terça-feira, maio 29, 2012

Clase maxistral de David Rubín na Coruña













Chégame o aviso de que o vindeiro xoves 31 ás 19:00 David Rubín dará unha clase maxistral baixo o título O proceso de creación dunha novela gráfica: El héroe no Corte Inglés da Coruña. O acto terá lugar no 2ª andar con entrada gratuíta ata encher o aforo. Máis información aquí. Eu non podo asistir pero seguro que paga a pena. Animádevos (e comentade)!

segunda-feira, maio 28, 2012

Elixir o esquecemento














O recente monográfico da Revista Ábrete Libro adicado a Latinoamérica ofréceme a oportunidade de me achegar de novo a Perramus, obra de Juan Sasturain e Alberto Breccia que se atopa entre as miñas favoritas, ademais de ser un clásico indiscutible do tebeo suramericano. Nesta nova achega non vou moito máis aló da que xa dixera aquí, aínda que me deteño algo máis no personaxe de Borges, aunténtica pedra angular do relato. Velaí Elixir o esquecemento.

quinta-feira, maio 24, 2012

A explosión Marvel. Historia de Marvel nos 70




















Sabemos que a Marvel moderna renace nos anos 60, cando a visión de Stan Lee coincide co talento gráfico de autores como Jack Kirby ou Steve Ditko, dando lugar a unha serie de creacións (Spiderman, Hulk, os Catro Fantásticos, o Doutor Estraño...) que lle permitirían á compañía facerse un oco de mercado cada vez maior grazas a un xénero que recuperaba o favor do público, os superheroes. A explosión Marvel. Historia de Marvel nos 70 (Dolmen, 2012), de José Joaquín Rodríguez, céntrase na etapa inmediatamente posterior a esta, cando a posición da editorial se consolida e comeza a medrar ata disputarlle o liderado no mercado a DC comics. Nun periodo que abrangue aproximadamente a década dos 70, Marvel non só experimentou un notable ascenso en ventas, senón que foi quen de marcar as tendencias creativas a seguir, facendo que as historias de superheroes se arredaran da pétrea estrutura dos tebeos DC da época, ao tempo que cómics doutros xéneros (Conan, Star Wars, Drácula, Sang-Chi) acadaban un éxito de público notable.

Segundo Rodríguez, este despegue foi posible grazas ao o talento dos autores que naqueles anos traballaron para Marvel, algúns novos e cun longo percorrido posterior, outros máis veteranos pero que asinarían algún dos seus traballos máis salientables. Pero outro factor se cadra aínda máis importante foi a vontade de ofrecer un retrato da sociedade máis aproximado ao mundo real ca o dos cómics da competencia. Determinados conflitos sociais propios daquel tempo (antibelicismo, a drogadicción, racismo...) foron aparecendo como telón de fondo, ao tempo que xurdían personaxes negros e as mulleres gañaban forza e carácter. Rodríguez apunta a Stan Lee como un dos principais responsables de que os tebeos Marvel adoptaran esta tendencia. Lee pasara de escribir practicamente todos os títulos da compañía a exercer labores de editor, seleccionando autores, propoñendo novas publicacións e marcando liñas a seguir. Sen embargo, Rodríguez destaca que o control editorial durante aqueles anos foi de feito moi livián, gozando os autores dun notable grao de liberdade. Lee abandonou o cargo de editor xefe para adicarse a outros labores de representación e os seus sucesores (Roy Thomas, Len Wein, Marv Wolfman, Archie Goodwin, todos eles por períodos moi breves) non se arredaron excesivamentge do seu estilo pouco intervencionista. Este contexto de liberdade daría como resultado historias como a Saga do Imperio Secreto, a morte de Gwen Stacy ou a Guerra Kree-Skrull, ao tempo que xurdirían produtos estraños e adiantados ao seu tempo como Omega o Descoñecido ou o Pato Howard. Sen negar o que de certo pode haber nesta tese, bótase en falta un certo contraste coa etapa inmediatamente posterior, na que Jim Shooter pasaría a exercer un férreo control creativo dende a súa posición de editor xefe e que, aínda que con demisións e abandono de autores, daría lugar a obras non menos memorables.

O relato de Rodríguez non se alonxa en exceso do retrato da compañía que xa coñeciamos por outras obras semellantes. Ademais de por ser moi completo, o traballo destaca por recoller abundantes testemuños dos autores que protagonizaron esta etapa, algúns tirados de entrevistas en medios escritos ou dixitais, outros de blogs persoais dos propios autores e non poucos de cómics da época (como a columna Stan's Soapbox). O esforzo do autor por darlle soporte documental ao seu texto resulta evidente e dá o seu froito. As maiores críticas a esta obra apuntan a aspectos formais, concretamente a un deseño e maquetación que lle dan ao libro un aspecto amateur. Coincido, pero coido que resulta bastante menos grave que os abundantes erros tipográficos (incontables palabras mal separadas ao final de liña) e as grallas, que aínda que en menor cantidade, hainas tamén. Aspectos a mellorar  pola editorial de cara a futuras obras. 

terça-feira, maio 15, 2012

Búsola: Banda Deseñada galega, vinte títulos para unha Historia




















Acaba de saír o número correspondente ao ano 2011 de Búsola, a revista da Casa da Cultura do Concello do Valadouro, no que pode lerse o artigo que escribín a proposta do seu director, Suso Rubio, titulado "Banda Deseñada galega, vinte títulos para unha Historia". Os que me coñecen saben o pouco partidario que son de facer listaxes, que sempre parecen concibidas para disentir. Como non pode ser doutro xeito, a selección dos títulos foi un exercicio de funambulismo no que tentei (inutilmente?) equilibrar as inevitables preferencias persoais co contrapeso do recoñecemento público, a difusión, a representatividade. O resultado, que se lle vai facer, non pretende ser un hit parade, senón un catálogo (incompleto) de obras que poden dar unha idea da evolución a BD galega entre os anos 70 e a actualidade. Disimulen os ausentes.

Vaidades aparte, paga a pena botarlle un ollo á revista, na que pode atoparse un magnífico dossier sobre a cultura galega deste século elaborado por Inés Beliscos pequenos Liste, unha historieta de Kike Benlloch e Yago García, creación literaria a cargo de Ledicia Costas e Miguel A. Alonso e outros contidos que ben merecen unha lectura demorada. Pode descargarse de balde aquí.

E un incentivo para morbosos. Hai foto.

terça-feira, maio 08, 2012

Flash Gordon de Alex Raymond











Planeta reeditaba hai uns anos dous volumes (Planeta, 2006) que recollían a totalidade das páxinas dominicais protagonizadas por Flash Gordon que elaborara o seu creador, Alex Raymond. Contemplando o seu traballo e coñecendo contexto no que viu a luz (a cabeceira nacía en 1934, época dourada das comic-strips norteamericanas, permanecendo o autor no título ata 1945), resulta doado imaxinar o impacto que provocou no lector a proposta de Raymond, especialmente (aínda que non só) pola faceta gráfica. Neste senso, se esta edición permite unha correcta valoración do traballo do autor é precisamente polo coidado con que se presenta o material, en estricta orde cronolóxica e nun formato (máis ancho que longo, de 24 x 31 cm aproximadamente, correspondéndose coa media páxina de xornal que ocupaban as pranchas orixinais) incómodo de ler mais idóneo para a súa apreciación. Isto, que parece de sentido común, non o é tanto se atendemos ás infames edicións (cronoloxías caóticas, páxinas retocadas, tamaños ridículos) das que esta mesma obra foi obxecto durante anos.

A evolución do debuxo resulta ben perceptible, dende unhas primeiras pranchas impersoais, que mimetizan os estándares do seu tempo, cara unha ilustración moito máis xenuína. Para liberar o seu estilo gráfico, Raymond pasaría dunha narración moi descritiva (as primeiras pranchas tiñan en torno a dez cadriños, distribuídos en catro bandas) a outra moito máis sintética, que lle permitiría debuxar menos viñetas de maior tamaño. Tras experimentar con pranchas de apenas tres cadriños, terminaría acomodándose nun formato recorrente de dúas tiras compostas por dúas ou tres viñetas, o que lle permitiría desenvolver os rasgos que farían del unha referencia inelubible da historia do cómic norteamericano: figuración realista, académica, sumamente elegante; perfecto sentido da composición; coidado da ambientación, cunha escenografía poderosa, paisaxes evocadoras, edificacións e maquinarias fantasiosas, etc.

As condicións de edición orixinal (lembremos, media páxina en cadencia semanal) determinan de xeito claro a configuración dun argumento que avanza imparable en liña recta, no que os acontecementos se suceden sen pausa nin reflexión. A lectura continuada revela unhas liñas mestras sinxelas e unhas estruturas comprensiblemente repetitivas, que se basean na reiterativa presentación ao lector das marabillas dun planeta exótico, Mongo, cos seus países e continentes, razas e pobos, flora e fauna. Os personaxes están escritos a machado, cun Flash repugnantiño de tan heroico, unha Dale Arden apoucada e dependente, un Zarkov desdebuxado e un malvado de opereta, Ming. Do emperador para abaixo prima o matriarcado, con fermosas raíñas que se namoran irremediablemente dun Flash que compatibiliza a súa fidelidade ao eterno feminino con algún que outro pecadiño carnal. Se o debuxo resulta digno de admiración aínda hoxe, os argumentos reclaman un lector comprensivo, atento ao contexto histórico e ás condicións de edición.

O inmenso talento gráfico de Raymond, a súa exuberancia creativa e tamén o seu sentido da aventura permitiron que a cabeceira se destacase fronte outras semellantes, facéndose cun lugar de seu na historia do medio, gozando de aceptación e boas etapas artísticas tras a saída do seu creador (algo imputable tamén ao talento dos artistas que o substituíron) e chegando á actualidade coma unha icona perfectamente actualizable (houbo unha serie de TV en 2007, sempre soa algún proxecto de adaptación ao cinema e tamén atopamos novas versións en cómic). Malia a súa morte prematura, a influenza de Raymond chega bastante máis aló dos seus contemporáneos e a súa condición de clásico do medio é, a día de hoxe, incontestable.