domingo, julho 06, 2008

¿Por que fas isto?



Nas obras de Jason sempre semella haber algún tipo de fenda entre a historia e os personaxes que a protagonizan. O seu estilo intimista e a súa característica habilidade para enganar a xéneros casan mal con eses animais antropomórficos que debuxa, segundo ten sinalado, simplemente porque lle gusta o resultado. A extrema racionalidade das súas composicións, a monotonía propria dunhas viñetas de cores apagadas e sen apenas sombras contribúen a crear un ambiente peculiarmente melancólico, impropio dun debuxante cuxas referencias fundamentais (confesa) son a liña clara e a súa figura máis senlleira, Hergé.

En ¿Por que fas isto? (Astiberri, 2007), Jason concédese máis liberdade formal que en Non me deixes nunca, recurrindo só esporádicamente á homoxeneidade na organización de páxina, anque mantendo outros do seus rasgos habituais: economía de medios, silencios, sinxeleza formal. De feito, a lentitude característica da súa narrativa contrasta coa natureza do relato, concebido a priori coma unha intriga policíaca que remite directamente ó cinema de Hitchcock. Así, se a propria cuberta do cómic xa apela a A ventana indiscreta, posteriores lances da narración, como a conversión do protagonista en sospeitoso, ou a actuación á marxe da policía remiten a Os 39 escalóns ou O home que sabía demasiado.

E sen embargo, o autor consegue, no desenvolvemento e resolución dunha trama así construida, manterse fiel á sua propria personalidade antes que ós tópicos do xénero, imprimíndolle ó relato o ton reflexivo e un tanto amargo a que nos ten afeitos.

Entradas relacionadas
Non me deixes nunca

Sem comentários: