quinta-feira, janeiro 31, 2008

Tres lampos brancos



A historia de Tres lampos brancos (DePonent, 2007) xira en torno á chegada dun enxeñeiro de cidade a unha pequena vila da Bretaña francesa para levar a cabo a construcción dun faro. A confrontación entre a racionalidade científica e a forza irracional da natureza escenifícase, xa que logo, por partida doble: na loita pola conquista dun anaquiño de mar e no proceso de integración do estraño na cultura local.

En termos de colonialismo, o discurso da obra resulta ambivalente. O protagonista só é capaz de progresar no seu proxecto racionalista fronte a natureza na medida en que consegue vencer as reticencias dos “indíxenas” e facelos partícipes da súa angueira. O enxeñeiro trunfa na medida en que resulta eficaz coma tentáculo dunha administración que obra en beneficio de si e non necesariamente dos habitantes da vila. Pero para conseguilo, o propio funcionario debe renunciar á súa identidade de tal e deixarse abducir polo círculo social no que se integra. Paradóxicamente, só é quen de exercer dacordo co seu estatus unha vez que renuncia a el.

De todos os lugares comúns que compoñen a trama é probable que o máis rechamante sexa o rutinario namoramento do enxeñeiro cunha moza da vila. O autor non se molesta en definir sequera mínimamente ó personaxe feminino, o cal non deixa de ter a súa lóxica xa que, de feito, carece dun papel sustantivo no relato. A súa función é, curiosamente, a de exercer coma obstáculo na relación que semella ser a realmente importante, a amizade (supoñemos) entre o enxeñeiro e un mozo local, anterior amante de aquela. A lectura en termos freudianos é obvia, máis se se contempla a escena que pecha o tomo, na que o optimismo galopante dos protagonistas aparece íntimamente vencellado á súa viril camaradería.

Pero non é na construcción do relato, senón no labor gráfico, onde Bruno LeFloc’h se amosa máis consistente. A claridade da imaxe, o seu desbordante colorido ou a perfecta ambientación acompañan á narración no seu tono optimista, mesmo próximo á inxenuidade. A súa condición de autor novo e prometedor (foi Premio René Goscinny no 2004 por esta obra) invita a pensar que mellorará no futuro, tanto como debuxante como coma contador de historias.

terça-feira, janeiro 29, 2008

Fagin o xudeu



Will Eisner non disimula en absoluto as súas pretensións didácticas con esta novela gráfica de madurez na que leva a cabo unha recreación do personaxe de Fagin, o xudeu que acubillaba ós delincuentes xuvenís na dickensiana Oliver Twist.

A obra xurde coa inequívoca vontade de poñer en cuestión o estereotipo xudeu que a obra devandita recolle e transmite, e faino coas cautelas que cabería esperar dun autor da talla de Eisner. Lonxe de limitarse a lle dar a volta á tortilla, Fagin o xudeu (Norma, 2004) emprende o labor de desmitificación pola vía de enriquecer e contextualizar a biografía do personaxe. Se tras un clixé hai sempre unha simplificación, parece acertada a estratexia de cuestionalo construindo un personaxe complexo e cunha intensa traxectoria vital claramente mediatizada por condicionamentos sociais. Por outra banda, Eisner elude a tentación de beatificalo ou de ampararse nun determinismo igualmente simplista. O seu Fagin é un personaxe completo, coas súas virtudes e defectos e as contradiccións proprias de calquera persoa. A decisión, o xuízo moral, non veñen dados pola obra, senón que, pola contra, se trasladan ó lector.

Fagin o xudeu pode considerarse ademáis un traballo plenamente representativo da época final de Eisner, ó recoller varios dos tópicos temáticos proprios do conxunto da súa obra (a condición xudía, pero tamén o cuestionamento de certos estereotipos) e o destilado final da súa constante investigación e experimentación en canto as posibilidades da narrativa gráfica. A integración directa das imaxes na páxina sen a mediación (agás poucas excepcións) de viñetas ou mesmo de bocadillos (que aparecen desdebuxados), longamente reivindicada por Eisner, confírmase, coa súa espléndida execución, coma unha opción tan válida e suxerente como pouco utilizada no medio. O uso de tonos ocres (no canto dun branco e negro puro) pode resultar máis discutible, anque confire unidade ó conxunto e pode considerarse axeitado ó enfoque da narración.

En definitiva, este Fagin é outra demostración de que Eisner mantivo o pulso, a fe no medio e o espírito combativo ata o final da súa carreira.

Entradas relacionadas
Contrato con Deus

sábado, janeiro 26, 2008

O retorno á terra: A vida auténtica



Xa teño deixado constancia de que non comparto o entusiasmo maioritario por Manu Larcenet. A miña experiencia coa súa obra lévame a ter unha mellor consideración do seu traballo canto menores son as súas pretensións. Iso sería, a priori, un bo agoiro de cara a unha serie como O retorno á terra, que se plantexa como o anecdotario en clave pseudo-biográfica dunha parella de urbanitas que se trasladan a vivir ó campo.

E debo dicir que cando menos a primeira entrega da serie, A vida auténtica (Bang Ediciones, 2007), confirma a tendencia previa. A razón de un gag por páxina (algunhas delas dunha soa viñeta), Larcenet desprega a súa vea máis despreocupada e cómica, con anécdotas que, en moitos casos, funcionan por acumulación e cuns personaxes que, desprovistos de calquera gravedade, resultan abondo máis agradables que os d’Os combates cotiáns. Descoñezo que parte de mérito lle corresponde a Jean-Yves Ferri, acreditado como co-guionista da obra, pero recoñezo que tras a súa lectura quedei con ganas de máis.

Entradas relacionadas
A liña de fogo
Os combates cotiáns: O que de verdade conta
Os combates cotiáns: Tantas cousas pequenas
Os combates cotiáns

quarta-feira, janeiro 23, 2008

Non me deixes nunca



As obras de Jason adoitan engadir ó seu tono pausado e reflexivo un distanciamento irónico que se ve reforzado, entre outros aspectos, pola utilización como personaxes de animais antropomorfizados. A esa constante dos seus traballos hai que engadir en Non me deixes nunca (Astiberri, 2007) o feito de que os protagonistas sexan ademáis coñecidos literatos da primeira metade do século pasado (o Hemingway que da nome ó álbum na súa edición orixinal, Ezra Pound, Scott Fitzgerald, Sartre, Gertrude Stein…) durante o seu tempo de estadía en París, máxime cando o episodio relatado non só é ficticio senón claramente impropio das figuras implicadas. Ainda así e partindo de que a narración en si non demanda que os seus protagonistas sexan os escritores citados, non podo deixar de recoñecer que a elección de Jason permite redondear o relato e outorgarlle un indiscutible encanto, complementando o lector co seu proprio coñecemento dos literatos implicados o labor de caracterización do autor noruegués.

Froito do anterior, a obra de Jason resulta ser un peculiar cóctel de emocións, que da cabida á ironía máis sutil e a un evidente sentido lúdico nunha atmósfera predominantamente melancólica. O seu debuxo, limpo e económico, resulta un complemento perfecto. A estructura case inmutable de nove cadriños por páxina, o seu perfecto sentido do espacio, as figuras planas, lineais, sen sentido de profundidade, aproxímano á liña clara. Pero de novo hai un matiz, esta vez representado por unha coloración de tono ocre, moi alonxada das cores rechamantes proprias da liña clara convencional.

En suma, unha historia con encanto que expresa perfectamente a peculiar voz artística do seu autor.

sábado, janeiro 12, 2008

Os leóns de Bagdad



Explícitamente inspirada nun feito real, a liberación dos animais do zoo de Bagdad como consecuencia da invasión da cidade polos norteamericanos, Brian K. Vaughan plantexa en Os leóns de Bagdad unha fábula dirixida a reflexionar sobre a recente guerra de Irak e, mediatamente, sobre a disxuntiva clásica entre liberdade e seguridade. Trátase, xa que logo, dunha obra marcada pola súa vocación reflexiva, o que determina o grao de esixencia que nos podemos permitir fronte a ela.

O principal problema que lle atopo a este traballo é que non vexo claro a que carta quere xogar. Por unha banda, os seus propósitos van alén da mera narración da peripecia, que resulta de seu escasa e mesmo pouco interesante. Pero por outra banda, a profundidade da súa análise é mínima, reducindo ós animais protagonistas a personificacións (obviemos que non son propriamente persoas) planas dos estereotipos que representan. Inevitablemente, os dilemas plantéxanse en termos simplistas e mesmo chegan a resolverse cunha incómoda ambigüidade. O resultado é, ó meu entender, unha obra claramente fallida, fatalmente superficial cando o que pretende é precisamente o contrario.

O labor gráfico de Niko Henrichon si resulta digno de aprecio. O seu deseño dos personaxes protagonistas apela á versión edulcorada dos animais antropomórficos proprios do cinema infantil de debuxos animados o que, se cadra, confirma o reduccionismo da trama. Malia iso, as súas imaxes, ben apoiadas nun eficaz uso das cores, resultan dunha espectacularidade notable, confirmándoo como un artista que axiña se abrirá paso no mainstream norteamericano.

Entradas relacionadas – Brian K. Vaughan
Ex Machina: Malos fumes

quarta-feira, janeiro 09, 2008

Pílulas azuis



Este sensacional álbum que é Pílulas azuis xurde, seica, como un xeito de abordar por parte do seu autor, Frederik Peeters, a súa relación cunha muller e un neno portadores do VIH. Coido que é doado asumir que o que en termos persoais pode ser de utilidade non ten por que resultar valido creativamente; é máis, a veracidade (en sentido fondo) dos feitos non só non ten por que resultar fecunda artísticamente, senón que, unha vez que asume a forma narrativa, resulta mesmo irrelevante. Dito doutro xeito, para o lector o esencial é o relato, non o coñecemento da traxectoria vital do autor ou a revelación acerca da personalidade deste á que supostamente pode conducir. Iso sen perder de vista que unha obra que parte destes plantexamentos corre o risco de caer tanto nun exhibicionismo gratuito canto nunha sensibleiría autocompracente, extremos opostos pero igualmente indesexables.

O anterior contribúe a ponderar máis ainda o indiscutible éxito artístico desta obra. O autor foi quen de enfocar a narración dende un punto de vista abertamente intimista, apelando a unha sensibilidade que non só non resulta artificiosa, senón que se ve modulada por unha agradecida dose de sensatez. Malia que se refire a unha realidade á que estamos pouco afeitos, en parte por ser afortunadamente pouco frecuente, en parte polo manto de silencio que cubre todo canto rodea á sida, o tono non é nunca excesivo ou grandilocuente. Lonxe de exacerbar o enfoque dramático, Peeters postula unha achega debidamente racionalizada, é dicir, a pugna entre sentimento e razón parte da peripecia vital e alcanza a obra, que resulta así inusualmente equilibrada. Do mellor que teño lido en moito tempo.

sexta-feira, janeiro 04, 2008

Guerra Civil



Foi o evento Marvel da pasada tempada e trunfou no seu propósito publicitario. Numerosos medios de comunicación fixéronse eco desta guerra civil entre superheroes e máis ainda do efectista asasinato dun deles que lle puxo punto e final. Plantexado como un macrocrossover con vocación de mudar o escenario para todas e cada unha das series da compañía, a miniserie principal atopaba interminables ramificacións tanto nas coleccións regulares dos personaxes coma noutras series creadas ad hoc. Limitareime a comentar aquí a serie limitada matriz, escrita por Mark Millar e debuxada por Steve McNiven.

De todos é coñecida a premisa inicial do evento. A actuación imprudente dun fato de superheroes de segunda remata coa morte dun alto número de civís, o que leva ó goberno dos USA a plantexar a creación dun rexistro de seres superpoderosos e a tentar reglamentar a función superheroica. A iniciativa atopa partidarios e detractores dentro da familia de capas e leotardos, os primeiros liderados por Tony Stark, Iron Man, e os segundos un grupo de rebeldes co Capitán América á cabeza. A guerra civil está servida.

O plantexamento pode resultar atractivo a priori, por máis que non resulte totalmente novidoso. De feito, a lexitimidade da función superheroica ten sido cuestionada tanto de xeito individual (caso de Spiderman ou os mutantes, por exemplo) como colectivo (así se viu en series coma Watchmen ou Legends). Se cadra, a novidade derivaría da vontade de levar a confrontación ós seus máximos extremos, coa derrota dunha das faccións, a imposición pola outra do seu proxecto e a vocación de permanencia das consecuencias no Universo Marvel (por máis que a idea de permanencia na serialidade superheroica sexa sempre relativa).

Pode chamar a atención que a miniserie central sexa breve e concisa no seu relato, o cal non deixa de ser positivo. O feito de que boa parte das súas potencialidades queden aparentemente sen desenvolver para seren obxecto de tratamento nas distintas cabeceiras marvelitas, favorece a concentración nos sucesos centrais do evento sen engadidos prescindibles. E así, a trama desenvólvese ata a súa resolución con certa coherencia, dando lugar a un novo status quo que pode dar xogo durante unha tempada.

Un dos puntos fortes do evento é a construcción da figura de Tony Stark como adversario do século XXI, actualización do supervilán tradicional. Este novo Iron Man non pretende conquistar o mundo senón transformar as leis e, lonxe de levarse por plantexamentos maniqueos, non deixa de contar con bos argumentos o seu favor. Agora ben, se as posicións de Stark resultan cribles a partir da súa evolución como personaxe non se pode decir o mesmo dalgúns dos heroes que o secundan. Así, a adhesión inicial de Spiderman ás súas teses só se pode interpretar como antesala do seu cambio de bando. Por outra banda, que un personaxe como Mr Fantástico acepte crear un clon asasino de Thor ou valerse para os seus fins dalgúns dos malvados máis crueis do Universo Marvel resulta simplemente inverosímil. Polo demáis, o inciso final da miniserie, a maneira en que se resolve a guerra non deixa de resultar anticlimático e decepcionante.

No que atinxe ó aspecto gráfico, Steve McNiven semella ser un falso bo debuxante, efectista nalgúns planos e composicións, pero de capacidade máis que discutible en canto á súa habilidade narrativa ou os seus fondos.