luns, maio 28, 2007

Titáns / Lexión de Superheroes: Universo en chamas



Dan Jurgens é un escritor e debuxante cunha longa traxectoria no mercado americano. Malia a terse ocupado de figuras senlleiras do ámbito superheroico (Superman, Thor ou Spiderman), a calidade media da súa obra pode calificarse de simplemente discreta. Planeta publica agora o crossover entre os Titáns e a Lexión de Superheroes que escribiu no ano 2000, con Phil Jiménez como encargado do debuxo.

Universo en chamas é unha miniserie aséptica, rutinariamente plantexada, desenvolvida e rematada, na que os tópicos dos cruces entre personaxes non se ven respaldados por ningún elemento de interese. Ademáis, un grupo como a Lexión resulta especialmente incómodo para un crossover. Por unha banda, resulta obrigado introducir na historia un salto no tempo, coas molestas paradoxas temporais a que da lugar. Por outra, cómpre ser un escritor máis talentoso que Jurgens para tirarlle partido a semellante masificación de personaxes (25 Lexionarios, 10 Titáns) en apenas 4 capítulos. Ademáis, o labor gráfico de Jiménez dista moito dos niveles de calidade que acadaría anos máis tarde, evidenciando claros problemas de planificación e mesmo con proporcións e fondos discutibles. O conxunto é, como se pode imaxinar, perfectamente prescindible.

Hai varios aspectos menores que querería salientar antes de finalizar. En primeiro lugar, o rótulo de portada da edición española paréceme pésimo. Por outra banda, chama a atención que Planeta, que ata o de agora levou a cabo unha política de traducción de nomes de personaxes máis intensa que a das súas predecesoras, faga exactamente o contrario no caso dos Lexionarios, mantendo a forma en inglés a personaxes con nomes traducibles e históricamente traducidos (¿por qué Live Wire, Spark, Saturn Girl ou Thunder?). Por último, destacar algo que por desgracia cada vez resulta máis habitual, os problemas de rotulación; neste caso aparecen palabras ou globos completos ¡en italiano!

Entradas relacionadas
Titáns/JLA: O imperativo Tecnis

Ningún comentario: