luns, setembro 25, 2006

A liña de fogo



Vincent Van Gogh (que non só non está morto, senón que conserva incólumes as dúas orellas) é enviado á fronte da I Guerra Mundial coa misión de atrapar nos seus cadros a esencia das confrontacións armadas. Esta é a orixinal premisa de A liña de fogo, unha rocambolesca aventura de Vincent Van Gogh, de Manu Larcenet, obra cuio tono e propósito difiren considerablemente do único que ata agora eu lera deste autor, a serie de Os combates cotiáns.

Hai en A liña de fogo unha evidente vontade de ofrecer sobre a guerra as típicas reflexións que cabe facer ó respecto. Sen embargo, o humor negro e múltiples detalles surrealistas fan esquecer a previsible intención moralizante da narración. Un non pode deixar de pensar canto mellora este autor na medida en que modula ou canaliza sutilmente as súas pretensións literarias.

Por outra banda, esta obra pon de manifesto o magnífico labor de Larcenet na faceta en que, se cadra, é menos recoñecido: como debuxante. O seu estilo é abertamente caricaturesco e un tanto desleixado, o que nunha aproximación superficial pode conducir á errada conclusión de que se trata só dun correcto debuxante. Porén, Larcenet domina á perfección os mecanismos de ambientación e da expresividade humana, conduce a ollada do lector dondamente pola páxina e mesmo é quen de adoptar diferentes rexistros gráficos dentro dunha mesma obra (facíao en Os combates... e faino tamén neste volume). As cores deste tomo son simplemente soberbias.

Esta obra vén a reconciliarme co seu autor, a quen tiven a sorte de ver e escoitar nas Viñetas desde o Atlántico deste verán. Por certo, ¿será cousa miña ou a persoa do autor pode recoñecerse nos seus personaxes protagonistas?

Ningún comentario: