luns, novembro 21, 2005

Ruído, relatos de guerra

Image hosted by Photobucket.com


Se algo caracteriza ás columnas de opinión dos xornáis na actualidade é a monotonía, a inexistencia de voces orixinais e, no que atinxe ós contidos, unha pouco disimulada defensa dos intereses do propio grupo mediático (cos seus apéndices ideolóxicos) fronte ó adversario. Miguelanxo Murado ven sendo unha excepción a todo o anterior. As súas columnas para La Voz de Galicia destacan sempre pola singularidade da súa ollada e por unha meritoria capacidade para manter a distancia irónica sen deixar de tomar partido.

Sendo como son seguidor da actividade xornalística de Murado, decidín achegarme á súa obra literaria, comezando polo que probablemente é o seu libro máis popular, Ruído, relatos de guerra. Trátase dunha recopilación de contos ambientados na guerra de Iogoslavia, que Murado coñeceu de primeira man.

Os relatos caracterízanse pola súa brevidade, pola sinxeleza máxima da súa prosa e pola inevitable crudeza dos contidos. O esquema é reiterativo, pártese dunha anécdota real, exposta en cursiva no inicio do relato, da que se tira unha idea que é desenvolvida no conto. O efecto destes relatos é acumulativo. Os personaxes e as situacións cambian, pero a permanencia de certos elementos nas distintas historias (a mutación nos valores e nas prioridades que introduce a guerra, a presenza cotián da morte...) permiten interpretar o conxunto como unha única historia, de evidente contido sentimental e mesmo moralizante, pero que non chega a caer na sensiblería ou na pura retórica antibelicista. Un ten a sensación de que o autor tentou sempre manter un certo control para non convertir o que son historias de contido humano en simples máximas pacifistas. Ése é, sen dúbida, o seu maior logro.

Ningún comentario: