenso do thatcherismo. Sen chegar a ancorarse na realidade do momento, Talbot foi quen de denunciar a involución reaccionaria que estaba a experimentar a sociedade británica nos primeiros 80, algo no que reincidirían títulos coetáneos e posteriores coma Judge Dredd, V de Vendetta ou Marshal Law.

Mais o interese de Las aventuras de Luther Arwright vai máis aló da súa interpretación en clave sociopolítica. A complexidade narrativa da obra unida á ambición do seu discurso formal fálanos dun autor ansioso por sobordar calquera convención e explorar todas as posibilidades expresivas do cómic como medio. Talbot experimenta cos tempos narrativos, fragmenta o relato e establece saltos no tempo, mestura os códigos gráficos do cómic comercial cos do underground, recorre ao collage e outras técnicas visuais grandilocuentes, prefigurando un estilo narrativo que posteriormente caracterizaría a autores da popularidade de Grant Morrison ou Alan Moore. O resultado é un texto deliberadamente denso aínda que intelixible, un traballo esixente que se dirixe a un lector pouco acomodaticio. Talbot aspiraba a atraer cara o cómic ao mesmo público que lía a Michael Moorcock ou admiraba as películas de Nicolas Roeg, autores ambos cuxa influenza no proceso de elaboración deste título ten sido recoñecida polo seu autor. Polo seu espírito experimental e contestatario, pola súa procura dun novo perfil de lector e pola precisión con que adiantou algunhas das tendencias creativas máis celebradas dos anos seguintes, Las aventuras de Luther Arkwright ocupa un lugar destacado no cómic británico do pasado século, polo que debemos celebrar a súa recuperación en formato integral e nunha edición que permite gozar da obra en todas as súas dimensións.