Un non sabe se a sociedade do escritor francés David Chauvel co debuxante Cyril Pedrosa foi para o primeiro unha sorte ou unha desgraza. Por unha banda, un lector coma min, medianamente ignorante no que á BD europea se refire, difícilmente tería coñecido a este guionista de non verse deslumbrado polo inconmensurable labor gráfico do seu colaborador. Por outra, é tal a preponderancia do elemento visual que o fondo da narración corre o risco de ficar nun segundo plano.
Ring Circus é para min, ante todo, sinónimo de goce sensorial. É difícil poñer algunha obxección ó traballo de Pedrosa en calquera dos tomos que compoñen esta serie (ou cando menos en calquera dos tres tomos que se teñen publicado en España, que son os que eu lin). A seu peculiar versión da figura humana, desgarbada pero elegante, a exactitude na definición emocional dos personaxes, a creación dun micromundo inxenuo e colorista, en conxunción cunha narrativa eficaz, da lugar a un resultado extraordinariamente harmónico que xustifica de seu a lectura desta obra.
Como adiantaba, o drama de Chauvel é estar á altura do seu compañeiro. E, se ben nos dous primeiros volumes da serie pode dicirse que o escritor cubría o expediente con boa nota, o certo é que neste terceiro asoman os primeiros síntomas de febleza. A trama de Os Amantes está claramente descompensada, ó pivotar sobre a chegada dos protagonistas a unha caste de castelo encantado que se produce tarde (é dicir, a estancia é demasiado curta como para considerar que este elemento está ben aproveitado), que vai precedida dun inicio errático (excesivamente longo, con pouca información relevante) e que remata conducindo á historia de amor principal ó único punto posible dada a traxectoria da serie (Primeiro Tomo: os protagonistas coñécense; Segundo Tomo: Os protagonistas namóranse; Terceiro Tomo: Os protagonistas...).
Agardemos que o seguinte volume recupere o tono inicial da serie, dando por feito que o debuxo de Pedrosa pagará a pena como ata agora.
Por certo, o prezo de Norma, abusivo, coma sempre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario