quinta-feira, julho 20, 2006

Locas



Cando un pensa no cómic independente norteamericano véñenselle á cabeza nomes como Crumb, Sheldon, Clowes ou Burns, autores de trazo feísta e vocación transgresora. De aí que, a primeira vista, unha obra como Locas de Jaime Hernández pareza non encaixar exactamente nesa categoría. O estilo gráfico de Hernández é, nese senso, oposto ó dos anteriores: sinxelo, proporcionado e limpo, disposto nunha organización de páxina na que a orde e o equilibrio non deixan espazo para a experimentación ou o rupturismo. A representación gráfica das “tolas” ás que fai referencia o título (mecánicas, punkettes, campionas de loita libre…) lembra, nunha curiosa inversión, ás candorosas pin-ups ou ás estrelas femininas do cine dos anos 50.

Esa harmonía visual contrasta co caos argumental que preside a obra: dinosauros, vehículos futuristas, loitadoras, superheroínas, diaños, territorios fronteirizos, elementos de comedia teen, de pulps, de ciencia ficción… Todas estas compoñentes son tratadas con contención e naturalidade, evitando caer no puro absurdo ou nun rupturismo vacuo, e dando lugar a un resultado paradoxalmente coherente. Contempladas en conxunto, as historias de Hernández adquiren sentido completo e amosan a uns personaxes interesantes, ben definidos e, por enriba de todo, entranables.

O característico de Hernández non é, xa que logo, a súa vontade rupturista, senón a indiscutible liberdade con que desenvolve a súa obra. E é probablemente esa independencia creativa a que permite que hoxe, cando xa pasaron máis de vinte anos dende a súa creación, as historias que compoñen este volume que agora edita meritoriamente La Cúpula, conserven a súa frescura orixinal e poidamos empezar a pensar nelas e no seu autor como clásicos contemporáneos.

Sem comentários: