mércores, xullo 16, 2008

Promethea 4



Os capítulos que narran a viaxe astral da Promethea actual, Sophie Bangs, coa súa antecesora, Barbara Shelley, poden ser disfrutados a certos niveis: a homoxeneidade de cada capítulo e a heteroxeneidade do conxunto da unha idea do coidado con que Alan Moore e J.H. Williams III elaboraron cada peza deste tapiz new age no que a racionalidade e exactitude das formas contrastan co arroutado e máxico do fondo. Porén, non pode negarse que o delirio esotérico do de Northampton chega a cansar na súa lectura acumulada, máis ainda nas doses mensuais para as que foi concebida inicialmente a serie. A pesares diso, a trama terrenal mantén o interese, por máis que a súa presenza se limite a unhas poucas páxinas por capítulo.

No presente tomo, o cuarto da serie (Norma, 2008), a viaxe chega á súa fin, o que permite evidenciar de novo algunhas das virtudes de Moore. Por unha banda, o pretexto baixo o cal as protagonistas emprendían o seu periplo astral atopa unha conclusión congruente e suxestiva. A Moore cumpríalle unha excusa para levar a cabo o que semella ser o seu proxecto principal, a exposición demorada da súa cosmogonía máxica, pero o que podería ter sido ilexible resulta ser o contrario, unha lectura agradable, a condición, iso si, de que o lector tome unha certa distancia e non pretenda facer súa toda a literalidade da obra.

Por outra banda, Moore premia a quen resistira a excursión pola Inmateria cun capítulo 24 repleto de acción, literalidade e valores terreos, no que supón a recuperación do espíritu que presidía os primeiros números da serie. E de novo, o que sen dúbida é un desquite para o lector (e probablemente tamén para o autor) encaixa harmoniosamente no argumento e desemboca no delicioso capítulo final deste tomo, no que ten lugar un cativador xuízo, co xuiz Salomón como figura sobresaínte dun elenco que ben podería ter sido extraído dunha obra de Neil Gaiman, e que Moore resolve con enxeño salomónico. De xeito que, nestes últimos capítulos, a serie colle azos e afronta o seu tramo final con óptimas expectativas.

Entradas relacionadas – Promethea
Promethea 1
Promethea 2
Promethea 3

Entradas relacionadas – Alan Moore
O día do xuízo
A Cousa do Pantano
Top 10

Ningún comentario: