Amosando publicacións coa etiqueta IDW. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta IDW. Amosar todas as publicacións

xoves, marzo 26, 2015

Next Men 4

























Xa coñecemos a traxectoria editorial dos Next Men de John Byrne. O primeiro volume da serie pechouse de forma abrupta en 1995 e o título quedou en suspenso ata 2010, cando seu creador o recuperou en forma de miniserie de nove números coa que chegou á súa conclusión definitiva. Esta etapa final, publicada no seo da editorial IDW e aínda inédita entre nós, é a que recolle o cuarto en derradeiro tomo da edición de Norma (2014), unha recompilación necesaria que ademais de pechar o ciclo da cabeceira permitiu que unha nova xeración de lectores se achegase ao material orixinal.

Descoñezo se o peche que Byrne lle deu á serie coincide no substancial ou non co que concibira inicialmente. Teño a impresión de que non, xa que nestes números finais a trama deriva cara temas que non foran tratados antes (viaxes no tempo, dimensións alternativas, alteracións da Historia...), aparecen personaxes novos e mesmo Satanás, o antagonista que aportaba á serie un horizonte final, fica relegado a un segundo plano. É probable que isto se deba a que os elementos que deron sentido á serie na súa orixe (a mestura de tópicos superheroicos con elementos de ciencia ficción) resultaban na segunda década do século XXI moito menos estimulantes que cando foron concibidos inicialmente, a mediados dos noventa. En calquera caso, fronte ao desleixado e repetitivo de boa parte da produción recente de Byrne, neste caso semella que o canadense si quixo dar o mellor de si mesmo, algo que resulta especialmente perceptible no debuxo, máis coidado e detallista do que é habitual nos seus últimos traballos. En canto ao argumental, sen ser brillante, podemos dicir que a conclusión resulta correcta.

Coido que tras unha lectura global da obra, os Next Men amosan máis as feblezas creativas que a súa grandeza. En todo o seu percorrido, o título acadou bos momentos e achegou algunhas propostas interesantes, as máis delas nos seus primeiros números e no contexto no que viron a luz, mais o conxunto resulta irregular e as sucesivas reorientacións do título, substituíndo uns propósitos por outros, fixeron que chegara a resultar errática por momentos. Cos seus Next Men, Byrne contribuíu ao nacemento dun cómic comercial nos contidos e autorial no legal que leva dados excelentes froitos, mais a relevancia da súa aportación deriva máis da súa popularidade nos noventa que da calidade do serial que produciu. Coido que non resulta inxusto nin pexorativo concluír que o máis valioso do traballo do canadense atópase na súa interpretación de personaxes alleos (os X-Men, os 4 Fantásticos, Superman) e que, da súa faceta como creador, o máis destacado foi a súa etapa en Alpha Flight, por máis que paradoxalmente nin eses personaxes nin esas historias lle pertenzan legalmente.

Entradas relacionadas
Next Men 1
Next Men 2
Next Men 3

mércores, abril 23, 2014

Next Men 3

























Un grupo de rapaces con facultades extraordinarias foxe da sinistra corporación que os creou. Non me refiro aos Next Men de John Byrne senón a DNAgents, a cabeceira creada en 1983 por Mark Evanier e Will Meugneot. As semellanzas entre ambos títulos non rematan aí xa que, como Byrne, Evanier e Meugneot preferiron desenvolver o seu proxecto á marxe das grandes editoras norteamericanas (publicarían a súa obra en Eclipse Comics), co propósito de conservaren o copyright das súas creacións. Se aquela cabeceira é lembrada hoxe con certa nostalxia é, ademais de polos seus modestos achados, pola súa contribución ao proceso de construción dunha alternativa autorial ao cómic comercial norteamericano. Alternativa á que Byrne se sumaría anos máis tarde, nos primeiros 90, con Next Men.

Máis que unha inspiración directa, as semellanzas entre un e outro título indican que Byrne non foi excesivamente orixinal na súa proposta, senón que se limitou a combinar unha serie de tópicos narrativos habituais das distopías futuristas cos propios do tebeo superheroico. A mesma premisa inicial, na que un grupo de rapaces caen ao mundo real dende o contorno idílico ("o invernadoiro") no que foron criados, remite á expulsión de Adán e Eva do Paraíso, outro tropo narrativo que ten sido revisado en innumerables ocasións. As connotacións bíblicas do relato son aínda máis claras á altura deste terceiro tomo da serie (Norma, 2014), no que a os protagonistas deberán confrontar unha serie de problemas derivados da súa conduta sexual. Afeitos a unha sexualidade puramente gozosa e irresponsable, os protagonistas aprenderán que no mundo real o sexo trae consigo consecuencias non desexadas. A máis obvia, a fecundación, mais tamén a transmisión venérea do seu estigma, é dicir, da condición de criaturas extraordinarias mais tamén anómalas. Fóra do Edén, o pecado. O embarazo dunha das protagonistas e a transformación, por contaxio sexual, dunha humana nunha criatura superpoderosa (e fóra de control) centrarán as novas aventuras dos Next Men, que Byrne comezou a organizar en arcos argumentais de catro capítulos: Fe, Poder e Mentiras.

Como adoita acontecer cando se prolonga un argumento aparentemente concibido para ser breve, o relato comeza a dispersarse á altura deste terceiro volume. Os personaxes, probablemente a mellor baza de Byrne ata o momento, pasan a un segundo plano para darlle preferencia ás diversas peripecias que o autor foi tecendo. En primeiro lugar, unha reedición do ciclo de Fénix Escura (poder-corrupción-caída) cunha secundaria coma protagonista. Byrne aproveitaría este ciclo para introducir fugazmente a algúns personaxes que naqueles anos compartían liña editorial cos Next Men en Dark Horse: Hellboy, Concrete, Monkeyman & O'Brien. O seu papel sería puramente anecdótico. A narración iría in crescendo ata desembocar nun complot para asasinar o Presidente norteamericano, un dos viláns da serie, na que os Next Men se verán involucrados. O clímax virá acompañado dun twist final, unha revelación coherente e ben deseñada que devolve o título ao seu carril central antes de ser bruscamente interrompida. Como xa mencionamos, a continuación tardaría 15 anos en chegar, pero a presente edición de Norma reducirá ese oco a apenas uns meses.

Entradas relacionadas
Next Men 1
Next Men 2

sábado, xaneiro 04, 2014

Next Men 2

























Diciamos ao falarmos do primeiro tomo de Next Men que o título creado por John Byrne podía non ser un tebeo de superheroes en sentido convencional, pero estaba construído tomando como referencia constante o xénero dos heroes enmascarados. A segunda recompilación da serie (Norma, 2013) confirma aínda máis esta idea. Persiste a estrutura grupal xenuinamente superheroica, cuns personaxes que, con pretextos de diversa caste, son dotados agora de nome clave e uniforme, ao tempo que se lles suma unha figura de líder-mentor externa ao equipo (un Control que fai as veces de Profesor X). A idea central do argumento xira en torno a un tópico aínda non moi explotado nos 90, pero que tampouco era absolutamente novidoso: o impacto causado pola aparición de seres superpoderosos nun mundo no que os superheroes non existen. As referencias ao mundo do cómic, lonxe de funcionar coma un recurso metahistorietístico (ao xeito do Supreme de Alan Moore, por exemplo), válenlle a Byrne tanto para establecer unha complicidade co lector como para deslizar críticas (non demasiado ferintes) sobre as grandes editoras norteamericanas.

No canto dunha confrontación directa entre heroes e superviláns, probablemente o único elemento xenuinamente superheroico ausente da trama, atopamos un argumento conspirativo que Byrne adobía poñendo énfase nos dramas persoais dos personaxes protagonistas. Este último aspecto resulta claramente debedor dos X-Men de Chris Claremont, que el mesmo axudou a construír nunha etapa memorable, e tan só se permite ir algo máis aló das convencións do seu tempo coa introdución duns elementos sexuais non excesivamente frecuentes no mainstream superheroico dos 90. Byrne non chega a ser brillante nin audaz, mais si é quen de contribuír con certa eficacia á construción dunha alternativa ao tebeo comercial norteamericano a partir de principios creativos moi semellantes e dirixidos a un mesmo perfil de lector.

E sen embargo, contemplando a produción posterior do canadense, podemos tamén concluír que Next Men anticipa xa algunhas claves da súa futura decadencia. Comezan a aparecer as eivas do seu debuxo, a tendencia a ampliar as viñetas, a descoidar os fondos, a repetir planos, a adoptar perspectivas enganosamente dinámicas. O acabado un tanto desleixado das súas propias tintas confirma unha idea ben coñecida: que o seu debuxo gaña moito co labor dun bo profesional do entintado. No narrativo, Byrne comeza a abusar dun recurso que se convertería en tic repetitivo, abrir unha escena coa derradeira frase da escena anterior. Pero sobre todo e especialmente, atopamos nesta obra moitas das ideas argumentais que o autor iría repetindo despois en versións cada vez máis devaluadas, dende obras menores coma X-Men: The hidden years ata xenuínos fiascos coma Lab Rats. Neste senso, podemos concluír que Next Men expresa en boa medida ata onde foi quen de chegar creativamente o seu autor voando só.

Entradas relacionadas
Next Men 1

domingo, setembro 08, 2013

Next Men 1

























A carreira profesional de autores como Mike Mignola, Frank Miller ou Todd McFarlane cambiaría de forma irreversible nos primeiros 90, cando comezaron a buscar ou mesmo artellaron plataformas de publicación alternativas a Marvel e DC. A través de Dark Horse, Mignola crearía o seu célebre Hellboy e Miller publicaría Give me Liberty (coas súas continuacións) ademais das primeiras historias de Sin City, mentres que Todd McFarlane fundaría con outros debuxantes Image Comics e acadaría cifras espectaculares con Spawn. John Byrne tamén deu daquela un paso semellante, pero a súa sorte foi distinta, a pesar de partir dunha posición claramente favorable. O canadense conservaba aínda boa parte do seu merecido prestixio e seguía a ser un dos autores máis seguidos do momento, malia que a súa segunda etapa en Marvel, cara finais dos 80, non acadara nin o nivel creativo nin o éxito dos seus mellores traballos. Byrne apostaría tamén por Dark Horse, onde publicaría o volume unitario 2112 e posteriormente abriría a serie regular Next Men, que centraría a súa produción creator-owned durante os 90.

Malia ter obtido unha acollida crítica aceptable e contar con lectores abondo para manterse viva entre 1991 e 1995, non se pode dicir que sexa esta cabeceira a primeira que se vén á mente cando un menciona o nome do seu creador, ao contrario do que acontece cos autores mencionados anteriormente. Os motivos son varios. En primeiro lugar, o seu peche foi en falso; Byrne interrompeu o desenvolvemento da serie no seu número 30 coa idea de retomala uns meses máis tarde, o que finalmente non foi posible. O título foi, dende entón e por moitos anos, unha obra inconclusa e sobre a que periodicamente xurdían rumores de continuación ata que, en 2010, o canadense retomou e finalizou a serie da man de IDW. En segundo lugar, tras deixar a cabeceira en suspenso, Byrne traballaría de novo para Marvel e DC, ligando o seu nome aínda máis ao das grandes franquicias superheroicas, e non sería ata bastante máis adiante que recuncaría en proxectos da súa propiedade, ningún tan valorado coma Next Men. E por último, malia as virtudes desta obra, coido que existe un consenso en que os traballos nos que Byrne alcanzou a excelencia foron outros: a súa etapa en Uncanny X-Men, nos 4 Fantásticos, o seu Alpha Flight e The Man of Steel. É dicir, foi traballando con títulos alleos cando o canadense deu o mellor de si.

Dito isto, coido que tampouco pode negarse que, ademais de ser o seu mellor traballo creator-owned, Next Men debe contarse entre os títulos recuperables da bibliografía de Byrne, polo que é unha boa nova que Norma reedite en catro volumes a saga completa, incluíndo a etapa máis recente, ata agora inédita entre nós. O primeiro tomo (Norma, 2013) ábrese con 2112, one-shot que sería antesala da cabeceira, e contén os números 0 a 6 da serie regular, que abondan para formarnos unha idea de en que consistía a proposta. Nunha primeira impresión podería parecer que o canadense pretende distanciarse do xénero dos superheroes, que centrara a práctica totalidade da súa carreira e ao que debía (e debe) debe a súa sona, optando por unha aventura de ciencia ficción. Sen embargo, axiña queda claro que tanto no futurista 2112 coma especialmente en Next Men, os elementos de sci-fi son ornamento, mentres que as estruturas son claramente debedoras do tebeo superheroico. Os personaxes protagonistas non só teñen superpoderes, uns superpoderes que apenas que coñecen e que deben aprender a usar, senón que o reparto de roles entre eles reproduce fielmente as estruturas típicas das formacións superheroicas. E o mesmo pode dicirse do seu antagonista, expresivamente chamado Satanás, personaxe dotado da teatralidade propia dos superviláns de cómic. Cunha tópica investigación gobernamental que se extravía como punto de partida, Byrne elabora un relato de persecución no que os protagonistas deben desenvolverse nun mundo que non coñecen e no que non saben en quen poden confiar. Sen grandes pretensións, o canadense artella unha aventura de tempos ben medidos e no que, iso si, se permite ir un pouco máis aló do que estaba permitido no cómic mainstream do seu tempo.

E probablemente esa sexa unha última clave que explica por que Byrne non foi quen de triunfar como propietario das súas propias creacións. Malia a súa aparencia externa, nada en Next Men se afasta excesivamente do que levaba anos facendo e faría nos anos seguintes. Faltoulle a vontade ou a capacidade para diferenciar o seu produto e amosar unha versión distinta de si mesmo como autor, ofrecendo simplemente unha nova mostra do que xa sabiamos que era quen de facer.

xoves, outubro 30, 2008

30 días de noite: Neve vermella



Recoñezo que non gostei en absoluto de 30 días de noite (Devir, 2003), obra que, ao meu entender, partía dunha premisa interesante que os autores, Steve Niles e Ben Templesmith, deixaban morrer de inanición. Pero foi un cómic exitoso, seguido da consabida adaptación cinematográfica e ata dúas secuelas en BD que non lin. Cae agora nas miñas mans 30 días de noite: Neve vermella (IDW, 2008), cuarto eslabón da cadea e paradigma de ata onde pode chegar o estiramento comercial dun producto rentable, no que a acción se traslada nada menos que á invasión da Unión Soviética polo exército nazi aló por 1941.

Tratándose de alguén que insiste en manter clínicamente vivo un producto creativamente morto, agradécese a contención do responsable único do proxecto, o debuxante Ben Templesmith, ao darlle á obra o único tratamento honesto que cabe nun traballo destas características: o de ser un eco lonxano, conciso e intrascendente da obra matriz. E así, este Neve vermella é unha obra sustancialmente anoréxica, incapaz de trascender a súa literalidade e afortunadamente breve, que busca o seu sentido na repetición dos elementos clave da obra orixinal nun ambiente exótico. Templesmith demostra máis outra vez que a súa espectacularidade como ilustrador vén acompañada dunha total incapacidade narrativa. É certo que apenas se bota en falta ao guionista e creador da serie, pero iso non é tanto falar ben de Templesmith como falar mal de Niles.