quarta-feira, novembro 29, 2006

Gotham Central: caso sen resolver



Esta nova entrega da serie Gotham Central vén a confirmar a idea de que non se debe reparar o que non está avariado. Fiel ás premisas sobre as que o título se sustenta dende o primeiro número, cada novo arco argumental consolida á colección como unha das máis interesantes que se está a publicar no noso país (por máis que xa teña sido clausurada nos EEUU).

Se cadra, o máis salientable do arco que leva por título Caso sen resolver sexa a volta ós lápices de Michael Lark, tras un breve descanso de apenas tres números. Lark non só é un dos mellores debuxantes do mercado americano actual, senón que, respecto a Gotham Central, foi quen concebiu a súa liña gráfica, quen definiu o tono visual da serie, dos seus personaxes e escenarios, sendo respetados os seus conceptos ainda durante a súa ausencia. Xa que logo, o seu retorno é motivo de celebración, especialmente porque cada páxina corrobora a solidez do seu traballo.

No que atinxe ós guións, Ed Brubaker segue co seu labor de aproximación racional e desmitificadora á galería de inimigos de Batman que, sendo abordados dende a perspectiva dunha investigación policial ordinaria, adquiren matices novidosos e enriquecedores. Pola súa banda, os policías que levan a cabo as investigacións veñen rotando dende o inicio da serie sen que as tramas se resintan, o que da unha idea do atinado labor de caracterización que Brubaker (e Rucka) veñen desenvolvendo. Sinalar, por último, que neste volume aparece con certo protagonismo Harvey Bullock, secundario habitual das series de Batman considerablemente popular entre os lectores.

Non querería rematar sen salientar que o trasvase dos dereitos de publicación desta serie de Norma a Planeta supuxo un agradecido descenso do prezo sen merma de calidade algunha na edición.

Sem comentários: