mércores, setembro 27, 2006

Give me liberty



O talento de Frank Miller como escritor está fóra de toda dúbida na actualidade. Sen embargo, un pensa que os seus traballos máis recentes non se atopan entre o mellor da súa producción no que atinxe á faceta literaria. O Miller contemporáneo basea as súas historias na estilización máxima de paradigmas dramáticos ben coñecidos por todos, e malia que, grazas á súa experiencia e mestría narrativa, o resultado adoita amosar poucas fendas, entendo que existe unha certa acomodación pola súa banda nun rexistro literario que sen dúbida domina.

O anterior resulta especialmente evidente se contrastamos os diferentes volumes da serie Sin City ou a correctísima 300 cunha obra como Give me liberty, publicada a inicios dos anos 90 e para a que contou, no aspecto gráfico, coa colaboración de Dave Gibbons. Hai que dicir que os dous artistas se atopaban nun momento especialmente doce da súa carreira. Miller viña de publicar Batman: Dark Knight e o Ano I do mesmo personaxe; Gibbons executara con milimétrica exactitude os guións de Alan Moore en Watchmen. Non debe sorprender, xa que logo, a indubidable calidade da obra que agora nos ocupa, ainda que probablemente non acade o grao de perfección de nengunha das mencionadas previamente.

Give me liberty é unha historia excesiva e frenética, na que uns acontecementos que teñen lugar ó longo de varios anos se presentan ó lector a un ritmo vertixinoso. A súa protagonista posúe un indubidable carácter icónico: dende o seu nome (Martha Washington) ata a súa condición social (muller negra de orixe marxinal), todo está repleto de significado. A definición un tanto estrafalaria e teatral do futuro distópico no que transcurre a acción prefigura solucións semellantes que anos máis tarde acadarían maior sona, coma o descrito por Paul Verhoeven en Starship Troopers.

Pero por enriba de todo destaca a voracidade narrativa dun Frank Miller que dende o primeiro intre deixa clara a súa disposición de tocar cantos temas teñan cabida na historia: a guerra, o poder, a manipulación da cidadanía, o racismo, a corrupción política... É tal a morea de elementos que desfilan pola narración que a elaboración dunha mensaxe clara e unívoca resulta finalmente imposible, ainda que funciona eficazmente como tapiz diante do cal transcurren os feitos.

No tocante ó apartado gráfico, coido que non é excesivo afirmar que estamos ante un dos mellores traballos de Dave Gibbons o cal, considerando a regularidade do británico, é dicir bastante. O estilo de Gibbons pode parecer por momentos clásico (mesmo anticuado) e un tanto ríxido. Sen embargo, as súas numerosas virtudes superan ampliamente calquera crítica que se lle poida facer a este respecto: as traballadas composicións de páxina, cos seus significativos paralelismos, a harmoniosidade dos seus deseños e a súa coherencia co argumento, a limpeza narrativa, a exactitude espacial, etc.

En definitiva, Give me liberty é un marabilloso cómic de ciencia ficción, capaz de conciliar moitos dos elementos proprios do xénero cunha historia chea contido emocional e ideolóxico. Como dirían os británicos, a must.

Ningún comentario: