Un dos escritores máis destacados da nova fornada que se está a abrir paso no mercado americano actual é Brian K. Vaughan, creador dos Runaways, de Y, o último home ou deste Ex Machina. Se a primeira é unha serie discreta e sobredimensionada pola crítica, tanto Y… como a que agora nos ocupa demostran que Vaughan posúe un especial talento á hora de deseñar premisas suxerentes das que se poden extraer moitas e moi proveitosas historias.
Mitchell Hundred, o ex-superheroe metido a político que protagoniza Ex Machina, proporciona unha perspectiva fresca e novidosa a tramas que doutro xeito presentarían unha orixinalidade escasa. Polo demáis, Vaughan atrévese a sustentar boa parte da súa historia nun suceso tan traumático para a sociedade norteamericana como os atentados do 11-S, sendo quen de manter respecto do mesmo a distancia suficiente como para evitar excesos dramáticos ou patrióticos. Cómpre destacar, ademáis, tanto a complexidade da estructura narrativa, con saltos temporais que permiten coñecer simultáneamente a traxectoria presente e pasada dos protagonistas, coma a evidente preocupación do autor por definir a uns secundarios chamados adquirir protagonismo co decurso tempo. Polo demáis, a trama inmediata ten pouco de espectacular pero, partindo das liñas mestras establecidas no tomo anterior, permite un primeiro achegamento ó que sen dúbida será un dos elementos esenciais da serie de cara ó futuro: a orixe dos poderes de Hundred.
O artista Tony Harris adoptou nesta serie un estilo máis realista do que nel resulta habitual, recurrindo a modelos fotográficos que, ó meu entender, pouco aportan de positivo: nen un incremento da expresividade, nen unha mellora da narrativa, e si, pola contra, un molesto estatismo e uns acabados excesivamente forzados. Respetando o dereito dos artistas a evolucionar, non podo deixar de opinar que o resultado sería considerablemente mellor de ter mantido o que poderíamos chamar o seu estilo “tradicional”.
Entradas relacionadas:
Ningún comentario:
Publicar un comentario