sábado, xuño 28, 2014

Saga 3

























Non me gusta deixar a medias as series que comezo a seguir, nin deixar de comentar as miñas impresións sobre unha cabeceira unha vez que comecei a facelo neste espazo. Mais neste caso, resúltame moi difícil referirme ao terceiro tomo de Saga (Planeta, 2014) sen repetir os argumentos que mencionei respecto das entregas anteriores, se cadra porque a propia serie continúa tamén polo camiño sinalado nos capítulos precedentes. Brian K. Vaughan e Fiona Staples seguen a decorar con vistosidade unha trama que en ningún intre deixa de ser perfectamente convencional. A suxestiva extravagancia das formas (deseños, nomes e apenas algún outro detalle) e o probado talento do escritor para a introdución de xiros argumentais no final de cada capítulo continúan a ser os principais argumentos dunha cabeceira que segue o seu lineal avance sen ofrecer excesivas sorpresas de fondo. Ante a falta de noticias relevantes da parella de protagonistas, desdebuxados e sen mostras de evolución dende que o título deu os seus primeiros pasos, os autores botan man dos secundarios e introducen algúns personaxes novos, combustible para manter a maquinaria en funcionamento sen que haxa avances perceptibles no substancial. Coma os protagonistas, a trama foxe.

Non quero parecer un snob que pretende gañar creto a base de falar mal dunha serie coma esta, gañadora de prestixiosos premios, acredora de numerosas críticas gabanciosas e que goza da preferencia dun notable grupo de lectores. Tampouco pretendo presentarme coma un lector clarividente, o único capaz de ver que o rei vai espido. Tras a lectura dos dous primeiros volumes tentei achegarme a este terceiro coa mellor das predisposicións, buscando gozar daquilo no que a serie é forte, mais nin así a experiencia resultou satisfactoria. É tan simple coma iso.

Entradas relacionadas
Saga 1
Saga 2

venres, xuño 20, 2014

Fuerza X Integral

























Aconteceu hai case 15 anos, así que a historia é máis ou menos coñecida. O número 116 de X-Force (Vol. 1) abría unha nova etapa na serie, coa chegada dun novo equipo creativo, o escritor Peter Milligan e o debuxante Michael Allred, cunha remuda radical do elenco de protagonistas e, sobre todo, cunha dirección creativa totalmente afastada da precedente. Sorprendeu daquela que esta profunda transformación da cabeceira non se traducise na cancelación do primeiro volume da serie e a apertura dun segundo cun novo número 1, unha manobra á que Marvel adoita recorrer con menos motivos cando quere incrementar as vendas dos seus títulos. Sen embargo, vista con distancia, esta circunstancia pode resultar coherente cun cómic que semella concibido precisamente para rachar coas convencións implícitas do cómic comercial norteamericano.

O conxunto da etapa, que Panini recompila agora nun volume unitario baixo o título Fuerza-X Integral (Panini, 2014) e que tería continuación posteriormente baixo a denominación X-Statix, pode resumirse a partir do capítulo inaugural da mesma, o mencionado número 116. O lector que chegara a el dende a etapa precedente atoparía unha formación totalmente renovada, composta por personaxes de aparencia extravagante, nomes revirados (Sluk, Zeitgeist, U-Go Girl...) e poderes que, nalgún caso, resultaban escatolóxicos (dende o vómito ácido de Zeitgest aos suores letais do Anarquista). O debuxo plano, colorista e con aire retro de Michael Allred acentuaba as distancias coas convencións superheroicas, ao tempo que remitía certeiramente a Madman, título da súa creación que, coma este, sobordaba constantemente as fronteiras do tebeo de heroes enmascarados. Dende a paródica orixe de Zeitgest ata o lance final, coa morte de practicamente todos os membros do equipo, incluído o que dende o inicio se nos mostra como figura central, o conxunto do capítulo semella concibido coma unha deliberada inversión dos tópicos do tebeo comercial americano, toda unha declaración de principios que os autores confirmarían no percorrido posterior.

Nos capítulos seguintes, Milligan e Allred introducirían máis personaxes grotescos, ironizarían sobre a angustia existencial mutante así coma sobre oas rivalidades internas nos equipos superheroicos, parodiarían os cameos publicitarios de Lobezno e mesmo introducirían argumentos políticos reais, case un tabú no tebeo comercial estadounidenese, coma o xa esquecido conflito do neno balseiro Elián. O resultado é un cómic que cuestiona os códigos do tebeo de superheroes sen perderse en transgresións infantiloides, mantendo unha sana distancia irónica. Canda Milligan e Allred, cómpre recoñecer o labor de Laura Allred nas cores e o de Darwyn Cooke, que debuxa o capítulo 124, centrado en U-Go Girl, e de Duncan Fegredo, que xa colaborara con Milligan e ilustra o capítulo que pecha o tomo. Lamentar tan só a elección dun formato de edición, a Colección Extra Superhéroes de Panini, que non proporciona os mínimos de calidade que demanda unha obra coma esta.

mércores, xuño 18, 2014

O western sobrenatural de Emma Ríos

Pretty Deadly Vol. 1: The shrike
 
En apenas cinco anos, a galega Emma Ríos pasou de ser unha debutante no mercado do cómic norteamericano a encadear proxectos para Marvel Comics, a maior e máis popular editora de banda deseñada do planeta. Neste tempo, Ríos non só tivo ocasión de colaborar con figuras relevantes do cómic comercial norteamericano (Mark Waid, Dan Slott) e ofrecer a súa versión de superheroes icónicos coma Spiderman ou Daredevil, senón que o seu traballo gozou da difusión global que só unha editora coma Marvel é quen de proporcionar. Pode sorprender que, nun momento crucial para consolidar a súa posición nun mercado tan competitivo, Ríos optase por deixar aparcada, aínda que fose temporalmente, a súa colaboración con Marvel para lanzar un proxecto de creación propia. Sen embargo, a decisión resulta coherente cunha traxectoria caracterizada polo marcado perfil autorial de todos os seus traballos previos e por ter optado, xa nos seus inicios, pola autoedición.

A finais do ano pasado vía a luz o primeiro número de Pretty Deadly, a cabeceira creada por Ríos en colaboración coa escritora Kelly Sue DeConnick, coa que coincidiu en Marvel, e publicada baixo o selo de Image Comics, unha editora que xoga no mesmo terreo que Marvel ou DC pero que, ao contrario que aquelas, permite que os autores conserven a propiedade sobre as súas creacións. Nos primeiros cinco capítulos da serie, compilados baixo o título The shrike, atopamos un western sobrenatural no que a acción e a fantasía comparten espazo cunha atinada combinación de elementos propios doutras tradicións narrativas. A proposta de DeConnick parte dun escenario tomado dos relatos do Oeste na súa versión máis violenta e crepuscular para ofrecer unha fábula macabra, unha historia de amor tráxico e sentimentos extremos na que non faltan alusións bíblicas ou referencias folclóricas (o primeiro capítulo ábrese cun cantar de cego, sen dúbida máis familiar para o lector galego que para o norteamericano). Polas páxinas de Pretty Deadly circulan nenas disfrazadas de voitre, espíritos vingadores, corvos que falan e mulleres encerradas en torres, tópicos da tradición fantástica, do gótico americano ou mesmo da novela romántica que DeConnick consegue gobernar sen soterrar a narración nin caer no pastiche. Pola contra, a escritora é quen de combinar este caudal referencial e poñelo ao servizo da historia, dando lugar a un peculiar imaxinario que poderá ser desenvolvido máis aló deste arco inaugural.

Imprescindible para darlle consistencia ao seu labor é o desenvolvemento gráfico dunha Ríos que foi quen de recrear a atmosfera visual que precisa o relato, levando os espazos recorrentes do western á fronteira co fantástico ou o macabro. É moi de salientar tamén a contundente definición gráfica do elenco de protagonistas, personaxes dunha fasquía tan extrema coma as paixóns que abeiran. Polo demais, Ríos permanece neste novo traballo fiel ao seu estilo, ofrecendo a mellor versión das características que definían xa as súas primeiras creacións: o dinamismo, o gusto polas escenas de acción, a influenza do cinema, así coma unha persoal síntese gráfica na que, aínda que soe a tópico, podemos rastrexar influenzas do manga, da tradición europea e do cómic norteamericano. Non podemos deixar de mencionar o seu excelente labor nas cubertas de cada capítulo, ilustracións a dobre páxina minuciosamente detalladas e de forte simbolismo, que revelan o coidado con que a debuxante abordou este traballo. Unha mágoa que a edición en capa dura atenúe o seu efecto ao apareceren reproducidas en páxinas interiores a dobre cara.

Podemos dicir xa que a aposta de Ríos e DeConnick foi un éxito. A acollida crítica de Pretty Deadly está a ser positiva, as vendas superaron os prognósticos máis optimistas e a industria do cómic estadounidense vén de recoñecer a cabeceira con catro candidaturas aos prestixiosos Premios Eisner, con DeConnick, Ríos e tamén a colorista Jordie Bellaire nominadas. A serie segue a discorrer na actualidade co mesmo equipo creativo e é probable que sexa publicada en castelán antes de que finalice o ano. Pero máis aló do éxito deste proxecto, o que se nos antolla como realmente importante é que, calquera que sexa a relación de Ríos coa industria do cómic comercial de aquí cara o futuro, siga atopando as fórmulas que lle permitan desenvolver unha carreira dende as súas propias claves creativas.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 17 de xuño de 2014]

domingo, xuño 15, 2014

Qadriños: O Museo de Pontevedra acollerá a exposición “Do cómic á novela gráfica”

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

A finais de 2012, o Museo de Pontevedra acolleu os "Primeiros enconcontros sobre banda deseñada", un ciclo de charlas centrados no mundo da historieta e no que participaron autores coma David Rubín, Kiko Da Silva e Pepo Pérez. O organizador daquel evento, o crítico Octavio Beares, regresa agora como comisario da exposición "Do cómic á novela gráfica. A banda deseñada en España no século XXI”, que terá lugar do 20 de xuño ao 20 de xullo na mesma sede, un percorrido pola obra dalgúns dos autores máis relevantes da BD contemporánea: Miguelanxo Prado, José Domingo, David Rubín e Santiago García, Max, Santiago Valenzuela, Antonio Altarriba e Kim, Alfonso Zapico e Paco Roca. A indiscutible calidade dos autores expostos garante o interese do evento, mais alén diso cómpre celebrar tamén a presenza periódica do cómic nunha institución, o Museo de Pontevedra, que está a contribuír decidimente á divulgación e dignificación do cómic como medio. Tampouco queremos deixar de recoñecer o labor de Octavio Beares, battling boy sempre disposto a dar guerra pola banda deseñada, xa sexa en papel, no dixital ou, como agora, no Museo. A presentación do evento polo miúdo en Qadriños.