martes, agosto 29, 2017

Elipses e Sombras: Entre dous mundos

Ether. La muerte de la última Llama Dorada

David Rubín únese ao escritor norteamericano Matt Kindt para producir Ether, un relato que mestura aventura, fantasía e ficción detectivesca. 

David Rubín debutou no mercado norteamericano con El momento de Aurora West (DeBolsillo, 2014), unha miniserie que afondaba no universo creado uns meses antes por Paul Pope en Battling boy (DeBolsillo, 2014). O galego encaixou naquel proxecto cunha naturalidade sorprendente, debida á súa coñecida versatilidade, pero tamén á afinidade entre os proxectos creativos de ambos autores. Despois de ver como dúas obras emblemáticas da súa traxectoria europea, El héroe e Beowulf, eran publicadas en Estados Unidos, Rubín une forzas con outro escritor de carreira consolidada, Matt Kindt, para produciren Ether, unha serie limitada de cinco capítulos que ve a luz baixo o prestixioso selo editorial Dark Horse. Kindt forma parte do cada vez máis nutrido grupo de escritores que xorden da escena independente norteamericana e terminan facéndose un sitio ao abeiro das grandes compañías. No seu caso, despois do éxito de títulos de creación propia como Super Spy ou Sweet Tooth, vén alternando traballos por encomenda para DC ou Valiant Entertainment con outros da súa propiedade coma Ether

Boone Dias, protagonista da serie, é un científico que leva anos explorando a dimensión máxica de Ether. Home de ciencia gastado pola vida, asumirá axiña o rol de detective para investigar o asasinato da derradeira Chama Dourada, a figura protectora do Reino. O que nunha primeira aproximación podería semellar un simple relato fantástico revélase axiña coma un artefacto máis complexo, no que os clixés narrativos se superpoñen e os personaxes acusan un marcado acento referencial. Dias é un heroe crepuscular de estirpe pulp que non só se aferra ao seu raciocinio para resolver o crime, na mellor tradición do xénero detectivesco, senón que cre posible traducir a termos lóxicos os principios máxicos que rexen en Ether. No seu periplo investigador percorrerá distintos lugares do Reino, comezando pola súa luminosa capital Agartha, antítese da cidade escura e inhóspita propia do relato criminal. Ao seu paso atopará fadas, golems e toda caste de criaturas xurdidas de diferentes tradicións fantásticas. Ether achégase ás ficcións de xénero mais faino afastándose de calquera purismo, preferindo a mestura de tópicos con fins lúdicos. O seu propósito semella ser o de atrapar a ollada do lector e ofrecerlle un espectáculo repleto de aventura e imaxinación. 

Esta aposta de Ether pola fascinación visual e o pracer inmediato remata por concederlle grande importancia ao deseño de escenarios e a caracterización de personaxes, unha oportunidade que Rubín non desaproveita. O desenvolvemento gráfico do ourensán remata por ser un dos grandes argumentos a prol do título, e non só pola súa excelente narrativa (poucos debuxantes do mercado norteamericano actual poden presumir dunha posta en páxina tan fluída, persoal e exuberante coma a súa) e a vistosidade dos seus recursos, senón tamén polo delicado equilibrio que acada a súa combinación de elementos realistas, escenarios de fantasía e personaxes caricaturescos. O ton desenfadado da serie permítelle ademais ceibar unha agradecida vis cómica que apenas tivo cabida nos seus traballos máis recentes a excepción da súa adaptación de El retablo de las maravillas

O volume que presenta Astiberri contén os cinco primeiros números da cabeceira. Malia funcionaren coma un correcto relato de presentación, a sensación final é a de que non chegamos máis aló do primeiro acto e todo fica pendente dunha continuación que chegará se a acollida deste primeiro arco argumental é boa. A carreira internacional de Rubín sobe un novo chanzo ao demostrar que é capaz de acadar unha boa sintonía con escritores ben considerados na escena americana e de axeitarse ás esixencias do cómic comercial estadounidense. O seu periplo americano está a confirmalo como un debuxante sen fendas, capaz de asumir con garantías calquera reto que se lle propoña. 


Ningún comentario: