sábado, xaneiro 25, 2014

Nemo, corazón de hielo

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Alan Moore e Kevin O’Neil seguen a estricar o universo da Liga dos Cabaleiros Extraordinarios, desta volta cunha aventura protagonizada por Janni Dakkar, filla do capitán Nemo que ata o de agora gozara só dunha breve aparición en Century 1910. Canda ela, personaxes literarios coñecidos, coma a haggardiana raíña Ayesha ou o mariñeiro Ishmael de Moby Dick, mais tamén referentes moito menos coñecidos fóra dos países anglosaxóns. É o caso de Frank Reade Jr e Broad Arrow Jack, personaxes que teñen a súa orixe nos Penny dreadfuls e Dime novels, literatura popular do XIX apenas coñecida entre nós. Supoñemos que o personaxe aludido como Swyfte será un Tom Swift que non pode ser mencionado explicitamente por motivos legais.
 
Se hai algo que chama a atención deste álbum é o rudimentario da súa arquitectura, algo pouco frecuente non xa na obra do autor, senón mesmo nunha cabeceira deliberadamente menor coma esta. Moore parte dunha premisa argumental gratuíta, un macguffin moi evidente que desenvolve de forma inusualmente lineal, sen artificios narrativos nin apenas delirios esotéricos, recuperando o espírito aventureiro que presidira as primeiras entregas da saga e pasara a un segundo plano na máis recente triloxía Century. Polo camiño vai debullando unha secuencia de citas e referencias, na mellor tradición do título, ata desembocar nun festín lovecraftiano con pingas do Gordon Pym de Edgar Allan Poe. Todo cociñado e servido con eficacia e inmediatez, mais tamén sen pingas de xenio. Nada indica que Moore conciba esta obra como algo máis que un puro divertimento. As súas pretensións parecen limitarse a xogar cun legado cultural que comezou sendo a novela de fantasía decimonónica e que en entregas posteriores foi ampliando as súas marxes ata abranguer practicamente calquera manifestación literaria que encaixe no persoal imaxinario do escritor inglés.

Entradas relacionadas
The League of Extraordinary Gentlemen: Century 1910
The League of Extraordinary Gentlemen: Century 1969
The League of Extraordinary Gentlemen: Century 2009

Ningún comentario: