sexta-feira, novembro 18, 2005

The Fall

Image hosted by Photobucket.com


Debo recoñecer que o meu coñecemento da obra de Ed Brubaker non é moi fondo. Antes de achegarme a The Fall tíñalle lido apenas os seus excelentes guións para Catwoman e Gotham Central, neste último caso a medias con Greg Rucka. Nas obras mencionadas, Brubaker amosaba un innegable talento para as historias de xénero negro, asi coma unha clara preocupación por dotar ós seus personaxes de caracteres dunha certa complexidade.

The Fall supón a colaboración de Brubaker cun dos ilustradores máis significados do independente americano, Jason Lutes, coñecido popularmente polo seu cómic Berlin. O feito de publicaren a súa obra con carácter serializado na editorial Dark Horse (posteriormente, sería Drawn & Quarterly quen editara o tomo recopilatorio), garantía unha maior liberdade artística dos autores e un dominio case total sobre o producto final. Doutra banda, o carácter policiaco da trama invitaba a confiar, dados os antecedentes, no quefacer de Brubaker.

Se cadra é por todo iso, polas altas expectativas creadas, que a miña sensación tras a lectura da obra é de decepción. O conxunto pode calificarse de impecable en moitos aspectos: a trama desenvólvese con coherencia e verosimilitude, ben apoiada na narrativa gráfica de Lutes. Sen embargo, fáltalle sustancia e, sobre todo, emoción. De feito, o cómic lése en pouco tempo e o número de páxinas que ocupa a historia ten máis que ver co considerable tamaño dos cadriños que coa profundidade real da trama. Por se fora pouco, esa escaseza de contidos leva a sacar á luz todas as eivas do debuxo de Lutes (o seu estatismo, a falta de contrastes no branco en negro, a austeridade dos fondos) e case nengunha das súas numerosas virtudes.

En definitiva, trátase, na miña opinión, dun traballo fallido e dunha ocasión perdida. Esperemos que ámbolos dous artistas non tarden en volver sumar as súas forzas para levar a cabo un proxecto mellor.

Sem comentários: