domingo, outubro 21, 2012

Escenas dun matrimonio inminente

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Breve e de pequeno tamaño, cun acabado gráfico sinxelo, próximo ao bosquexo, Adrian Tomine parece asumir que Escenas dun matrimonio inminente (Sin sentido, 2012) é un traballo menor, que cómpre servir case cru, sen moita cociña. A obra recolle un feixe de anécdotas sobre os preparativos do casamento do autor, visitando todos os lugares comúns deste tipo de eventos (os invitados, o lugar, a música, as flores...) e participando desa corrente tan actual na que o autor se sitúa a si mesmo no centro do relato, combinando o cotián co autobiográfico e procurando a identificación dun lector que se recoñece nas experiencias narradas. Poderiamos preguntarnos o porqué desta vaga de obras que abalan entre a autoficción e o exhibicionismo, relacionala coa sobreexposición da esfera privada nos medios e tamén coas modas e os novos perfís dos lectores de banda deseñada, mais non parece concibido este traballo para provocar profundas reflexións, senón para unha aproximación directa e unha dixestión inmediata. Dado o ton amable e o perfil lixeiro dos contidos, o protagonismo trasládase ao debuxo, cun Tomine que adopta un rexistro moi afastado do que predomina na súa traxectoria previa. Páxinas espidas, cun debuxo mínimo, de trazo urxente, todo un contraste coa cerebral planificación e o sobrio detallismo que nel resulta habitual. Aínda que a comicidade da maioría das situacións descritas revela case sempre un certo absurdo, Tomine abstense de adoptar unha perspectiva abertamente crítica, completando un traballo que non desentoaría en ningunha lista de vodas.
 
Entradas relacionadas

martes, outubro 16, 2012

Aventuras no planeta Zakfart

Sálpock. O val dos Cegos


Demo Editorial estreaba hai uns meses a colección Häinös, unha nova liña de publicacións consagrada á fantasía e a ciencia ficción. O primeiro título publicado dentro deste selo é Sálpock: O val dos cegos (Demo, 2012), obra que resultou finalista na edición de 2011 dos Premios Castelao de Banda Deseñada que convoca a Deputación da Coruña. Dificilmente podería imaxinarse unha elección máis atinada, xa que este álbum escrito por Álvaro López e debuxado por Luís Sendón aposta decididamente polo xénero futurista na súa versión máis aventureira e xuvenil.

Sálpock, o protagonista do relato, cae do ceo ao planeta Zakfart, onde vivirá a súa infancia e mocidade baixo o xugo dun réxime tiránico. De neno escravo pasará a gladiador na mocidade, antes de fuxir e retornar para derrocar o tirano no poder. Os autores mostran a súa paixón polo xénero da ficción científica adheríndose a unha tradición de relatos que ten sido cultivada repetidamente dentro do mesmo, aquela na que un personaxe de perfil mesiánico encontra o seu destino liderando un pobo sometido na conquista da liberdade. A súa proposta invita ao lector a unha aproximación directa e sen prexuízos, que goce da aventura e a épica polas que os autores apostan con convicción, mais tamén da capacidade do relato para evocar outras sagas solidamente instaladas no imaxinario colectivo.

As primeiras páxinas do cómic, que os autores compartiron na rede coma adianto editorial, abondan para constatar a personalidade e a fluidez narrativa do debuxante Luís Sendón, pero permiten tamén poñer en relación os seus deseños cos de pezas clave do xénero, coma as sagas cósmicas de Jack Kirby, a versión Marvel do John Carter de Edgar Rice Borroughs ou mesmo clásicos da BD galega de ciencia ficción, coma Reimundo Patiño. Sendón consegue asimilar este caudal referencial integrándoo no seu persoal estilo, tan propio do cómic independente onde desenvolveu a parte máis significativa da súa carreira.
 
Malia que a extensión do álbum (60 páxinas) impide que algúns personaxes e situacións reciban toda a atención que poderían merecer, Sendón e López completan un traballo consistente e ben equilibrado, que ten nos lectores novos o seu destinatario natural pero que gustará tamén a calquera afeccionado á fantasía futurista. Como agasallo, o álbum contén un código que permite descargar da rede un xogo de rol inspirado na serie. Cómpre recoñecer, xa que logo, o labor de Demo Editorial, que non só segue a apostar pola produción propia e a edición en galego, senón que ademais se dirixe a segmentos de mercado ata o de agora pouco atendidos.