mércores, novembro 23, 2005

Deadenders

Image hosted by Photobucket.com

Ed Brubaker é coñecido fundamentalmente como escritor de historias de xénero negro, de superheroes e de productos que misturan as dúas tendencias. Non resulta estraño que, tendo a oportunidade de publicar unha serie de creación propia para Vertigo, o selo adulto de DC cómics, optara por un producto alonxado dos territorios que habitualmente transita.

Deadenders é un cómic coma mínimo estraño. Ambientado nun entorno de ciencia ficción (o clásico futuro post-cataclismo), incorpora elementos de folletín adolescente (hai referencias explícitas ós cómics de Archie, moi populares nos EEUU) e fantásticos (o protagonista sufre alucinacións). A trama desenvólvese sen priorizar nengún destes aspectos o que, por momentos, da lugar a unha molesta indefinición. En calquera caso, parece claro que os plantexamentos do autor son a longo prazo e presúmese que, delimitados os personaxes e o contexto, a historia comezará a camiñar nalgunha dirección concreta.

Lin ata o de agora os dous primeiros tomos editados por Norma. O primeiro, titulado Roubar o sol, comprende os catro primeiros números da serie e, como adiantaba, está adicado á introducción da trama. O fío principal da historia, que da nome ó tomo, resulta un tanto decepcionante por previsible. Os catro capítulos seguintes, recollidos baixo o título Entre o onte e o agora, céntranse en aspectos sentimentais o que reduce a cantidade de factores en xogo e fai a narración algo máis nítida. Aínda así, os clichés son abundantes e limitan o interese da historia.
A parte gráfica corre a cargo de Warren Pleece quen, non tendo un acabado excesivamente vistoso, cumple discretamente, e do sempre agradecido Phillip Bond nas portadas.

Ningún comentario: