xoves, xullo 03, 2008

Nightwing: O lado máis escuro da xustiza – A caza de Oráculo



A serie regular de Nightwing atravesa un intre significativo no que ó seu equipo creativo se refire. Entre o seu cuarto tomo, O lado escuro da xustiza (Planeta, 2008) e o quinto, A caza de Oráculo (Planeta, 2008), ten lugar a marcha do que ata agora fpra o debuxante regular da serie, un Scott McDaniel clave na definición visual da cabeceira. Sustitúeno sucesivamente Greg Land e Patrick Zircher, ós que se engade un Butch Guice que debuxa os capítulos da serie Aves de Presa que se inclúen no quinto tomo, tres debuxantes de estilos e traxectorias diversas pero que teñen máis en común entre sí que respecto ó artista que veñen a reemprazar. Zircher é un narrador eficaz que coñecemos polo seu posterior traballo nos Thunderbolts; Guice chega cunha longa traxectoria ás súas costas, series mutantes da competencia incluidas; pola súa banda, Greg Land foi derivando de debuxante a portadista e hoxe o seu labor está sendo fortemente cuestionado tanto pola artificiosidade que o acabado por ordenador lle imprime ás súas planchas coma pola súa frecuente “inspiración” en fontes fotográficas. Se o traballo de McDaniel se caracterizou polas planificacións arriscadas, o dinamismo extremo e unha estilización deformante, os seus sustitutos posúen un estilo máis clásico e axustado ó canon superheroico, menos efectista e probablemente máis lexible, pero que semella axeitarse peor ó ton que lle imprimiu Dixon á serie. Así, por exemplo, a visión de Dudley Soames-Torsión co seu colo esganado renxe moito máis na representación limpa e lanzal de Land que na hiperbólica e distorsionante de McDaniel.

Pola súa banda, Chuck Dixon segue fiel á súa fórmula: moita acción, algo de humor, adversarios do bat-universo e heroes invitados. Apenas concluida a participación do ex-discípulo de Batman no crossover Terra de ninguén, Dixon plantexa un novo cruce, desta volta coa serie Aves de Presa, co-protagonizada por unha Oráculo que se reivindica coma un dos personaxes máis interesantes do universo DC.

Entradas relacionadas – Nightwing
Nightwing Ano I
Nightwing: Un cabaleiro en Blüdhaven
Nightwing: Xustiza violenta
Nightwing: Amor e balas

Ningún comentario: