martes, xullo 22, 2008

A mala xente



Pode parecer unha obviedade dicir que A mala xente (Ponent Mon, 2006) de Étienne Davodeau é, como o era Morreu un home, unha obra abertamente política. Iso permite distinguila doutras obras da súa produción que, sendo igualmente políticas, sono dun xeito máis sutil. E permite tamén definir ó francés como un autor que nada contracorrente nun panorama como o actual, no que a definición política se contempla con desconfianza.

Diría máis, A mala xente excede o simplemente político para alcanzar o partidista. Davodeau rastrexa e recolle a traxectoria dos seus pais como militantes sindicais e a expón sen contrapeso. Pode intuirse no seu discurso unha vontade de trascender a verdade biográfica dos seus proxenitores para levar a cabo un retrato social e histórico interesante de seu. Pero o seu é un relato deliberadamente parcial, alonxado desa equidistancia acomplexada tan propria do noso tempo. Este plantexamento conleva a exposición do autor á crítica de quen non comparta o seu punto de vista, pero deixa constancia da súa total honestidade. Antes que convencer, Davodeau semella querer amosar, dar testemuño. O seu é un relato frontal en cuxa febleza reside tamén a súa forza.

A mala xente describe un mundo no que certos dereitos sociais que hoxe podemos considerar indiscutibles estaban ainda por recoñecer. A identificación do lector con quen os reclama pode parecer, daquela, cousa doada. Pero non é esa adscripción intuitiva e superficial a que busca o autor. Lonxe de estarmos ante un simple panexírico da loita pola xustiza social, asistimos ó proceso de concienciación duns colectivos que desemboca na creación de siglas proprias, no concurso electoral e na representación política. Dito doutro xeito, é doado asumir certos principios, pero non o é tanto compartir o entusiasmo co que os protagonistas acollen o triunfo electoral de Mitterrand. Velaí a meritoria sinceridade de Davodeau, cuxo discurso remata invitando a facer unha reflexión antes que pedindo unha ovación.

Tamén se reclama a atención do lector verbo da cuestión relixiosa. Que certos movementos da Igrexa católica se amosasen partidarios de apoiar e mesmo canalizar as reclamacións obreiras resulta máis congruente coa doutrina cristiana que coa política social eclesiástica. Isto permite poñer en cuestión os posicionamentos tradicionais da xerarquía eclesiástica, tan conservadores, tan proclives á resignación e á inacción, e revelalos como continxentes e susceptibles de cambio; pero non só iso, permite igualmente enriquecer a nosa visión do sacerdocio católico, percibíndoo como algo máis complexo e plural que a imaxe monolítica á que estamos afeitos.

Entradas relacionadas
Morreu un home
O testemuño

Ningún comentario: