Amosando publicacións coa etiqueta Dynamite. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dynamite. Amosar todas as publicacións

mércores, xaneiro 25, 2012

American Flagg!



Aos seus 61 anos, Howard Chaykin segue hoxe a desenvolver proxectos dentro do mainstream norteamericano, aínda que existe un certo consenso acerca de que a súa produción recente non está á altura dos seus mellores traballos. Cando se mencionan estes non adoita faltar o que agora nos ocupa, American Flagg! (Norma, 2012), unha cabeceira que comezou a súa andaina en 1983 e na que o autor retrata con acedume a sociedade norteamericana.

Publicada orixinalmente pola extinta (ou renacida?) First Cómics, American Flagg! imaxina uns Estados Unidos rexidos por un liberalismo económico extremo, na que todo pode ser obxecto de compravenda (a intimidade, o sexo, o estado de Illinois...) e cunha sociedade reducida a un estadio infantil pola omnipresencia das marcas e a tutela da TV. O escritor Michael Chabon suxire no limiar semellanzas entre esta paisaxe e as que uns anos máis tarde leríamos en obras como Batman: O retorno do cabaleiro escuro (1986) ou Watchmen (1986). Sen negar que existan, coido que as coincidencias co clásico de Moore e Gibbons son menos evidentes que coa obra de Frank Miller. Se en Dark Knight atopabamos tamén bandas de punks e a presencia invasiva das pantallas de televisión, outra obra do mesmo autor, a saga de Martha Washington (1990), ofrece imaxes de mercantilismo exacerbado moi semellantes ás de American Flagg!. A cronoloxía destas obras invitaría a pensar nun Miller claramente influenciado por Chaykin, aínda que esta non é a única opción posible. Se aceptamos que toda ollada no futuro revela unha certa perspectiva sobre o presente podemos entender que as paisaxes imaxinadas polos dous autores estaban condicionadas en primeira instancia polas circunstancias en que foron concibidas. Pensemos que estes traballos foron creados baixo o mandato de Ronald Reagan (1981-1989), é dicir, baixo as premisas económicas da escola de Chicago, e nun mundo no que, a falta de Internet, a televisión era o medio que mellor expresaba o intrusismo e a forza manipuladora dos medios de comunicación. As distopías propostas tanto por Chaykin como por Miller estarían a seguir a liña trazada pola súa propia realidade.

Aínda que o tempo si deixou a súa pegada en American Flagg!, non pode negarse que a súa crítica ácida e desenfreada conserva aínda boa parte da súa forza. Ademais, cómpre recoñecer a valentía dun Chaykin que creou un produto de características semellantes ás do tebeo de masas (e polo tanto xuvenil), mais dirixido a un lector adulto, o que si resultaba novidoso no seu tempo. As pingas de sexo e violencia que atopamos nas súas páxinas poden parecernos hoxe triviais, ata un tanto inxenuas, pero sobardaban claramente os límites do habitual a principios dos 80. Polo demáis, a obra ofrece unha primeira versión do que máis tarde se convertirían en tópicos habituais da súa obra, dende un estereotipo de heroe que repetiría ad nauseam, ata unha obvia fixación con medias e ligueiros.

Polo demais, aínda que estamos perante unha das mellores etapas de Chaykin como debuxante, as súas limitacións son tamén claras. Entre o positivo, unha liña gráfica dura e chea de arestas, que encaixa ben cos argumentos, e unha vontade de arriscar na composición, con páxinas que buscan solucións pouco convencionais. Entre o negativo, algúns fallos anatómicos e non poucas ocasións nas que a narrativa resulta confusa.

En calquera caso, atopámonos perante unha obra que recolle o peculiar xeito de ollar do seu autor nunha das súas mellores versións e cuxa lectura, trinta anos despois de que vira a luz por vez primeira, está plenamente xustificada.

xoves, setembro 16, 2010

Dreadstar



Transcurridos case trinta anos dende que o Dreadstar de Jim Starlin vira a luz por vez primeira, a recente reedición dos primeiros doce números da cabeceira (Planeta, 2010) ofrece a oportunidade de calibrar a vixencia do que pasa por ser un dos traballos máis memorables do seu autor e que foi mascarón de proa de Epic, o selo de creación propia e orientación adulta da Marvel dos primeiros 80. Dende unha perspectiva actual, a proposta de Starlin, acción e aventura nun entorno de ciencia ficción claramente debedor de esquemas superheroicos, non parece precisamente arriscada, aínda que probablemente non era risco o que a liña editorial buscaba, senón diversificar a oferta, abrindo o espectro con productos capaces de captar novos segmentos de mercado sen deixar fóra ao lector-tipo da compañía. Cómpre lembrar que en 1982, ano no que a cabeceira bota a andar, o estándar de aventura futurista establecido pola primeira vaga de películas de Star Wars estaba xa plenamente asentado (as dúas primeiras entregas da saga foran un éxito e a terceira estaba xa en fase de produción) sendo ése outro ronsel no que Starlin semella querer situar a súa obra. De feito, por máis que a elección de dúas potencias galácticas de connotacións tan obvias como a Monarquía e a Instrumentalidade invitaría a pensar que hai en Dreadstar algunha caste de discurso crítico cara Estado e Igrexa, o certo é que non atopamos máis datos que os puramente nominais para sustentar esta tese. Coma nas películas de Lucas, o esencial é a aventura, nin máis nin menos.

Outro dato a salientar, nos 80 o mercado da grapa érao prácticamente todo, non se producía pensando na eventual recopilación en tomo. Consecuencia, a saga de Dreadstar acusa o peso excesivo do episódico en perxuízo do argumento a longo prazo. Starlin artella os seus guións pensando ante todo na coherencia do capítulo-número, facendo que en cada un deles se sustancie de maneira completa e pechada un evento determinado, por máis que esa acción inmediata sirva para mover unhas engranaxes máis lonxanas. Cómpre recoñecer que, aínda que pode lastrar a lectura global, o dominio de Starlin da cadencia episódica tradúcese en momentos brillantes, capítulos resoltos con mestría e golpes de efecto notables.

Outro punto forte, a caracterización dos protagonistas. Concedéndolles alternativamente a voz narrativa en distintos capítulos, integrando no relato os seus respectivos pasados e apoiándose en estereotipos moi empregados no tebeo de superheroes (a estrutura dos Dreadstar e compañía aseméllase e moito á dos grupos superheroicos), Starlin define aos seus protagonistas cunha concisión e coherencia envexables.

Polo demáis, Starlin foi sempre un debuxante de trazo clásico, ben acomodado no canon superheroico no que se moveu (e segue moverse) durante a maior parte da súa carreira. A boa resistencia que os seus deseños (especialmente os escenarios e a maquinaria futurista) presentan ao paso dos anos non só proba ese clasicismo, senón que demostra que estamos ante un dos seus mellores traballos como debuxante.

domingo, novembro 02, 2008

The Boys: As regras do xogo – Molla



Un dos multiples achados de Watchmen foi a constatación de que o superheroe tradicional era inseparable da súa firmeza moral. Moore e Gibbons demostraron que a figura do xusticieiro enmascarado mudaba en formas moi diversas unha vez se introducían fendas éticas no seu comportamento. Tomando (provisionalmente) esta obra como momento inaugural da tendencia, numerosos traballos posteriores viñeron a incidir neste punto, contribuindo a expoñer algúns dos sobreentendidos sobre os que se construiu a iconografía superheroica.

The Boys, a cabeceira que Garth Ennis e Darick Robertson crearon inicialmente para o selo Wildstorm e que posteriormente trasladaron á editorial Dynamite, participa desta ollada desmitificadora sobre a familia superheroica, por máis que a súa capacidade de penetración sexa máis ben escasa. A urxencia transgresora de Ennis lévao pola vía de confrontación máis directa, esquecendo dotar de algún sentido a súa acometida.

O primeiro tomo, As regras do xogo (Norma, 2008), establece o tono da serie como aproximación gamberra ao universo superheroico. Sexo e violencia parecen ser argumentos suficientes para o discurso supostamente corrosivo dun Ennis que disfraza de tese o que non deixa de ser a liberación dunha fantasía adolescente. O concepto de escabrosidade subxacente precisa dun lector inxenuo, case virxinal, para funcionar. Malia a ser o seu propósito fundamental, o escritor irlandés non consegue resultar impertinente; de feito, o único que chega a molestar é que se aspire a incomodar a partires dun discurso tan pueril.

O primeiro arco argumental do segundo tomo, Molla (Norma, 2008), introduce unha certa melloría ao adoptar unha perspectiva máis abertamente paródica. Ennis, nun arrouto de orixinalidade, enreda cun dos lugares comúns máis frecuentados da escatoloxía superheroica, a dubidosa natureza da relación entre heroe e sidekick. Barra libre para os amantes do caca-cu-peido con Batman e Robin de por medio. Con ou sen gracia, agradécese que Ennis asuma implícitamente que o seu relato é un chiste prolongado. Algo semellante acontece co terceiro arco, Glorioso plan quinquenal, absoluto despropósito argumental que semella supeditado ao estimable propósito de facer unha broma cun consolador.

A sublime torpeza de Ennis constátase non só na súa incapacidade para elevar o seu discurso, senón tamén no nulo desenvolvemento dos personaxes protagonistas (non digamos xa dos secundarios) e na ríspeta construcción dunhas tramas que presentan demasiadas irregularidades para a súa escasa complexidade. O resultado é un cómic carente doutro sentido que non sexa o de escandalizar a velliñas e impresionar a adolescentes.