domingo, abril 26, 2009

As Falanxes da Orde Negra



A finais dos 70, un grupo de vellas glorias do fascismo europeo comete unha brutal matanza nunha aldea da provincia de Zaragoza. As autodenominadas Falanxes da Orde Negra propóñense perpetrar accións desta natureza por toda Europa, non tanto para influir na evolución política de final de século canto para expresar a súa protesta ante a superación dos vellos modelos totalitarios e o establecemento dun modelo social, as democracias burguesas, que consideran dexenerado. A reacción ten lugar axiña: un grupo de antigos membros das Brigadas Internacionais reúnese coa idea de poñerlle fin á actividade terrorista das Falanxes.

As Falanxes da Orde Negra (Norma, 2004) plantexa, xa que logo, un segundo round para as forzas que se enfrontaran cuarenta anos antes, durante a Guerra Civil española. Sen embargo, anque os suxeitos implicados sigan ancorados nos seus respectivos idearios, o paso do tempo transforma inevitablemente o significado da súa confrontación. Así, o que fora un acontecemento crucial na primeira metade do século XX non pasa de ser agora un suceso anecdótico na axenda europea. Aínda que con certa repercusión social, as accións das Falanxes percíbense coma un anacronismo ao que as autoridades dos distintos estados europeos non queren dar moita publicidade e en cuxa persecución non invirten excesivos esforzos. Son os ex-brigadistas os que encaixan as accións do grupúsculo fascista coma unha afrenta persoal e os que, consecuentemente, asumen a obriga de eliminalos.

Xa que logo, lonxe do que podería parecer nunha primeira aproximación, a historia de Enki Bilal e Pierre Christin non postula a atemporalidade dos ideais senón precisamente o contrario, a súa caducidade. Ultradereita e esquerda libertaria enfróntanse agora nunha burbulla que os arreda dunha realidade na que foron desactivados. Se os que foran brigadistas na Guerra Civil aceptan abandonar as súas vidas acomodadas (entre eles hai un ministro, un xuiz, un profesor universitario…) para reincorporárense á loita armada é porque realmente se atopan tan fóra de coordenadas coma as súas némeses fascistas. E xa que logo, o que podería entenderse coma a oposición violenta de dúas visións políticas devén en algo máis semellante a un axuste de contas persoal.

Mención aparte merece o labor gráfico dun Bilal que se recrea na reproducción de escenarios europeos: a Barcelona modernista, a Roma histórica, a montaña suiza… A aparente simplicidade das composicións e o asoballante dominio narrativo rivalizan coa beleza das planchas do artista serbio, xustificando a súa condición de clásico contemporáneo da BD europea.

quarta-feira, abril 15, 2009

Paisaxes de papel



Dende Cultura Galega bríndanme a oportunidade de emprender unha viaxe polo mundo da man da banda deseñada. Moi agradecido a eles e tamén a vostedes se deciden acompañarme por estas Paisaxes de papel. Primeira parada: Nova York.

segunda-feira, abril 06, 2009

Tomorrow Stories 1



Alan Moore non pecaba de arrogancia cando bautizou a súa liña de cómic comercial como America’s Best Comics. Analizadas a unha década do seu nacemento, as cabeceiras que conformaron a liña amósanse como a demostración de que pode facerse un cómic popular e de baixas pretensións mantendo un acabado formal irreprochable, unha calidade argumental máis que aceptable e un elegante respeto polo lector. Máis dun editor das grandes casas norteamericanas debería arroibarse ante esta evidencia: un único escritor foi quen de manter en marcha un tinglado coma a liña ABC cun alto nivel de coherencia nas series e sen apenas problemas de periodicidade. Iso sin entrar en comparacións verbo da calidade do produto.

Unha das apostas máis arriscadas da liña ABC foi a cabeceira Tomorrow stories, na que Moore optaba, ao xeito das revistas satíricas, polo humor, a parodia e a revisión irónica dalgúns lugares comúns do cómic norteamericano. E digo que a opción era arriscada porque, ao contrario do que acontecía con outras series da mesma liña, o produto carecía dun equivalente claro no mercado en que irrumpiu, se exceptuamos revistas dun perfil tan peculiar coma MAD. Non é de estrañar, xa que logo, que a cabeceira tivese unha curta vida de apenas 12 números que abondaron para que o de Northampton demostrase, máis outra vez, o seu enorme talento.

Publícase agora un tomo (Norma, 2009) que compila os seis primeiros números da cabeceira e que permite calibrar a competencia de Moore nun eido tan pouco glamoroso coma o do humor. Cada un dos seriais é un recital de enxeño por parte dun Moore que non dá tregua e que, lonxe de limitarse ao xogo das chiscadelas e do cruce referencial, constrúe as súas historias a partir de ocorrencias antolóxicas e baixo formas narrativas máis complexas do que cabería esperar nunha obra aparentemente concebida coma mero divertimento. Pero non esquezamos que esa experimentación formal estaba xa presente nalgúns productos que conforman o sustrato desta serie, nomeadamente as historias de xénero da EC, que foron laboratorio de prácticas para clásicos da historieta coma Harvey Kurtzman, Joe Orlando ou Wally Wood.

Tomorrow stories participa ademáis do que foi un dos grandes acertos da liña ABC no seu conxunto: a axeitada escolla dos debuxantes. Efectivamente, tanto se o debuxante determinou o ton de cada serial coma se foi éste o que se viu condicionado polo artista, o certo é que o resultado parece sempre froito dunha sinerxia que suma máis que as partes por separado. E así, as aventuras inxenuamente “picantes” de Cobweb resultan tan inseparables do trazo de Melinda Gebbie coma o sótaque pulp de Greyshirt do debuxo arcaizante de Rick Veitch; Jim Baikie interpreta á perfección o convencionalismo gráfico superheroico en First American ao tempo que os retrincos de Jack B. Quick veñen peneirados pola pulcritude formal de Kevin Knowlan. Máis adiante xurdirá Hillary Barta para dar unha ambientación canónicamente cartoon ao seu Splash Brannigan. Demasiados argumentos a favor dunha obra vocacionalmente menor que vén a demostrar que non existen xéneros pequenos; é o talento dos creadores o que determina o seu tamaño.

Entradas relacionadas – Alan Moore