quarta-feira, junho 18, 2014

O western sobrenatural de Emma Ríos

Pretty Deadly Vol. 1: The shrike
 
En apenas cinco anos, a galega Emma Ríos pasou de ser unha debutante no mercado do cómic norteamericano a encadear proxectos para Marvel Comics, a maior e máis popular editora de banda deseñada do planeta. Neste tempo, Ríos non só tivo ocasión de colaborar con figuras relevantes do cómic comercial norteamericano (Mark Waid, Dan Slott) e ofrecer a súa versión de superheroes icónicos coma Spiderman ou Daredevil, senón que o seu traballo gozou da difusión global que só unha editora coma Marvel é quen de proporcionar. Pode sorprender que, nun momento crucial para consolidar a súa posición nun mercado tan competitivo, Ríos optase por deixar aparcada, aínda que fose temporalmente, a súa colaboración con Marvel para lanzar un proxecto de creación propia. Sen embargo, a decisión resulta coherente cunha traxectoria caracterizada polo marcado perfil autorial de todos os seus traballos previos e por ter optado, xa nos seus inicios, pola autoedición.

A finais do ano pasado vía a luz o primeiro número de Pretty Deadly, a cabeceira creada por Ríos en colaboración coa escritora Kelly Sue DeConnick, coa que coincidiu en Marvel, e publicada baixo o selo de Image Comics, unha editora que xoga no mesmo terreo que Marvel ou DC pero que, ao contrario que aquelas, permite que os autores conserven a propiedade sobre as súas creacións. Nos primeiros cinco capítulos da serie, compilados baixo o título The shrike, atopamos un western sobrenatural no que a acción e a fantasía comparten espazo cunha atinada combinación de elementos propios doutras tradicións narrativas. A proposta de DeConnick parte dun escenario tomado dos relatos do Oeste na súa versión máis violenta e crepuscular para ofrecer unha fábula macabra, unha historia de amor tráxico e sentimentos extremos na que non faltan alusións bíblicas ou referencias folclóricas (o primeiro capítulo ábrese cun cantar de cego, sen dúbida máis familiar para o lector galego que para o norteamericano). Polas páxinas de Pretty Deadly circulan nenas disfrazadas de voitre, espíritos vingadores, corvos que falan e mulleres encerradas en torres, tópicos da tradición fantástica, do gótico americano ou mesmo da novela romántica que DeConnick consegue gobernar sen soterrar a narración nin caer no pastiche. Pola contra, a escritora é quen de combinar este caudal referencial e poñelo ao servizo da historia, dando lugar a un peculiar imaxinario que poderá ser desenvolvido máis aló deste arco inaugural.

Imprescindible para darlle consistencia ao seu labor é o desenvolvemento gráfico dunha Ríos que foi quen de recrear a atmosfera visual que precisa o relato, levando os espazos recorrentes do western á fronteira co fantástico ou o macabro. É moi de salientar tamén a contundente definición gráfica do elenco de protagonistas, personaxes dunha fasquía tan extrema coma as paixóns que abeiran. Polo demais, Ríos permanece neste novo traballo fiel ao seu estilo, ofrecendo a mellor versión das características que definían xa as súas primeiras creacións: o dinamismo, o gusto polas escenas de acción, a influenza do cinema, así coma unha persoal síntese gráfica na que, aínda que soe a tópico, podemos rastrexar influenzas do manga, da tradición europea e do cómic norteamericano. Non podemos deixar de mencionar o seu excelente labor nas cubertas de cada capítulo, ilustracións a dobre páxina minuciosamente detalladas e de forte simbolismo, que revelan o coidado con que a debuxante abordou este traballo. Unha mágoa que a edición en capa dura atenúe o seu efecto ao apareceren reproducidas en páxinas interiores a dobre cara.

Podemos dicir xa que a aposta de Ríos e DeConnick foi un éxito. A acollida crítica de Pretty Deadly está a ser positiva, as vendas superaron os prognósticos máis optimistas e a industria do cómic estadounidense vén de recoñecer a cabeceira con catro candidaturas aos prestixiosos Premios Eisner, con DeConnick, Ríos e tamén a colorista Jordie Bellaire nominadas. A serie segue a discorrer na actualidade co mesmo equipo creativo e é probable que sexa publicada en castelán antes de que finalice o ano. Pero máis aló do éxito deste proxecto, o que se nos antolla como realmente importante é que, calquera que sexa a relación de Ríos coa industria do cómic comercial de aquí cara o futuro, siga atopando as fórmulas que lle permitan desenvolver unha carreira dende as súas propias claves creativas.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 17 de xuño de 2014]

Sem comentários: