quarta-feira, setembro 27, 2006

Give me liberty



O talento de Frank Miller como escritor está fóra de toda dúbida na actualidade. Sen embargo, un pensa que os seus traballos máis recentes non se atopan entre o mellor da súa producción no que atinxe á faceta literaria. O Miller contemporáneo basea as súas historias na estilización máxima de paradigmas dramáticos ben coñecidos por todos, e malia que, grazas á súa experiencia e mestría narrativa, o resultado adoita amosar poucas fendas, entendo que existe unha certa acomodación pola súa banda nun rexistro literario que sen dúbida domina.

O anterior resulta especialmente evidente se contrastamos os diferentes volumes da serie Sin City ou a correctísima 300 cunha obra como Give me liberty, publicada a inicios dos anos 90 e para a que contou, no aspecto gráfico, coa colaboración de Dave Gibbons. Hai que dicir que os dous artistas se atopaban nun momento especialmente doce da súa carreira. Miller viña de publicar Batman: Dark Knight e o Ano I do mesmo personaxe; Gibbons executara con milimétrica exactitude os guións de Alan Moore en Watchmen. Non debe sorprender, xa que logo, a indubidable calidade da obra que agora nos ocupa, ainda que probablemente non acade o grao de perfección de nengunha das mencionadas previamente.

Give me liberty é unha historia excesiva e frenética, na que uns acontecementos que teñen lugar ó longo de varios anos se presentan ó lector a un ritmo vertixinoso. A súa protagonista posúe un indubidable carácter icónico: dende o seu nome (Martha Washington) ata a súa condición social (muller negra de orixe marxinal), todo está repleto de significado. A definición un tanto estrafalaria e teatral do futuro distópico no que transcurre a acción prefigura solucións semellantes que anos máis tarde acadarían maior sona, coma o descrito por Paul Verhoeven en Starship Troopers.

Pero por enriba de todo destaca a voracidade narrativa dun Frank Miller que dende o primeiro intre deixa clara a súa disposición de tocar cantos temas teñan cabida na historia: a guerra, o poder, a manipulación da cidadanía, o racismo, a corrupción política... É tal a morea de elementos que desfilan pola narración que a elaboración dunha mensaxe clara e unívoca resulta finalmente imposible, ainda que funciona eficazmente como tapiz diante do cal transcurren os feitos.

No tocante ó apartado gráfico, coido que non é excesivo afirmar que estamos ante un dos mellores traballos de Dave Gibbons o cal, considerando a regularidade do británico, é dicir bastante. O estilo de Gibbons pode parecer por momentos clásico (mesmo anticuado) e un tanto ríxido. Sen embargo, as súas numerosas virtudes superan ampliamente calquera crítica que se lle poida facer a este respecto: as traballadas composicións de páxina, cos seus significativos paralelismos, a harmoniosidade dos seus deseños e a súa coherencia co argumento, a limpeza narrativa, a exactitude espacial, etc.

En definitiva, Give me liberty é un marabilloso cómic de ciencia ficción, capaz de conciliar moitos dos elementos proprios do xénero cunha historia chea contido emocional e ideolóxico. Como dirían os británicos, a must.

segunda-feira, setembro 25, 2006

A liña de fogo



Vincent Van Gogh (que non só non está morto, senón que conserva incólumes as dúas orellas) é enviado á fronte da I Guerra Mundial coa misión de atrapar nos seus cadros a esencia das confrontacións armadas. Esta é a orixinal premisa de A liña de fogo, unha rocambolesca aventura de Vincent Van Gogh, de Manu Larcenet, obra cuio tono e propósito difiren considerablemente do único que ata agora eu lera deste autor, a serie de Os combates cotiáns.

Hai en A liña de fogo unha evidente vontade de ofrecer sobre a guerra as típicas reflexións que cabe facer ó respecto. Sen embargo, o humor negro e múltiples detalles surrealistas fan esquecer a previsible intención moralizante da narración. Un non pode deixar de pensar canto mellora este autor na medida en que modula ou canaliza sutilmente as súas pretensións literarias.

Por outra banda, esta obra pon de manifesto o magnífico labor de Larcenet na faceta en que, se cadra, é menos recoñecido: como debuxante. O seu estilo é abertamente caricaturesco e un tanto desleixado, o que nunha aproximación superficial pode conducir á errada conclusión de que se trata só dun correcto debuxante. Porén, Larcenet domina á perfección os mecanismos de ambientación e da expresividade humana, conduce a ollada do lector dondamente pola páxina e mesmo é quen de adoptar diferentes rexistros gráficos dentro dunha mesma obra (facíao en Os combates... e faino tamén neste volume). As cores deste tomo son simplemente soberbias.

Esta obra vén a reconciliarme co seu autor, a quen tiven a sorte de ver e escoitar nas Viñetas desde o Atlántico deste verán. Por certo, ¿será cousa miña ou a persoa do autor pode recoñecerse nos seus personaxes protagonistas?

terça-feira, setembro 12, 2006

Grandes imperios, pequenas nacións



Dase nesta obra un curioso contraste. Por unha banda, o autor amosa unha loubable preocupación por definir os termos que despois empregará vizosamente. Pero por outra, recurre como continente dos seus conceptos a vocablos que, lonxe de seren virxes, están repletos de contido e connotacións sociopolíticas. Por moito que Josep Colomer adique un capítulo enteiro a clarexar en que sentido empregará os termos “nación”, “estado” e “imperio”, a un non deixa de renxerlle cada vez que le que a UE ou Xapón son hoxe imperios. Iso por non entrar na mistura que supón utilizar para aludir a formas de goberno dous termos de natureza política (nación, imperio) canda un terceiro de natureza xurídica (estado).

Por outra banda, poucas cousas hai no mundo tan variadas como os estados. É dicir, cada país constitúe unha realidade dinámica, resultado dun devir histórico único, irrepetible e non rematado e, polo tanto, susceptible de cambio. De aí que subsumir todas as unidades políticas do globo en tan só tres categorías sexa un propósito audaz en exceso, e que só poderá acadarse a costa de diluir as categorías empregadas. Esa é unhas das pexas fundamentais deste estudio, que os conceptos usados son tan escasamente consistentes que os corolarios a que conducen pecan da mesma febleza.

Ademáis, certos párrafos que recollen feitos históricos ou describen o realidades actuais merecerían uns matices que o autor non proporciona, optando por redaccións sinxelas e directas que pacifican artificialmente cuestións ampliamente controvertidas. O peor é que un ten a sensación de que o conxunto do estudio se levou a cabo para que os conceptos manexados lle acaeran ben ás teses que Colomer mantén a respecto do caso catalán. Ainda que, por outra banda, xa que o conxunto do texto parece supeditado a este caso, é na súa análise onde as teses do autor resultan máis interesantes.

segunda-feira, setembro 11, 2006

Queen & Country: Operación Fronte Tormentosa




Di Geoff Johns no prólogo a este volume que a serie Queen & Country ten como alicerce fundamental a solidez dos seus personaxes, afirmación coa que coincido plenamente. Sen restarlle importancia ou interese ós argumentos desenvolvidos por Greg Rucka, un ten a sensación de que estes son hábiles pretextos para poñer ós protagonistas en situación, permitir que revelen a súa personalidade ó lector e sometelos a unha lenta pero consistente evolución. A interacción entre o reducido número de personaxes principais da serie viría a ser o seu punto forte, sen que poidamos considerar que se descoidan as tramas de espionaxe que lles serven de vehículo.

Rucka demostra ademáis, coa premisa do presente volume, a súa vontade de transitar por camiños complicados. A morte dun dos protagonistas resulta tan sorprendente a priori como a forma en que se presenta ó lector: sen heroísmos exacerbados nen excesos dramáticos. Tanta contención encaixa perfectamente co tono de sobriedade que predomina na serie e resulta de agradecer nun momento no que este tipo de situacións adoitan afrontarse cun efectismo excesivo.

Continúa polo tanto nun tomo máis a traxectoria ascendente da serie, ainda que se demostra de novo que os debuxantes da mesma non están á altura dos guións. Neste caso, o apartado gráfico recae na artista Carla Speed McNeill, cuias páxinas revelan dificultades para a caracterización e expresividade dos personaxes, así como problemas espaciais e nas proporcións.

quinta-feira, setembro 07, 2006

Catwoman: se vas a Roma



Jeph Loeb é un escritor que goza de certo creto na industria norteamericana, fundamentalmente polo éxito comercial dalgún dos seus traballos, especialmente de Batman: Hush (ó que contribuiu indiscutiblemente a elección de Jim Lee como debuxante) e das súas colaboracións co artista Tim Sale (Challengers of the Unknown, Batman: o longo Halloween, Superman: as catro estacións, etc). Sen negarlle certa competencia, teño a sensación de que os seus traballos adoitan ofrecer resultados máis aparentes que reais.

É ese o caso de Catwoman: se vas a Roma, miniserie de seis números que Planeta ven de recopilar nun único tomo. Contando de novo co concurso de Sale no apartado gráfico, Loeb leva a Selina Kyle a Roma na procura de respostas sobre a súa orixe. Con esa premisa tece unha trama que non pasa de correcta e na que se suceden enfrontamentos da protagonista tanto coa mafia siciliana como con diversos malvados do entorno gothamita.

Se hai algo polo que paga a pena ter este tomo é polo apartado gráfico. É evidente a evolución de Tim Sale nos últimos tempos. De estilo caricaturesco e próximo ó cartoon, as súas páxinas nesta miniserie transmiten todo o dinamismo, sensualidade e clasicismo que require a historia. As súas portadas son simplemente xeniais (a peor, por certo, é a que preside o tomo, ó meu modesto entender). Non se pode esquecer a Dave Stewart, un dos mellores coloristas do momento, e cuio labor complementa e destaca máis aínda os lápices de Sale.