sábado, xaneiro 04, 2014

Next Men 2

























Diciamos ao falarmos do primeiro tomo de Next Men que o título creado por John Byrne podía non ser un tebeo de superheroes en sentido convencional, pero estaba construído tomando como referencia constante o xénero dos heroes enmascarados. A segunda recompilación da serie (Norma, 2013) confirma aínda máis esta idea. Persiste a estrutura grupal xenuinamente superheroica, cuns personaxes que, con pretextos de diversa caste, son dotados agora de nome clave e uniforme, ao tempo que se lles suma unha figura de líder-mentor externa ao equipo (un Control que fai as veces de Profesor X). A idea central do argumento xira en torno a un tópico aínda non moi explotado nos 90, pero que tampouco era absolutamente novidoso: o impacto causado pola aparición de seres superpoderosos nun mundo no que os superheroes non existen. As referencias ao mundo do cómic, lonxe de funcionar coma un recurso metahistorietístico (ao xeito do Supreme de Alan Moore, por exemplo), válenlle a Byrne tanto para establecer unha complicidade co lector como para deslizar críticas (non demasiado ferintes) sobre as grandes editoras norteamericanas.

No canto dunha confrontación directa entre heroes e superviláns, probablemente o único elemento xenuinamente superheroico ausente da trama, atopamos un argumento conspirativo que Byrne adobía poñendo énfase nos dramas persoais dos personaxes protagonistas. Este último aspecto resulta claramente debedor dos X-Men de Chris Claremont, que el mesmo axudou a construír nunha etapa memorable, e tan só se permite ir algo máis aló das convencións do seu tempo coa introdución duns elementos sexuais non excesivamente frecuentes no mainstream superheroico dos 90. Byrne non chega a ser brillante nin audaz, mais si é quen de contribuír con certa eficacia á construción dunha alternativa ao tebeo comercial norteamericano a partir de principios creativos moi semellantes e dirixidos a un mesmo perfil de lector.

E sen embargo, contemplando a produción posterior do canadense, podemos tamén concluír que Next Men anticipa xa algunhas claves da súa futura decadencia. Comezan a aparecer as eivas do seu debuxo, a tendencia a ampliar as viñetas, a descoidar os fondos, a repetir planos, a adoptar perspectivas enganosamente dinámicas. O acabado un tanto desleixado das súas propias tintas confirma unha idea ben coñecida: que o seu debuxo gaña moito co labor dun bo profesional do entintado. No narrativo, Byrne comeza a abusar dun recurso que se convertería en tic repetitivo, abrir unha escena coa derradeira frase da escena anterior. Pero sobre todo e especialmente, atopamos nesta obra moitas das ideas argumentais que o autor iría repetindo despois en versións cada vez máis devaluadas, dende obras menores coma X-Men: The hidden years ata xenuínos fiascos coma Lab Rats. Neste senso, podemos concluír que Next Men expresa en boa medida ata onde foi quen de chegar creativamente o seu autor voando só.

Entradas relacionadas
Next Men 1

Ningún comentario: