mércores, maio 09, 2007

Nightwing: Ano Un



Nos meus inicios como lector de cómics Dick Grayson resultábame antipático na súa identidade de Robin. Non entendía como un tipo adulto podía ir pola rúa (ou polos tellados) cunha capa marela, un bañador verde e as pernas ó aire e ainda por riba dándose aires de importancia. Sen embargo, a miña opinión cambiou cando na serie dos Novos Titáns, Grayson decidiu deixar de ser o sidekick de Batman e facerse adulto baixo unha nova identidade, a de Nightwing. Grande parte da culpa do meu cambio de opinión verbo do personaxe tivérona os autores responsables do xiro, uns Wolfman e Pérez en estado de gracia que estaban a completar na serie dos Titáns unha das etapas de referencia do cómic superheroico. Como calquera outro personaxe, Grayson levou os golpes propios de quen foi sucesivamente escrito por autores de talento e inspiración variable, pero acumula tras de si unha historia e evolución interesantes, tendo sido quen de sobrepoñerse tanto á sombra do morcego como da súa identidade superheroica inicial.

Planeta ven de publicar Nightwing: Ano Un, miniserie integrada na colección do personaxe na que, nun exercicio de retrocontinuidade, Chuck Dixon e Scott Beatty narran detidamente a transición de Robin a Nightwing por parte de Dick Grayson. Trátase dun cómic áxil e de escasa pretensións, centrado na interrelación do protagonista con diversos personaxes do seu entorno: Batman, Alfred, Batgirl, Jason Todd (o Robin que o sucedería) ou mesmo os Titáns. Os lápices corren a cargo de Scott McDaniel, debuxante vencellado á serie do personaxe que desprega nestes capítulos o seu trazo enérxico e dinámico, ben secundado por Andy Owens nas tintas e Gregory Wright nas cores.

A obra fai da súa sinxeleza unha virtude e funciona ben individualmente considerada. Agora ben, comparando esta obra coa saga clásica e imprescindible dos Novos Titáns O contrato Xudas, na que Nightwing fixo a súa primeira aparición como tal e supostamente simultánea a esta que nos ocupa, non deixa de detectarse unha diferencia notable no carácter que exhibe o protagonista: da seriedade responsable de entón á desenfadada falangueiría de agora. Pode que o tono da historia o requira, pero na comparación é claro quen sae perdendo.

Ningún comentario: