xoves, decembro 28, 2006

Gloom Cookie: The Carnival Wars



Hai xa unha chea de anos que descubrín Gloom Cookie, a creación máis popular de Serena Valentino, a través de Internet. Sen embargo, a súa publicación en castelán non tivo lugar ata o 2004, cando a editorial DCómics deu saída ós dous primeiros tomos da serie. Foi daquela cando puiden adentrarme nunha obra da que apenas coñecía uns atractivos deseños elaborados polo que sería debuxante orixinal da serie, Ted Naifeh. O resultado foi certamente decepcionante: a obra carecía de profundidade, tratándose dunha mistura superficial de romanticismo adolescente e clixés góticos. Decidín entón deixar de seguir unha serie que, por outra banda, non se seguiu publicando.

Agora cae nas miñas mans o cuarto tomo da edición norteamericana no que, baixo o título de The Carnival Wars, se recopilan os números 18 a 23 da serie orixinal. Cómpre destacar, en primeiro lugar, que o debuxante Ted Naifeh deixoulle o seu posto unha Harley Sparx que, se ben mantén o espíritu gráfico orixinal da serie, resulta claramente inferior a aquel. Os seus cadros resultan tan confusos como torpe a súa narrativa, de xeito que en demasiadas ocasións resulta complicado seguir a acción, especialmente cando os debuxos non contan con diálogos ou textos de apoio.

No que atinxe ó argumento, se os primeiros tomos reunían historias curtas e apenas vencelladas entre si, atopámonos agora no medio dunha trama a longo prazo que ten a súa orixe nun tomo previo e ha concluir noutro posterior, trama na que agroman desordenadamente superpoderes místicos, mortes e resurreccións, dimensións alternativas, etc. O seu tratamento é igualmente confuso e de capacidade emotiva ou mesmo interese escasos. De feito, como di un dos personaxes, “this is like some horrid plot to a badly written soap opera”. Eu non sería quen de definilo mellor.

Ningún comentario: