domingo, abril 30, 2017

Un mes, tres viñetas: Abril 2017

"Xa era hora", Misty Knight por Paul Renaud (Captain America #16)













2 de Abril. W.A.S.P. lives matter. Como nos chistes. Un directivo de Marvel comparece ante os medios e di que trae unha noticia boa e outra mala. A mala, que as vendas da soi dissant Casa das Ideas baixaron nos últimos meses; a boa, que o asunto está en vías de solucionarse porque o culpable está identificado. E quen é?, preguntaría algún dos presentes. Pois os negros, as mulleres e a xente de sexualidade estraña. Volve por outra! Os lectores, segundo este ghicho, van cheos xa de tanta “diversidade” e reclaman volver ao heroe varón norteamericano de raza branca, tan maltratado (risas enlatadas) nos últimos tempos. Maticemos. Quen dixo tal cousa foi un alto executivo do departamento de vendas da compañía e os fundamentalistas da conta de resultados sonvos así, implacables, insensibles e un pouco marulos tamén (algún comercial na sala?), de aí o perigo deixarlles xogar cun micro. O xiro conservador en Marvel é previsible, os universos superheroicos móvense de forma pendular e antes ou despois as cousas volven ao rego. Pero estes xiros copernicanos adoitan deixar un pouso tamén, algo que perdura. Veremos. Entrementres, manteñan os micros lonxe do Departamento de Vendas.

Detalle da cuberta de Gran Bola de Helado de Conxita Herrero











5 de Abril. O de Conxita. Todos vistes xa a Conxita Herrero, non? E aínda que a súa intervención podería matizarse nalgúns aspectos, estaremos de acordo en que na cuestión de fondo está no certo, non? E non vos parece que a eventos que tenden á artrose coma o Saló venlles ben unha chuzada de cando en vez? Pois xa está.

A Marine vénselle as raíces, debuxo de Pia Guerra



















23 de Abril. Pia Guerra. Di o tópico que os totalitarismos son bos para a creación artística, que nada como un bo réxime ditatorial para refinar o talento dos creadores. Trátase dun clixé vantaxista, que eleva a norma casos concretos e obvia a moita morralla que tamén se produce onde hai opresión, mais de pensarmos no caso concreto de Pia Guerra debemos recoñecer que a que fora debuxante de Y o último home está especialmente inspirada dende o  ascenso ao poder de Donald Trump. As sátiras gráficas que vén divulgando polas redes sociais nos últimos meses teñen acadado unha popularidade (viralidade, ya tu sabes) que soborda con moito o círculo de lectores de cómic entre os que era coñecida ata agora. Tal foi o éxito dalgunhas das súas representacións do millonario zoupón que algún emprendedor mesmo aproveitou para lucrarse con elas, comercializándoas como merchandising sen permiso da autora nin moito menos compensación económica. A imaxe que acompaña estas liñas, coa festa da democracia francesa como pretexto e na que apunta con sutileza cara a mala raza da rampante Marine Le Pen, é un dos exemplos máis recentes da agudeza de Guerra. Vamos directos cara unha distopía pero as fábricas da imaxinación funcionan. A destrución do mundo colleranos gozando das marabillas da creatividade humana.

luns, abril 10, 2017

Cómics Esenciales 2016
















Xa está á venda Cómics Esenciales 2016, un libro que xorde da colaboración entre a revista Jot Down e ACDCómic e no que se recollen cen recensións doutros tantos cómics publicados durante o ano pasado. Completan o libro unha entrevista a Ana Galvañ e Paco Roca e cinco artigos sobre temas que foron actualidade no eido da banda deseñada en 2016. Para min é unha alegría ter podido contribuír a este libro ao carón de voces tan autorizadas na crítica de BD como Elisa McCausland, Henrique Torreiro, Álvaro Pons ou Gerardo Vilches. Máis información, aquí.

domingo, abril 09, 2017

Autobom 2017: É que ninguén pensa nos nenos? Reflexións sobre a liberdade de expresión e a censura

La Clave: Guitián, Leandro e Sekone. Foto de Sara Roca (Nave 1839)

















O pasado 1 de abril celebrouse na Nave 1839 o Autobom, o xemelgo primaveral do Autobán, o evento de autoedición e BD de autor coruñés por excelencia. Aínda que nun formato máis comprimido que o de verán, os organizadores programaron unha intensa xornada de actividades na que, ademais do mercado de fanzines, houbo proxección de curtas, elaboración dun cómic en grupo, concertos ilustrados (Strikeback e Pulpiño Viascón) e unha mesa redonda sobre censura e liberdade de expresión na que participaron Alberto Guitián, Leandro Barea e Sekone e que tiven o pracer de moderar. Mola ver a Nave ateigada de xente con ganas de pasar un bo anaco compartindo actividades creativas. Para min foi estupendo saudar a urbanoscar, insubstituíble na condución do evento, atopar a coñecidos, coñecer a xente, desvirtualizar a algunhas persoas e tamén ser desvirtualizado por outras. 

A mesa redonda viña claramente mediatizada pola actualidade. Se non abondaba co acontecido na cidade dende o Entroido, na semana previa ao acto fíxose pública a investigación xudicial do Concelleiro de Cultura da Coruña pola denuncia da Hydra Suprema das Viúvas de Lugo. Tamén uns días antes coñecemos a condena penal de Cassandra Vera polos chistes de Carrero Blanco. Foi unha sorte poder contar na mesa con Guitián, que explicou diante dunha sala ben concorrida como xurdiu a encomenda dos carteis de Entroido, cales foron as súas ideas no proceso creativo e como viviu a polémica posterior. Leandro falou dos límites implícitos e explícitos que atopou nos anos que traballou como humorista gráfico para La Voz de Galicia: prohibido facer moca do Rei (emérito), prohibido representar a musulmáns, prohibido usar a palabra "cacharro" na edición luguesa... Pola súa banda, Sekone falou das súas experiencias en eidos tan diversos como o deseño gráfico aplicado á moda, o grafitti, os murais ou mesmo os obradoiros impartidos en centros de ensino. A parola entre eles foi moi fluída, en gran parte por manteren puntos de vista moi semellantes.

A cousa cambiou cando se lle cedeu a palabra ao público e Luis Sendón pediu a opinión dos convidados sobre o caso Cremades. Estes mantiveron de novo posturas moi semellantes, contrarias á suspensión do espectáculo aínda que favorables a outras formas de crítica. Entre o público había voces disonantes, mulleres que participaran na campaña contra o youtuber e outras que, con diferentes matices, expresaron a súa indignación por que unha programación sostida en parte con cartos públicos acollese o espectáculo dun machirulo rancio que banaliza a violencia contra as mulleres nos seus vídeos. Mesmo tomou a palabra un membro do equipo de goberno local que defendeu a súa propia posición (favorable á suspensión) perante o caso. Tamén dende o público chegaron outras voces máis matizadas. Foron uns momentos de debate acalorado, con moitas mans pedindo a palabra e xente erguendo a voz por non poder estar calados. Coido que ningún deles quedou sen expoñer a súa postura, grazas tamén á xenerosidade da organización, que permitiu que o debate se prolongase máis aló do horario previsto inicialmente. Aínda que a situación se volveu máis difícil de manexar, agradecín a viveza deste tramo final da mesa redonda. Houbo debate real, a xente estaba enchufada e as ideas voaron pola sala coma shurikens. É posible que ningún dos intervintes mudase a súa postura pero coido que a discusión valeu para que quedaran demostrados tanto o interese como a complexidade do tema, así coma a variedade de argumentos que se poden achegar. Non se lle pode pedir moito máis a unha mesa redonda.

luns, abril 03, 2017

Elipses e Sombras: A revolta dos animais

Mirror: The mountain

O novo traballo de Emma Ríos mestura ciencia ficción e fantasía sustentándose na engaiolante proposta visual de Hwei Lin. 

Emma Ríos irrompeu na escena galega da banda deseñada con A prueba de balas, unha caste de Hong-Kong-movie en viñetas que apareceu en 2001 en forma de fanzine e continuou en 2003 como volume autoeditado baixo o selo de Polaqia. Malia o seu comprensible amateurismo, aquelas páxinas revelaban xa a unha debuxante cargada de futuro, mais tamén a unha singular narradora que despregaba sen complexos o seu potente cargamento referencial. A reaparición de Ríos en 2009 e o seu posterior ascenso na industria norteamericana do cómic confirmouna inicialmente como debuxante, por máis que saibamos que a súa participación en títulos como Bella Muerte, escrito por Kelly Sue DeConnick, foi máis aló do estritamente artístico. Ríos non recuperaría a condición de autora completa ata I.D. (Astiberri, 2016), un relato sobre identidades en conflito que viu a luz no seo da revista Island, que ela mesma dirixiu co historietista norteamericano Brandon Graham. Simultaneamente, a autora galega lanzaría Mirror, unha miniserie de fantasía desenvolvida en colaboración con Hwei Lin, unha artista malaia que coñeceu en 2008 con ocasión dun programa de intercambio cultural entre Europa e Asia.

Ambientada nun asteroide artificialmente adaptado para acoller vida humana, Mirror relata a difícil convivencia entre as dúas especies que a habitan, unha estirpe de criaturas híbridas (metade humanas, metade animais) e a colonia de magos científicos as crearon. O desexo dos primeiros de emancipárense da tutela humana e seren recoñecidos como suxeitos plenos levará a unha confrontación inevitable. Ríos e Lin sitúanse no ronsel de clásicos literarios como A illa do Doutor Moreau para reflexionar sobre os límites da humanidade, sobre aquilo que nos converte en humanos e tamén sobre o que pode unir (ou separar) a aqueles que non son exactamente iguais. A identidade, que xa centraba o relato precedente de Ríos, I.D., está tamén na cerna desta historia na que se adiviña ademais unha mensaxe sutilmente ecoloxista. 

Mirror é un traballo ambicioso, construído a partir dunha estrutura complexa e cun ton cambiante. Ríos desbota o camiño fácil e asume riscos cunha historia que se desenvolve en liñas temporais distintas narradas en paralelo, de xeito que o lector coñece a progresión do conflito ao mesmo tempo que descobre as súas orixes. Non sempre consegue estar á altura das súas pretensións, habendo momentos nos que os saltos temporais e as disquisicións dos personaxes conducen a unha certa confusión. Mais as autoras non renuncian a explotar tamén o sentido de marabilla, situando o lector diante de paisaxes exuberantes, arquitecturas requintadas e personaxes visualmente fascinantes. Non se debe desprezar o pracer que pode proporcionar unha estética engaiolante, menos tratándose dun relato fantástico, e nese eido Lin revélase coma unha eficaz aliada para escrita de Ríos. As súas acuarelas aportan a dose necesaria de poesía, tinxindo o relato dun ritmo pausado e un aquel melancólico. A súa narrativa é imaxinativa e audaz, destacando tamén a forza icónica das súas portadas. Se o volume norteamericano que recompila o primeiro arco argumental da cabeceira ten algunha eiva é a de relegar ás últimas páxinas as cubertas dos cinco primeiros números da cabeceira, unha cadea de imaxes que dan testemuño da beleza formal e forza expresiva que pode acadar a debuxante malaia.

Esta primeira achega de Mirror deixa un escenario e un elenco de personaxes cheos de posibilidades que as autoras acaban de retomar. Hai poucas semanas aparecía en Estados Unidos o primeiro capítulo do segundo volume. A edición española deste primeiro volume chegará da man de Astiberri no segundo semestre do ano.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 29 de marzo de 2017]