Amosando publicacións coa etiqueta Relatos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Relatos. Amosar todas as publicacións

luns, marzo 20, 2006

A mesa limón



Penso que existe coincidencia acerca de que Julian Barnes é un autor especialmente dotado para o humor. A súa voz adoita revelar un sentido da realidade irónico e típicamente británico que o aproxima á escrita de autores abertamente humorísticos como Lodge ou Sharpe. Certo é que parte da súa obra deixa sentir tamén unha certa melancolía que o alonxa de aqueles. Obras como Metrolandia ou a fracasada Antes de coñecernos perseguen propósitos que exceden o puramente humorístico

Nos relatos que compoñen A mesa limón coinciden de novo humor e melancolía, ainda que con claro predominio do primeiro sobre o segundo. Agora ben, o autor administra os seus impulsos xoviais cunha certa mesura, alonxándose da caricatura fácil que tanto o perxudicou en obras anteriores (Inglaterra, Inglaterra). Adúcese con frecuencia que a ironía impón distancias que, á postre, dificultan a implicación do autor no texto e merman o seu disfrute. Non obstante, penso que Barnes é esencialmente un autor de distancias longas. De aí que relatos de corte emocional como A historia de Mats Israelson resulten menos eficaces que aqueles nos que o autor se deixa levar polo súa vena sarcástica, caso de A de cousas que sabes ou Vixiancia. De feito, o paroxismo da distancia irónica é a metaliteratura sobre a que se constrúe Saber francés, relato cuios acertos demostran a validez de Barnes nestes terreos.

A prosa de Barnes é áxil e musical, dunha elegancia indiscutible. O libro, sempre que se acepten os xogos de sarcasmo propios do autor, resulta lixeiro e de lectura amable o cal, tratándose dun libro que esencialmente fala da morte, é bastante. Podería pensarse que se trata dunha obra menor pero, se consideramos os resultados do británico cando se plantexa obxectivos máis ambiciosos, poderemos concluir que se trata simplemente de levar as cousas ó terreo que lle é máis propicio.

luns, novembro 21, 2005

Ruído, relatos de guerra

Image hosted by Photobucket.com


Se algo caracteriza ás columnas de opinión dos xornáis na actualidade é a monotonía, a inexistencia de voces orixinais e, no que atinxe ós contidos, unha pouco disimulada defensa dos intereses do propio grupo mediático (cos seus apéndices ideolóxicos) fronte ó adversario. Miguelanxo Murado ven sendo unha excepción a todo o anterior. As súas columnas para La Voz de Galicia destacan sempre pola singularidade da súa ollada e por unha meritoria capacidade para manter a distancia irónica sen deixar de tomar partido.

Sendo como son seguidor da actividade xornalística de Murado, decidín achegarme á súa obra literaria, comezando polo que probablemente é o seu libro máis popular, Ruído, relatos de guerra. Trátase dunha recopilación de contos ambientados na guerra de Iogoslavia, que Murado coñeceu de primeira man.

Os relatos caracterízanse pola súa brevidade, pola sinxeleza máxima da súa prosa e pola inevitable crudeza dos contidos. O esquema é reiterativo, pártese dunha anécdota real, exposta en cursiva no inicio do relato, da que se tira unha idea que é desenvolvida no conto. O efecto destes relatos é acumulativo. Os personaxes e as situacións cambian, pero a permanencia de certos elementos nas distintas historias (a mutación nos valores e nas prioridades que introduce a guerra, a presenza cotián da morte...) permiten interpretar o conxunto como unha única historia, de evidente contido sentimental e mesmo moralizante, pero que non chega a caer na sensiblería ou na pura retórica antibelicista. Un ten a sensación de que o autor tentou sempre manter un certo control para non convertir o que son historias de contido humano en simples máximas pacifistas. Ése é, sen dúbida, o seu maior logro.