O Universo DC leva máis de dous anos padecendo unha sucesión de macroeventos de nomenclatura diversa cuio punto de partida, se obviamos a mediocre Titáns / Xustiza Nova: Día de Graduación, é a miniserie Crise de Identidade. Escrita por Brad Meltzer e debuxada por Rags Morales, o seu éxito de crítica e público soprendeu en boa medida á editorial e deu lugar a un ronsel de crossovers que, como é habitual, mudarán todo para que nada cambie.
O argumento céntrase na Liga da Xustiza e xira en torno a importancia que a identidade segreda ten para os superheroes. Non obstante, a trama de Crise de Identidade, lonxe de resultar orixinal, reúne elementos habituais en argumentos policíacos ou de xénero negro: un asasinato, un segredo inconfesable e unha investigación. O seu desenvolvemento é correcto e mesmo con acertos evidentes, como a confrontación entre Deathstroke e a Liga no número 2 ou os tensos acontecementos do capítulo 5, centrado en Robin e o seu pai. A resolución é previsible, non porque o lector poda intuir a identidade do asasino con antelación, senón porque se axusta ó modelo habitual neste tipo de argumentos.
Pero o éxito da serie non parece derivar exactamente do anterior, senón doutro elemento supostamente transgresor presente na historia. E é que o segredo ó que aludimos máis arriba ven a arrincar un anaco de inocencia e heroísmo a varios personaxes de indiscutible peso no Universo DC. Sendo certo que isto, lonxe de resultar novidoso, enlaza cunha tendencia xeralizada no cómic de superhéroes que parte dos anos oitenta e ten atravesado diferentes fases, non é menos certo que ata o momento DC mantivera ás súas figuras máis icónicas (se cadra coa excepción de Batman) arredadas desta tendencia. Non obstante, un ten a sensación de que esa suposta transgresión non é tal, que os cambios na configuración dos personaxes apenas trascenden os límites desta miniserie e que, en definitiva, a idea que anima a historia resulta estar bastante por debaixo das súas pretensións.
O labor gráfico de Rags Morales tampouco pasa de correcto. Malia a ter unha narrativa aceptable, as súas figuras semellan desproporcionadas en certos momentos e pecan dun certo estatismo. Nen as tintas de Michael Bair nen as cores de Alex Sinclair favorecen o seu traballo.
En definitiva, un cómic probablemente sobredimensionado e que é probable que a longo prazo non permaneza na memoria do lector.
Ningún comentario:
Publicar un comentario