sábado, marzo 29, 2008

Chinés americano



American born chinese”, o título orixinal deste Chinés americano (La Cúpula, 2007) de Gene Luen Yang resulta revelador do mundo en que vivimos no que, ó parecer, se lle concede á etnicidade unha natureza case biolóxica. A voz orixinal, irreprochablemente traducida, parece incidir na primacía da etnia sobre a nacionalidade: fálase dun “chinés nacido en América”, dun rapaz que non deixa de ser chinés por máis que viva dende que naceu nos Estados Unidos. Semella que para ser norteamericano (e coido que isto non é exclusivo deles) hai que observar toda unha serie de normas que van alén das que estrictamente regulan a adquisición da nacionalidade.

Xa que logo, parece normal que un “american born chinese” como Jin Wang, o protagonista do relato, conciba a adquisición da condición real de “americano” coma un proceso de conquista no que debe renunciar a aqueles rasgos que o vencellan á cultura que hereda dos seus pais. Así pois, a idea de integración como xeito de regular a convivencia conservando a diversidade cultural presente na sociedade semella claudicar fronte a forza asimiladora e os sutís mecanismos de imposición da cultura dominante.

Estas ideas conforman o sustrato da historia que desenvolve Luen Yang, baixo a forma dun relato de adolescencia típicamente ianqui (instituto, popularidade, deportes, primeiro amor, amizade…) ó que se engade a narración de lendas chinesas como acertado contrapunto. O estilo gráfico do autor achégase a certas formas moi populares na animación televisiva máis recente, con debuxos sintéticos, deliberadamente planos e un colorismo moi vivo. Malia a ser evidente, a vocación moralizante da historia preséntase cun distanciamento que permite disfrutala sen a molesta sensación de estar a ler un manual de corrección política.

sábado, marzo 22, 2008

Promethea 3



A Promethea de Alan Moore e J.H. Williams III parécese a demasiadas cousas sen que esté clara a carta a que quere xogar o de Northampton: ¿estamos perante a exposición dunha cosmovisión? ¿un tratado de maxia? ¿unha reflexión sobre a función que cumpren para a especie humana a fantasía e a imaxinación? ¿un delirio? ¿unha descomunal broma? Ademáis, o contido da trama foi experimentando un paulatino alonxamento das premisas iniciais, de xeito que os contidos concretos representados polos argumentos terrenais van perdendo presencia e importancia fronte a exposición pormenorizada dunha cosmogonía e o entramado máxico-filosófico na que se sustenta. Non é de estrañar, xa que logo, que a serie teña os seus detractores.

Porén e ainda matizando que disfrutei menos deste terceiro tomo da serie (Norma, 2007) que dos dous anteriores, mantéñome en que estamos ante unha auténtica alfaia en cuxa lectura un pode compracerse se está disposto a facer algunha concesión. A primeira é a de asumir que o argumento ten unha importante compoñente abstracta, por máis que soterradamente haxa unha trama máis convencional que avanza paseniño. A segunda, recoñecer o titánico esforzo de Williams á hora de plasmar o universo máxico de Moore; penso que non esaxero se digo que nos seis números que compoñen este tomo non hai unha soa páxina que non mereza unha contemplación detida e unha cumprida felicitación ó artista polo seu inconmensurable traballo. E a terceira, estimar o xeito que o tándem Moore-Williams tivo de poñer en valor o formato de 24 páxinas, outorgándolle a cada capítulo unha personalidade de seu dende a portada á súa derradeira páxina, resultando ademáis coherente dentro dun formato máis amplio como o que agora se emprega nesta reedición. Xa que logo, eu sigo a disfrutar desta obra polo que agardo que Norma siga coa sua publicación este ano.

Entradas relacionadas – Promethea
Promethea 2
Promethea 1

Entradas relacionadas – Alan Moore
Top 10
Cousa do Pantano: No pantano
O día do xuízo

venres, marzo 21, 2008

Queen & Country: Operación Alforxas



Lonxe de pretender perpetuarse repetindo esquemas, Greg Rucka ten amosado a súa intención de someter a serie da súa creación, Queen & Country, a cambios constantes. Así, dun xeito natural e case imperceptible, nos vintecinco capítulos que ten publicado Norma xa se produciron sucesivos trocos (algún deles por pasamento) na titularidade dos Monitores e altos cargos do M15, o servizo de intelixencia británico no que se centra a serie.

Este sétimo volume da serie regular titulado Operación Alforxas (Norma, 2008) arranca cun primeiro número autoconclusivo destinado a profundizar no entorno familiar da protagonista Tara Chace. A evidente intención de Rucka de lle conferir profundidade ó seu personaxe fetiche pode resultar digna de aprecio, pero falla a execución, na que falta calado real e sobra dramatismo de culebrón. O debuxante Steve Rolston segue a parecerme un artista inaxeitado para esta serie, por máis que teña mellorado sensiblemente dende o primeiro arco que debuxou nela.

Os tres números restantes recuperan o tono habitual da serie, con Tara estrenándose coma Monitor Un e tomando a un Monitor Tres novato coma compañeiro. A trama séntase e resólvese coa corrección que adoita demostrar Rucka, optando por un desenlace cuxa orixinalidade fronte ós esquemas clásicos (televisivos, cinematográficos) do xénero de espionaxe pode resultar ata certo punto anticlimático pero tamén, e se cadra por iso, sorprendente e interesante. O debuxante, Mike Norton, acompaña e pouco máis: mantén un bo tono na caracterización pero presenta claros problemas en narración. A falta de adversarios fixos, o guionista preferiu enfrontar ós protagonistas coa cadea de mando, de xeito que se mantén o interese de cara á continuación da serie.

Entradas relacionadas – Queen & Country

domingo, marzo 16, 2008

Criminal: Covarde



Non é ningún segredo que Ed Brubaker domina á perfección os recursos proprios do xénero negro. O seu primeiro traballo para DC comics, tras unha notable traxectoria no cómic independente, foi A escena do crime e de aí pasou a series de entorno superheroico que, baixo a súa dirección, adquiriron un inconfundible tono noir: Gotham Central, Catwoman, Sleeper, mesmo Daredevil… O seu salto ás grandes cabeceiras Marvel (X-Men, Capitán América) implicou a perda deste sinal de identidade, motivo que se cadra tivo a súa influencia para que acometese simultáneamente un proxecto como Criminal (Panini, 2008). Plantexado de principio a fin como un cómic de xénero negro e desprovisto de calquera implicación pixameira, Brubaker tiña a oportunidade de desenvolver unha historia sen máis limitación que a súa vontade, máxime considerando o prestixio que merecidamente se gañou nestes anos.

É por iso que, a pesares de estarmos perante un traballo notable e indiscutiblemente por riba da calidade media do que se publica actualmente, non podo disimular unha certa decepción. Non quero que se me malinterprete. Esta primeira entrega titulada Covarde é, de seu, unha obra redonda, perfectamente tramada, desenvolvida e resolta. O concurso de Sean Phillips ós lápices constitúe outra garantía máis, non só pola súa indiscutible calidade, senón polo perfecto entendemento que ambos amosaron en Sleeper. E porén, ou se cadra por ese cúmulo de condicionantes positivos, boto en falta neste traballo o aquel de xenialidade que si atopo noutras obras deste autor. Pode ser que o diálogo de xéneros (negro-superheroes), no canto de constituir un obstáculo, resulte máis enriquecedor que a simples reivindicación e posta ó día dos tópicos do noir americano.

Pola súa banda, Sean Phillips amosa a súa versatilidade plantexando as páxinas dun xeito sensiblemente distinto a como o facía en Sleeper, adoptando neste caso un estilo máis clásico e sobrio. No seu debe apuntar tan só a execución da escena de acción principal da trama, desenvolvida dun xeito que resulta confuso, pouco verosímil ou as dúas cousas.

Non quero rematar sen significar outra vez que as miñas críticas son simples matices a unha obra de talla indiscutible cuxa continuación seguirei con puntualidade.

Entradas relacionadas – Ed Brubaker

martes, marzo 11, 2008

Superman: As catro estacións



Non sendo a súa primeira colaboración, Superman: As catro estacións (Norma, 2001) é unha obra que condicionaría indiscutiblemente a traxectoria do tándem artístico que compoñen Jeph Loeb e Tim Sale. E iso porque o éxito desta historia revisionista e nostálxica protagonizada por un Clark Kent que se abre á idade adulta levaría a ambos autores a acometeren proxectos semellantes protagonizados por superheroes igualmente icónicos: Daredevil: Marelo. Spiderman: Azul, Hulk: Gris

Estamos perante un cómic vocacionalmente sinxelo e amable, se cadra unha boa introducción ó universo de Superman e, por extensión, ó imaxinario superheroico. Sale deseña unha Smallville que semella imaxinada por Norman Rockwell (a quen homenaxea en máis de unha viñeta) e unha Metrópolis que, baixo un halo de luz e cor, combina arquitectura modernista e construccións futuristas. Neses territorios, Loeb desenvolve unha historia que reconstrúe o mito de Superman como un xigante bondadoso cuxa dedicación ós demáis parte das súas raíces máis fondas, a educación que lle deron uns granxeiros de Kansas, os seus pais adoptivos. A ollada ó seu entorno limítase ó núcleo básico da mitoloxía do personaxe, os Kent, Lana Lang, Lois Lane e Lex Luthor, sen que haxa nada salientable (a favor ou en contra) na súa caracterización. Polo demáis, o carácter meramente funcional dos MacGuffins que permiten avanzar a miniserie (un tornado, unha epidemia provocada por Luthor e unha inundación) impiden disfrutalos a otros niveis que non sexan o de darlle pé a Superman para que adopte as decisións que todos agardamos de el.

Trátase, xa que logo, da enésima revisitación do mito de Superman, sen máis orixinalidade nin mérito que o de prefigurar algúns dos extremos que posteriormente desenvolvería un dos máis recentes productos de éxito protagonizado polo Home de Aceiro, a teleserie Smallville.

Entradas relacionadas – Loeb e Sale
Catwoman: Se vas a Roma

domingo, marzo 02, 2008

Nightwing: Un cabaleiro en Blüdhaven



Cando DC cómics decidiu adicarlle unha serie a Nightwing nada garantía o seu éxito. E porén, o ex–sidekick de Batman foi quen de facerse cun sitio no mercado e de manterse cunha lonxevidade que para si quererían outras cabeceiras de mellores expectativas. É difícil aventurar cal foi a clave exacta do seu éxito (entendendo como tal non unhas vendas que nunca foron espectaculares, senón a súa longa vida), pero dado que nin o personaxe nin o equipo creativo que se lle asignou tiñan un tirón espectacular, é razoable pensar que a calidade das historias tivo algo que ver.

Planeta recupera agora aquela serie en tomos mensuais. O primeiro, titulado Un cabaleiro en Blüdhaven, recolle os oito primeiros números da colección, escritos por Chuck Dixon e debuxados por Scott McDaniel. É interesante comprobar en que medida esta cabeceira é producto da época na que nace, mediados dos 90, coa industria superheroica en plena revolución noventeira (revolución que remataría devorando ós seus líderes), sendo a pegada especialmente evidente no aspecto gráfico. McDaniel recurre a moitos dos tópicos artísticos da época, con viñetas de forma irregular, corpos hipermusculados, escorzos imposibles, dentames brillantes, figuras que exceden os límites dos cadros que as conteñen, etc. E sen embargo, o resultado é moito mellor do que se podería pensar, sen sobardar o límite do absurdo e con algún momento de ousadía na composición certamente salientable.

No que atinxe ó labor de Dixon, esta obra ben pode ser un exemplo da súa profesionalidade. O escritor comprendeu que para dotar ó personaxe do carisma que se precisa para merecer cabeceira propria tiña que emancipalo do morcego. E así, traslada a Grayson a Blüdhaven, cidade satélite de Gotham creada para a ocasión e, cos seus matices, irmá pequena de aquela. Alí, dota ó personaxe dunha nova vida, ocupación, motivacións, secundarios, mesmo adversarios. Pode considerarse un proceder previsible pero a execución é impecable, directa e operativa dende o momento inicial. Polo demáis, as primeiras tramas rebosan acción e contan coa aparición estelar dalgún vello coñecido.

Xa que logo, estamos un correcto exercicio de convencionalismo superheroico que pode deparar bos momentos de aquí en adiante.

Entradas relacionadas
Nightwing Ano I