Amosando publicacións coa etiqueta OniPress. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta OniPress. Amosar todas as publicacións

martes, outubro 28, 2014

Stumptown

























Greg Rucka ten tras de si unha longa traxectoria tanto na corrente principal do cómic comercial norteamericano coma nas súas marxes. A unha extensa lista de traballos dentro do xénero superheroico para Marvel e DC hai que engadir unha considerable produción para selos editoriais como Dark Horse, Image ou OniPress, que operan no mesmo mercado aínda que con menor alcance, e que ofrecen produtos sutilmente diferentes. En todos os seus traballos, pero especialmente naqueles sobre os que conserva a propiedade, Rucka deixa constancia da súa querenza polo xénero criminal, ao que regresa unha e outra vez nas súas diversas variantes, e tamén da súa predilección polos personaxes femininos, aos que adoita conceder un protagonismo tradicionalmente reservado a heroes homes. É o caso de Stumptown, serie creada por Rucka e o debuxante Matthew Southworth en 2009, e da súa protagonista, a investigadora privada Dex Parios, que vén a sumarse á extensa lista de mulleres fortes que protagonizan as ficcións do escritor californiano, coma Felon (Felon), Carrie Stetko (Whiteout), Tara Chace (Queen & Country) ou a posterior Forever Carlyle (Lazarus). Trátase sen dúbida dunha nota diferencial do seu traballo, interesante en tanto que ofrece unha alternativa ao tradicional predominio masculino entre os heroes de acción, aínda que se cadra cumpriría unha análise máis polo miúdo da obra de Rucka no seu conxunto, xa que un ten a sensación ás veces de que as súas protagonistas son tamén personaxes fortemente estereotipados e apenas diferenciados entre si. Coa soa excepción de Tara Chace, personaxe ao meu ver máis e mellor definido, probablemente porque o número de historias que protagonizou é maior, o resto de mulleres de Rucka responden a rasgos moi semellantes, por non dicir que resultan facilmente intercambiables.

Mais retornando a Stumptown, conforman a cabeceira ata agora dúas miniseries publicadas no selo independente Oni Press, La chica que cogió su champú (pero dejó su Mini), aparecido entre 2009 e 2010, e El caso del bebé en el estuche de terciopelo, que sairía en 2012. Rucka e o Southworth poñen os alicerces dun serial detectivesco deliberadamente canónico, no que a investigadora Dex Parios debe atopar unha persoa desaparecida primeiro e un obxecto desaparecido despois. Rucka constrúe e resolve con eficacia senllas tramas criminais, algo que non sorprenderá a ninguén dada a súa contrastada experiencia no xénero, mais mantén tamén un perfil deliberadamente baixo, renunciando non só a ir máis aló da simple corrección, senón mesmo a dotar á cebeceira dalgún elemento diferenciador. Se obviamos cuestións superficiais, coma uns títulos que semellan aludir á triloxía Millenium de Stieg Larsson, ou unha certa presenza dos escenarios da cidade de Portland, nada en Stumptown parece destinado perdurar na memoria do lector. Algo semellante acontece co debuxo de Matthew Southworth, que demostra a tremenda influenza de autores coma Michael Lark ou Sean Phillips no cómic noir actual. Southworth cultiva un estilo semellante ao dos autores mencionados (e outros, coma o Kano de Gotham Central) aínda que carece da solidez daqueles e falla en momentos decisivos. As cores de Lee Loughridge melloran claramente as súas páxinas, pero a súa marcha tras os dous primeiros  números do primeiro arco argumental deixan en evidencia as súas carencias.

martes, agosto 17, 2010

Queen & Country: Operación Panda Vermello



Operación Panda Vermello (Norma, 2010) ten moito de punto e aparte para Queen & Country, a serie de espionaxe con pretensións de veracidade creada por Greg Rucka para OniPress. Sen pechar explícitamente a cabeceira, o presente volume contén os que ata o de agora son os derradeiros episodios publicados da mesma, cunha conclusión que oscila entre o continuará e o final aberto. Isto último foi, de feito, negado polo propio Rucka, que continuou a liña argumental nas súas novelas protagonizadas por Tara Chace, confirmando definitivamente o que cada nova entrega da serie suxería: que non hai máis protagonista que ela en Queen & Country. Os demáis monitores foron demostrándose como funxibles, paradoxalmente Tom Wallace o que máis, e algo semellante acontece cun Paul Crocker de relevancia crecente. As accións de todos eles, como os principias acontecementos da cabeceira, non teñen outra función que esculpir o carácter de Tara Chace ata convertela no máis representativo dos personaxes femeninos fortes e resolutivos que tanto gostan a Rucka (véxanse, a modo de exemplo, a Carrie Stetko de Whiteout ou a Renee Montoya de Gotham Central).

Acompaña a Rucka no apartado gráfico un Chris Samnee discreto, representativo dos artistas que o precederon na serie, de perfil baixo case todos (foi a rotundidade de Leandro Fernández a única excepción?). De trazo clásico ás veces, mais eficaz creando texturas en branco e negro, Samnee é aínda un debuxante novo e as mostras da súa páxina persoal testemuñan unha versatilidade da que poderá tirar partido axiña.

Rucka, escritor cunha extensísima obra por conta allea, pecha (en falso? definitivamente?) este proxecto persoal sen querer botar man á pirotecnia. A contención, a renuncia a unha espectacularidade vacua, aínda mantendo concesións á acción, foron sinais de identidade dunha cabeceira que quixo falar da espionaxe internacional non só como espello das miserias da alta política, senón tamén como actividade condicionada por unha forte burocratización. Velaí algunhas das súas aportacións máis interesantes.

Entradas relacionadas

martes, xullo 01, 2008

Queen & Country Confidencial 3



Greg Rucka, creador e ata agora único escritor de Queen & Country, confiou o guión da terceira miniserie do spin off Queen & Country Confidencial (Norma, 2008) a Anthony Jonhnston, autor apenas coñecido pola súa obra Tres días en Europa ou por ter adaptado ó cómic varias narracións de Alan Moore. Os créditos deste volume non deixan claro cal foi a aportación de Rucka ó mesmo, dado que Johnston consta como único autor do guión. Podemos presumir que o norteamericano inspirou e titelou esta miniserie, que incorpora ó campo temático da cabeceira a cuestión irlandesa, ata agora significativamente ausente.

Na liña dos anteriores volumes da rama Confidencial, Johnston desenvolve unha historia simple e concisa coa que pretende darlle unha certa profundidade ó personaxe de Nick Poole, o monitor máis recentemente incoporado á serie matriz, así como deixar constancia da súa valía. O problema político e social do Ulster aparece retratado cunha distancia que excede os límites da prudencia requerida e da a entender que se preferiu sobrevoar a cuestión de fondo e traducila nun conflicto familiar máis fácilmente manexable.

O encargado do debuxo foi un descoñecido Christopher Mitten que semella escudarse no branco e negro para acentuar a excesiva sinxeleza dos seus lápices. O resultado é irregular: Mitten concéntrase nas figuras humanas e especialmente nas facianas dos personaxes o que, unido á escasa elaboración dos fondos, semella evidenciar un problema para dotar de profundidade ós espazos. Como o guionista, cubre o expediente no que resulta ser un dos arcos máis frouxos da serie.

Entradas relacionadas – Queen & Country
Queen & Country Confidencial 1
Queen & Country Confidencial 2
Queen & Country: Operación Bola de Cristal
Queen & Country: Operación Blackwall
Queen & Country: Operación fronte tormentosa
Queen & Country: Operación dente de león
Queen & Country: Operación alforxas

domingo, abril 27, 2008

Whiteout



Malia a súa longa carreira coma escritor de superheroes, non hai dúbida de que a tendencia natural de Greg Rucka en canto ten unha certa liberdade creativa é o xénero negro. Así, o seu primeiro traballo para Oni Press antes da súa exitosa Queen & Country foi a miniserie Whiteout (Norma, 2005), que continuaría un ano máis tarde con Whiteout: Melt (Norma, 2005). É Rucka un escritor con moito oficio e as súas historias axéitanse sen apenas vocación de orixinalidade ós tópicos do xénero. E sen embargo, nos máis dos casos a simplicidade aparente dos seus relatos constrúese a partir dunha indiscutible claridade de ideas e da exactitude narrativa precisa para executalas.

Pode soar a tópico, pero en Whiteout o relato resulta absolutamente condicionado pola paisaxe antártica en que transcurre a acción. O escenario non pode ser máis suxerente para unha intriga policial con asesinato incorporado: o clima extremo, o illamento, a escasez de actores, o ambiente abafante… Pero en banda deseñada isto só pode ser así se hai un debuxante capaz de plasmalo. E de feito así é, Steve Lieber, un artista de trazo clásico e duro, consigue concederlle presenza ó entorno con recursos moi tradicionais e alonxados do efectismo máis contemporáneo.

Rucka concede de novo a iniciativa a unha muller, desta volta a unha Carrie Stetko que, cos seus matices, ten moito en común coa Tara Chace de Queen & Country. O seu carácter pétreo e a súa constante autoafirmación nun entorno masculinizado semella ser o único elemento que reivindica esta trama coma un noir do século XXI.

Paradóxicamente, o que concede forza ó relato tamén o fai máis feble de cara ás súas dimensións. A miniserie inicial e Melt, a súa continuación, esgotan as posibilidades do entorno: non se pode estar a resolver casos na Antártida perpetuamente. Agora ben, o círculo queda proveitosamente pechado con estes oito de números de lectura máis que agradecida. Que eu saiba Rucka non renunciou explícitamente a engadirlle máis episodios á saga pero facelo perxudicaría á súa verosimilitude e mudar o escenario sería desnaturalizar a cabeceira. Se coa versión cinematográfica que ven de camiño non hai novidades o máis probable é que xa non as vaia haber.

venres, marzo 21, 2008

Queen & Country: Operación Alforxas



Lonxe de pretender perpetuarse repetindo esquemas, Greg Rucka ten amosado a súa intención de someter a serie da súa creación, Queen & Country, a cambios constantes. Así, dun xeito natural e case imperceptible, nos vintecinco capítulos que ten publicado Norma xa se produciron sucesivos trocos (algún deles por pasamento) na titularidade dos Monitores e altos cargos do M15, o servizo de intelixencia británico no que se centra a serie.

Este sétimo volume da serie regular titulado Operación Alforxas (Norma, 2008) arranca cun primeiro número autoconclusivo destinado a profundizar no entorno familiar da protagonista Tara Chace. A evidente intención de Rucka de lle conferir profundidade ó seu personaxe fetiche pode resultar digna de aprecio, pero falla a execución, na que falta calado real e sobra dramatismo de culebrón. O debuxante Steve Rolston segue a parecerme un artista inaxeitado para esta serie, por máis que teña mellorado sensiblemente dende o primeiro arco que debuxou nela.

Os tres números restantes recuperan o tono habitual da serie, con Tara estrenándose coma Monitor Un e tomando a un Monitor Tres novato coma compañeiro. A trama séntase e resólvese coa corrección que adoita demostrar Rucka, optando por un desenlace cuxa orixinalidade fronte ós esquemas clásicos (televisivos, cinematográficos) do xénero de espionaxe pode resultar ata certo punto anticlimático pero tamén, e se cadra por iso, sorprendente e interesante. O debuxante, Mike Norton, acompaña e pouco máis: mantén un bo tono na caracterización pero presenta claros problemas en narración. A falta de adversarios fixos, o guionista preferiu enfrontar ós protagonistas coa cadea de mando, de xeito que se mantén o interese de cara á continuación da serie.

Entradas relacionadas – Queen & Country

venres, decembro 21, 2007

Queen & Country Confidencial 2



Norma retoma a publicación da serie de Greg Rucka para OniPress Queen & Country e faino co segundo volume do spin off subtitulado Confidencial, consagrado á indagación no pasado dos personaxes protagonistas da serie matriz. Neste caso, asistimos ó reclutamento para o MI6 e primeira misión de Tom Wallace.

Ambientados en Hong Kong nos prolegómenos da devolución da cidade á soberanía chinesa, os tres capítulos que compoñen este volume recollen unha trama de espionaxe sinxela, con abundantes tópicos de xénero, ben levada e correctamente resolta, ainda que claramente supeditada ó que semella ser o obxectivo principal de Rucka, a definición do personaxe de Wallace cun grao de detalle que se cadra non pode permitirse na serie matriz.

No aspecto gráfico, Rick Burchett leva a cabo un traballo irregular, un tanto indefinido ó achegarse sen abrazar definitivamente o estilo cartoon, capaz de amosarse eficaz nas expresións faciais e na planificación de páxina, mentres os seus fondos carecen de profundidade e presenta problemas na definición dos espazos ou mesmo nas proporcións anatómicas.

Entradas relacionadas

luns, decembro 04, 2006

Queen & Country: operación dente de león



Greg Rucka é un escritor de longa traxectoria no mercado norteamericano, especialmente dentro do xénero superheroico. Malia a aceptable calidade media do seu traballo en todos estes anos, non hai dúbida de que o seu rendemento mellora notablemente cando trascende os clichés do cómic de superheroes e introduce elementos doutra categoría na que semella desenvolverse con especial comodidade: o xénero negro e de espionaxe. Boa mostra do anterior son tanto o labor de Rucka canda a Ed Brubaker en Gotham Central coma a súa creación persoal máis popular, a serie Queen & Country.

Norma vén de publicar o volume que leva por título Operación: dente de león, que recolle os números 21 a 24 da edición americana e no que Rucka conta no apartado gráfico co debuxante Mike Hawthorne. É de agradecer o xiro que experimenta o argumento neste arco, prescindíndose das operacións no estranxeiro que ata o momento presidiran a acción e sustuíndoas por unha trama en clave interna, centrada nas loitas polo poder dentro do servizo británico de intelixencia. Nese senso, a acción no sentido máis popular do termo deixa paso á negociación entre as instancias implicadas e a unha sutil investigación como moeda de troco. O resultado pode considerarse satisfactorio non só dentro da coherencia do volume e da serie, senón tamén como ponto de partida para futuras tramas.

No que atinxe ó labor de Hawthorne, estamos unha vez máis (é a tónica xeral da serie, con moi poucas excepcións) ante un artista limitado, con problemas de perspectiva e mesmo nas proporcións, por máis que, de ter que destacar algunha virtude, sexa quen de utilizar con intelixencia o branco e negro. Unha mágoa, a serie melloraría moito se o aspecto gráfico estivese á mesma altura que o argumental.

luns, setembro 11, 2006

Queen & Country: Operación Fronte Tormentosa




Di Geoff Johns no prólogo a este volume que a serie Queen & Country ten como alicerce fundamental a solidez dos seus personaxes, afirmación coa que coincido plenamente. Sen restarlle importancia ou interese ós argumentos desenvolvidos por Greg Rucka, un ten a sensación de que estes son hábiles pretextos para poñer ós protagonistas en situación, permitir que revelen a súa personalidade ó lector e sometelos a unha lenta pero consistente evolución. A interacción entre o reducido número de personaxes principais da serie viría a ser o seu punto forte, sen que poidamos considerar que se descoidan as tramas de espionaxe que lles serven de vehículo.

Rucka demostra ademáis, coa premisa do presente volume, a súa vontade de transitar por camiños complicados. A morte dun dos protagonistas resulta tan sorprendente a priori como a forma en que se presenta ó lector: sen heroísmos exacerbados nen excesos dramáticos. Tanta contención encaixa perfectamente co tono de sobriedade que predomina na serie e resulta de agradecer nun momento no que este tipo de situacións adoitan afrontarse cun efectismo excesivo.

Continúa polo tanto nun tomo máis a traxectoria ascendente da serie, ainda que se demostra de novo que os debuxantes da mesma non están á altura dos guións. Neste caso, o apartado gráfico recae na artista Carla Speed McNeill, cuias páxinas revelan dificultades para a caracterización e expresividade dos personaxes, así como problemas espaciais e nas proporcións.

mércores, xullo 12, 2006

Queen & Country: Confidencial



Greg Rucka, autor e creador da serie Queen & Country, aborda nos tres primeiros números do spin off Q&C: Confidencial o pasado dun dos personaxes principais da mesma, Paul Crocker. Trátase dunha trama ambientada no Berlín oriental antes da caída do telón de aceiro e protagonizada por un Crocker recén casado e que daquela exercía como monitor, isto é, o cargo que na actualidade ocupa a protagonista principal da serie, Tara Chace.

O certo é que, considerando a traxectoria da serie principal e o magnífico punto de calidade no que ésta se atopa, non é de estrañar que o tomo que nos ocupa resulte un tanto decepcionante. A historia semella sinxela de máis e o seu interese parece estribar no intento de definir mellor ó personaxe de Paul Crocker, amosándonolo na súa mocedade e no evocador escenario que constitúe a capital alemana nos derradeiros anos da guerra fría.

Cómpre sinalar o bó labor de Brian Hurtt no apartado gráfico, especialmente no tocante á reproducción de paisaxes berlinesas. Igualmente, as páxinas que conteñen escenas de acción (sobranceiramente as persecucións en coche) traslucen unha planificación consistente e unha loubable limpeza narrativa. Malia o anterior, insisto en que o seu estilo pouco realista non me parece o máis axeitado para esta serie.

mércores, marzo 22, 2006

Queen & Country: Operación Blackwall



Ainda que contaban con tramas dunha certa complexidade, a función esencial dos primeiros números da serie Queen & Country foi a de definir os personaxes e o contexto na que ésta habería de desenvolverse, traballo previo do que se beneficia cada novo arco argumental e que fai que a traxectoria da serie sexa claramente ascendente.

Norma ven de publicar o cuarto volume da serie, titulado Operación: Blackwall, no que os guións de Greg Rucka son traducidos a imaxes por J. Alexander, debuxante descoñecido para min ata agora. O seu estilo gráfico, moi semellante ó de Duncan Fegredo, pode resultar axeitado para a serie, de feito máis axeitado que o de calquera dos seus antecesores. Ainda así, presenta aspectos claramente mellorables, como unha certa indefinición nos rostros ou a resolución confusa das (escasas) escenas de acción.

Argumentalmente, a trama deste volume é máis sinxela que calquera das anteriores, pero a profesionalidade de Rucka fai que o interese non decaia. Por unha banda, o arco resólvese en tres capítulos, evitándose así que o argumento se prolongue en exceso. Por outra, son as relacións interpersoais e non a trama de espionaxe as que dotan de forza ó argumento. A relación triangular entre os tres actores principais da serie, ata agora só esbozada, pasa a un primeiro plano, resolvéndose cunha contención emocional moi de agradecer.

Non podo deixar de plantexar un problema matemático. O tomo que nos ocupa recopila tres números americanos en formato grapa; o prezo dese formato en España está, tratándose de edicións a cor, por debaixo dos 2 € (tratándose dun cómic en b/n como o presente o prezo sería bastante inferior). O prezo de 8 € establecido por Norma Editorial só pode calificarse, xa que logo, de usurario. De aí que un só se achegue ás publicacións desta editorial cando, coma neste caso, está moi convencido de que o producto en cuestión vai ser do seu agrado.

venres, decembro 09, 2005

Queen & Country: Operación Bola de Cristal

Image hosted by Photobucket.com

Greg Rucka é un autor cunha longa traxectoria no mercado americano. Malia estar ben considerado pola crítica, non ten unha grande obra que o faga fácilmente identificable. É probable que a serie que agora nos ocupa, Queen & Country, sexa o seu traballo máis persoal e mesmo prestixioso, aínda que non se trata dunha obra de gran tirón popular. Queen & Country contén historias de espionaxe no sentido máis clásico do termo, aínda que na súa contextualización máis contemporánea, sendo Operación: Bola de Cristal o terceiro tomo recopilatorio que publica Norma.

O certo é que a lectura dos dous primeiros tomos deixárame algo decepcionado. As historias resultaban simplemente correctas, sobrepoñéndose o interese das tramas ó limitado labor dos debuxantes (Steve Rolston no primeiro tomo e Brian Hurtt, algo mellor, no segundo). En calquera caso, supoño que o meu desengano está tamén relacionado coas excelentes críticas da serie que lera previamente.

Rematado este terceiro volume, a miña opinión ten mudado considerablemente. É certo que a historia continúa o fío das anteriores, cunha trama principal centrada en asuntos de investigación terrorista por parte dos espías do M15, pero a entrada de argumentos secundarios, de contido emocional e mesmo sentimental dos protagonistas, dota ó conxunto dunha forza da que, na miña opinión, carecía ata agora. É probable que precisamente eses volumes previos cumprisen a función de asentar un escenario e uns personaxes que agora poden ser desenvolvidos en toda a súa complexidade. En conxunto, a obra xungue elementos de acción e intriga sobriamente expostos e protagonizados, agora si, por uns personaxes que comezan a apelar ás emocións do lector.

Mención especial merece o debuxante, Leandro Fernández, de orixe arxentina e con pouca experiencia previa. Nos escasos cinco capítulos de que consta Operación: Bola de Cristal, queda claro a comodidade con que se desenvolve este autor no branco e negro, valéndose dos xogos de sombras como recurso estético e narrativo. A súa reinterpretación física dos personaxes pode resultar sorprendente a primeira vista (tendencia á caricatura, unha Tara Chace máis voluptuosa, un John Crocker hiperexpresivo), pero encaixa perfectamente no tono da serie. A preocupación polas composicións de páxina é patente nas escenas de acción, dun dinamismo envexable, pero máis aínda nas sempre complicadas planchas que ilustran as conversas entre personaxes. Non me esquezo das portadas, dotadas dunha forza indiscutible e excelentes dende o punto de vista da composición.

En suma, un cómic excelente que debuxa unha traxectoria ascendente no contexto da colección e que dá a coñecer a un artista que haberá que seguir. O prezo de Norma, abusivo coma sempre.