Canto máis amplia é a perspectiva desde que a se observa a serie Ring Circus máis evidentes se fan as súas limitacións. Chegados a esta cuarta e derradeira entrega resulta obrigada unha visión de conxunto que favorece pouco o labor do escritor David Chauvel. Ó longo dos tres tomos previos foron abríndose tramas que non só non se pechan convincentemente neste cuarto, senón que nen sequera chegaron a desenvolverse cun mínimo de profundidade. A amizade dos protagonistas, os elementos sobrenaturais, o trasfondo político, a evolución ideolóxica do personaxe principal, o pasado da súa parella... todos eses elementos aparecen apenas bosquexados e a súa indeterminación arrastra ós propios personaxes, deixándoos nun terreo tépedo, indefinido. O único aspecto que foi obxecto de atención suficiente foi a historia de amor que centra o argumento e que, por outra banda, transita por camiños ben pouco orixinais.
Ademáis, a conclusión da historia non só pivota sobre unha toma de conciencia política do protagonista da que apenas tivemos noticia (representalo lendo un libro non semella caracterización abondo a este respecto) senón que, para colmo, a resolución da mesma resulta fría en exceso, case anticlimática.
Se malia o anterior, a lectura de cada tomo da serie (e este cuarto non é unha excepción) resulta agradable é básicamente por dous motivos: porque, no que atinxe ó argumento, cada tomo recolle unha peripecia ben plantexada e de lectura sinxela; e porque o labor gráfico dun deslumbrante Cyril Pedrosa crea o espexismo de dotar á obra de máis contido do que realmente ten.
Entradas relacionadas:
Ring Circus: Os amantes
Ningún comentario:
Publicar un comentario