quarta-feira, janeiro 25, 2012

American Flagg!



Aos seus 61 anos, Howard Chaykin segue hoxe a desenvolver proxectos dentro do mainstream norteamericano, aínda que existe un certo consenso acerca de que a súa produción recente non está á altura dos seus mellores traballos. Cando se mencionan estes non adoita faltar o que agora nos ocupa, American Flagg! (Norma, 2012), unha cabeceira que comezou a súa andaina en 1983 e na que o autor retrata con acedume a sociedade norteamericana.

Publicada orixinalmente pola extinta (ou renacida?) First Cómics, American Flagg! imaxina uns Estados Unidos rexidos por un liberalismo económico extremo, na que todo pode ser obxecto de compravenda (a intimidade, o sexo, o estado de Illinois...) e cunha sociedade reducida a un estadio infantil pola omnipresencia das marcas e a tutela da TV. O escritor Michael Chabon suxire no limiar semellanzas entre esta paisaxe e as que uns anos máis tarde leríamos en obras como Batman: O retorno do cabaleiro escuro (1986) ou Watchmen (1986). Sen negar que existan, coido que as coincidencias co clásico de Moore e Gibbons son menos evidentes que coa obra de Frank Miller. Se en Dark Knight atopabamos tamén bandas de punks e a presencia invasiva das pantallas de televisión, outra obra do mesmo autor, a saga de Martha Washington (1990), ofrece imaxes de mercantilismo exacerbado moi semellantes ás de American Flagg!. A cronoloxía destas obras invitaría a pensar nun Miller claramente influenciado por Chaykin, aínda que esta non é a única opción posible. Se aceptamos que toda ollada no futuro revela unha certa perspectiva sobre o presente podemos entender que as paisaxes imaxinadas polos dous autores estaban condicionadas en primeira instancia polas circunstancias en que foron concibidas. Pensemos que estes traballos foron creados baixo o mandato de Ronald Reagan (1981-1989), é dicir, baixo as premisas económicas da escola de Chicago, e nun mundo no que, a falta de Internet, a televisión era o medio que mellor expresaba o intrusismo e a forza manipuladora dos medios de comunicación. As distopías propostas tanto por Chaykin como por Miller estarían a seguir a liña trazada pola súa propia realidade.

Aínda que o tempo si deixou a súa pegada en American Flagg!, non pode negarse que a súa crítica ácida e desenfreada conserva aínda boa parte da súa forza. Ademais, cómpre recoñecer a valentía dun Chaykin que creou un produto de características semellantes ás do tebeo de masas (e polo tanto xuvenil), mais dirixido a un lector adulto, o que si resultaba novidoso no seu tempo. As pingas de sexo e violencia que atopamos nas súas páxinas poden parecernos hoxe triviais, ata un tanto inxenuas, pero sobardaban claramente os límites do habitual a principios dos 80. Polo demáis, a obra ofrece unha primeira versión do que máis tarde se convertirían en tópicos habituais da súa obra, dende un estereotipo de heroe que repetiría ad nauseam, ata unha obvia fixación con medias e ligueiros.

Polo demais, aínda que estamos perante unha das mellores etapas de Chaykin como debuxante, as súas limitacións son tamén claras. Entre o positivo, unha liña gráfica dura e chea de arestas, que encaixa ben cos argumentos, e unha vontade de arriscar na composición, con páxinas que buscan solucións pouco convencionais. Entre o negativo, algúns fallos anatómicos e non poucas ocasións nas que a narrativa resulta confusa.

En calquera caso, atopámonos perante unha obra que recolle o peculiar xeito de ollar do seu autor nunha das súas mellores versións e cuxa lectura, trinta anos despois de que vira a luz por vez primeira, está plenamente xustificada.

2 comentários:

Octavio B. (señor punch) disse...

Precisamente está a ser a miña lectura. Dacordo contigo ao 100%. Sí, penso que o tempo se lle votou enrriba. Non desmerecendo dos seus méritos como precursor, certo, e como exemplo do sempre "afiado" Chaykin (afiado no entorno do mainstream, claro, comparamos o Flagg coas burradas de Crumb dez anos antes, ou có Makoki que le sería contemporáneo +- e... ejem...

Ollo de Vidro disse...

Os anos nótanselle bastante. E tes razón en que resulta transgresor pero dende dentro das marxes, non dende fóra (como Crumb, Makoki e o underground...)