mércores, novembro 22, 2006

Locas 2



Son moitas as diferencias entre este segundo volume de Locas e o precedente. Nas historias aquí recollidas, Jaime Hernández prescinde dos elementos máis fantásticos e delirantes presentes na andaina previa: nen dinosauros, nen odiseas polo deserto, nen mecánica prosolar. Pasa a un primeiro plano, pola contra, a profundización na psicoloxía dos personaxes principais, ó tempo que se lle outorga unha maior relevancia ós secundarios. Os ambientes exóticos desaparecen a prol dunha ambientación urbana e fronteiriza que tamén tiña a súa importancia nos números previos. En definitiva, o conxunto un tanto caótico de elementos que compoñían as primeiras historias da serie foi peneirándose ata decantárense algúns dos seus compoñentes. A trama adquire así unha coherencia maior, ó tempo que, sen renunciar ó tono ácedo e ás veces delirante que viña caracterizando á cabeceira dende o seu inicio.

O feito de que, malia os numerosos cambios, un sexa capaz de recoñecer unha indiscutible continuidade na obra, demostra que estamos ante un autor que ten unha voz narrativa de seu, capaz de transitar por terreos distintos e asumir diferentes rexistros sen perder no camiño o seu selo persoal. Isto é posible, entre outros motivos, pola súa enorme coherencia gráfica, fiel a un estilo pulcro e ordeado, e tamén pola sólida construcción duns personaxes que neste tomo asumen un peso considerablemente maior ó das historias precedentes. Non podo deixar de salientar a simpatía que me suscitan a maior parte das “tolas” que protagonizan a serie: as adorables Maggie e Hopey, a arrebatadora Penny Century, a formidable Rena Titañón, a peculiar Izzy... Todas elas con cadansúas virtudes e imperfeccións conforman un elenco entranable e suficiente de seu para xustificar a lectura desta serie.

Ningún comentario: