xoves, agosto 20, 2009

Criminal: Mala noite



Para cantas variacións dá a terna perdedor/muller fatal/poli corrupto? Para poucas, na miña opinión, especialmente se quen as escribe se deixa levar pola melodía dun saxo decadente. Malia iso, recoñezo que estaba a disfrutar con Mala noite (Panini, 2009), o cuarto arco argumental de Criminal, a cabeceira noir creada por Ed Brubaker e Sean Phillips, desta volta cunha narración planificada a conciencia e na que cada pequeno detalle termina demostrándose relevante. Ademáis, Brubaker inclúe, nunha chiscadela á que o non nos ten afeitos, un cómic dentro do cómic, cunha tira de prensa protagonizada por un detective que é claro homenaxe a Dick Tracy, mais tamén a Slam Bradley e a calquera outro tipo duro de historieta.

Mais as dúbidas abrollan de novo na conclusión do relato. Coido que Brubaker non acerta recurrindo ao tópico manido do desdobramento de personalidade, menos aínda coa sobreexplotada imputación ao personaxe de ficción das accións das que renega a conciencia do protagonista. Pero en definitiva, a cuestión esencial é se ten sentido ou se merece tanta gabanza unha cabeceira na que dous grandes do cómic americano consagran o seu probado talento a reproducir esquemas que teñen sido xa explorados en todas as súas vertentes. Dito doutro xeito, é precisa unha superbanda para versionear clásicos do blues?

Entradas relacionadas
Criminal: Lawless
Criminal: Covarde
Criminal: Os mortos e os moribundos

Entradas relacionadas – Ed Brubaker

mércores, agosto 19, 2009

Tom Strong 1



Sinalar o carácter icónico do personaxe de Tom Strong é pouco menos que caer na obviedade. Así o indican a sonoridade do seu nome, a súa orixe, que lembra a Verne, Rice Borroughs e tantos outros, e o seu perfil moral, dunha simplicidade típicamente heroica. Porén, en poucas ocasións ten construido Alan Moore unha narración tan ancorada na súa literalidade e, por tanto, tan frontal e sinxela, coma nos capítulos que compoñen este primeiro tomo (Norma, 2006) das aventuras do personaxe, nos que a vontade de recuperar unha ollada inocente predomina sobre calquera intención revisionista ou referencial.

Así, a ese personaxe-icona incorpórase unha familia heroica, dous secundarios amables (un simio parlante e un robot mordomo que aportan o contrapunto cómico) e uns viláns tan xenerosos en grandilocuencia coma escasos en matices. Establécese deste xeito o marco idóneo para desenvolver unha forma de relato centrado na aventura e o enxeño nun contexto moralmente plano, no que a literalidade da trama capitaliza o interese do texto por riba duns dilemas éticos prácticamente inexistentes. Chris Sprouse contribúe eficazmente aos mesmos fins, con deseños perfectamente acaídos e un debuxo asequible e luminoso, e igual sintonía presentan as páxinas que aportan outros debuxantes, primeiras figuras como Arthur Adams, Gary Frank, Dave Gibbons ou Jerry Ordway que participan en calidade de “artistas invitados” .

O texto reclama, xa que logo, un lector de ollada limpa e disposto a marabillarse ou, dito doutro xeito, mal encarreirado estará o lector habitual de Moore que busque nas páxinas desta cabeceira a mensaxe analítica e desmitificadora que lle é característica: o obxectivo non é derrubar mitos senón reconstruilos. Atopamos, é certo, algúns dos rasgos de estilo propios do de Northamton, coma o xogo metaliterario do primeiro capítulo ou a presentación de acontecementos pasados baixo fórmulas narrativas anticuadas ao xeito do que xa fixera en Supreme. Fóra diso, o único subtexto semella ser precisamente a falta de subtexto.

Entradas relacionadas

mércores, agosto 12, 2009

Stuck rubber baby



Todo o bo que lera sobre Stuck rubber baby (Dolmen, 2006) era certo. Considerando o moito e moi gabancioso que se ten escrito sobre a obra de Howard Cruse, probablemente non sexa preciso maior comentario. Entre os seus múltiples acertos destaca o de revestir de conxunto de vivencias persoais o que non deixa de ser un relato social e político sobre a intolerancia. Mantén ademáis o control emocional en todo momento, sen caer en excesos dramáticos e cun tratamento mesurado, anque non equidistante (cabe a equidistancia fronte o racismo e a homofobia?), do conflito social retratado. Por último, non se adoita dicir, probablemente polas moitas virtudes do texto, que Cruse é un estupendo debuxante, pouco atractivo nunha primeira achega, mais exemplar no empego de recursos para o aproveitamento da páxina.

domingo, agosto 02, 2009

Valentina 1



O criterio seguido na organización do primeiro volume recopilatorio das historias de Valentina (Norma, 2008) resulta cando menos cuestionable. No canto de seguir a orde de publicación orixinal, seguiuse a cronoloxía do personaxe, de xeito que as historias protagonizadas pola Valentina nena e adolescente anteceden a A curva de Lesmo, aventura inaugural do personaxe. Esta ordenación non só dificulta o seguimento da evolución do autor, senón que entorpece a percepción dun rasgo nada irrelevante: que Valentina naceu como secundaria e terminou devorando ao suposto protagonista, o detective cultureta Phillip Rembrandt “Neutrón”. E non é de estrañar que así fose, considerando que a fotógrafa imaxinada por Guido Crepax non só segue a ser chic e sexy cuarenta anos despois da súa creación, senón que probablemente non deixou de selo en todo este tempo.

Non se pode dicir o mesmo das súas aventuras, que dan lugar, cando menos, a sentimentos enfrontados. Por unha banda, o pastiche de deseños pop-art sobre música de jazz con intrigas que lembran ás películas de Flint e demáis excesos xenuinamente sesenteiros invitan a unha lectura indulxente e desprexuizada. Porén, algunhas historias teñen un punto pretensioso tan molesto como propio do seu tempo, e o mesmo pode dicirse das continuas apelacións a autoridades do mundo da cultura (artistas de vangarda, clásicos da literatura, sociólogos, críticos…) nas que Crepax semella buscar unha lexitimación artística que hoxe só pode interpretarse como acomplexada.

No outro extremo, a delicada liña gráfica de Crepax, o seu poderío iconográfico e a naturalidade con que integra a experimentación formal son sólidos argumentos a prol do disfrute estético deste clásico que, aínda que ancorado no seu tempo, segue a manter un indiscutible interese.