Xa está á venda Cómics Esenciales 2016, un libro que xorde da colaboración entre a revista Jot Down e ACDCómic e no que se recollen cen recensións doutros tantos cómics publicados durante o ano pasado. Completan o libro unha entrevista a Ana Galvañ e Paco Roca e cinco artigos sobre temas que foron actualidade no eido da banda deseñada en 2016. Para min é unha alegría ter podido contribuír a este libro ao carón de voces tan autorizadas na crítica de BD como Elisa McCausland, Henrique Torreiro, Álvaro Pons ou Gerardo Vilches. Máis información, aquí.
Amosando publicacións coa etiqueta ACDCómic b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ACDCómic b>. Amosar todas as publicacións
luns, abril 10, 2017
sábado, febreiro 18, 2017
Esenciais ACDCómic - Segundo semestre 2016
O ano non remata ata que chegan os Esenciais de ACDCómic do segundo semestre. A listaxe do período Xullo-Decembro de 2016 resulta especialmente variada, o cal non só reflicte a pluralidade de intereses dos membros da asociación senón tamén a diversidade de publicacións que un pode atopar na libraría. De entre o moito bo aparecido neste final de ano destacaría a sensacional Lamia de Rayco Pulido, probablemente o mellor cómic español do ano, e as entrañables Leñadoras de Watters-Stevenson-Ellis-Allen-Laiho. Salientar tamén os traballos de autores galegos coma Gran Hotel Abismo de David Rubín e Marcos Prior ou Impresiones de la isla de Carlos Portela e Fernando Iglesias.
venres, novembro 25, 2016
Cómic digital hoy
A Asociación de Críticos e Divulgadores de España (ACDCómic) vén de publicar Cómic digital hoy, una introducción en presente, unha extensa monografía na que se aborda o fenómeno do cómic dixital dende unha perspectiva plural que abrangue a aproximación histórica e o achegamento teórico, inclúe entrevistas e tamén a análise dalgúns títulos salientables. O obxectivo é ofrecer un feixe de reflexións verbo do impacto que as novas tecnoloxías e ferramentas dixitais tiveron na banda deseñada, nos novos xeitos de produción e tamén de consumo. O volume ve a luz grazas ao inmenso labor de Pepo Pérez, de quen partiu a iniciativa e que foi quen bosquexou a estrutura do título e coordinou o traballo dos participantes, máis de vinte membros da Asociación. Coido que o feito de ter colaborado modestamente
nel non me inhabilita para poñer de relevo o seu valor, polo
interese que de seu ten o tema obxecto de análise, pola entidade dos
autores entrevistados e das obras reseñadas, e mesmo tamén polo rigor e amenidade dos articulistas. O libro pode descargarse de balde, ben nun único arquivo, ben en artigos independentes. Agardemos que non sexa un feito illado e que no
futuro veñan outros.
xoves, setembro 08, 2016
Esenciais ACDCómic - Primeiro semestre 2016
ACDCómic publica o listado de Esenciais correspondentes ao primeiro semestre de 2016, vintecinco títulos que, a xuízo dos membros da asociación, merecen ser destacados de entre as moitas novidades que se publicaron neste período de tempo. O anuncio veu acompañado dunha renovación da web que achega aos interesados as recensións e demais actividades dos socios relacionados coas obras elixidas. Na listaxe deste mes hai pouco manga e apenas un par de obras vangardistas, só un título de superheroes (e pouco de superheroes), case nada que poidamos identificar como BD tradicional “á europea”, un único clásico e un só título dese singular xénero que poderiamos denominar “Francisco Ibáñez”, o cómic de autor norteamericano non pasa de catro títulos e a novela gráfica hispana acada os cinco, poucos cómics en grampa, poucos cómics de humor e só dous asinados por autor@s máis ou menos coruñeses... Hai, en definitiva, un pouco de todo e moito de nada, algo comprensible de considerarmos que a listaxe se confecciona por votación directa dun grupo de máis de corenta persoas, o que elimina sesgos e conduce, de forma case inevitable, cara un resultado misceláneo, arbitrario e algo previsible, pero tamén consistente. Seguro que botaredes algo en falta, todos botamos algo en falta, incluídos os que a elaboramos. Pero os Esenciais non son unha verdade revelada nin un exercicio de infalibilidade pontificia; tampouco un teorema científico. Por non ser non son nin uns premios, que merecerían cando menos o esforzo do consenso. Os Esenciais son un aturuxo, unha chamada de atención sobre vintecinco títulos nos que paga a pena reparar e que é posible que sexa de utilidade a un colectivo de destinatarios tan indeterminado como potencialmente amplo: xornalistas, bibliotecarios, libreiros, lectores, críticos... Se alguén quere botarlles un ollo, aquí están.
mércores, marzo 09, 2016
Esenciais ACDCómic - Segundo semestre de 2015
A listaxe de títulos esenciais de 2015 seleccionados por ACDCómic fica completo coa publicación dos correspondentes ao segundo semestre do ano, vintecinco cómics diversos aos que de seguro se poderían engadir algúns máis, pero que teñen en común o seu indiscutible interese.
xoves, agosto 06, 2015
Esenciais ACDCómic - Primeiro trimestre de 2015
Se as listaxes de Esenciais de ACDCómic sempre adoitan vir inzadas de lecturas gorentosas, a colleita do primeiro trimestre deste ano paréceme especialmente vizosa. Nela atopamos o primeiro tomo da imprescindible compilación da obra completa de Julie Doucet, artista irrepetible escasamente coñecida e apenas editada entre nós ata agora; a nova e moi inspirada achega do universo de Jaime Hernández; a conclusión da triloxía de NitNit de Charles Burns, que afía de novo as arestas das súas claves creativas; o humor eviscerante e suburbial de Kaz; o enxeño metaliterario de Tom Gauld... Ata vintecinco títulos diversos en estilos e pretensións, mais todos eles interesantes e valiosos.
xoves, xuño 11, 2015
Esenciais ACDCómic - Segundo semestre de 2014
Xa está dispoñible na web de ACDCómic o listado de obras seleccionadas coma “esenciais” correspondentes ao segundo semestre do ano pasado. Vintecinco novidades, cinco clásicos, cinco obras para os lectores máis novos e tres obras dixitais, unha escolma ampla e diversa que, coma sempre, pretende ser ante todo un convite á lectura. Nesta ligazón pode lerse ademais o moito que teñen escrito os membros da asociación sobre os títulos seleccionados.
domingo, novembro 16, 2014
Esenciais ACDCómic - Primeiro semestre de 2014
Xa temos o primeiro listado de Esenciais de ACDCómic do ano, unha selección de 35 títulos (25 novidades, 5 clásicos, 5 cómics infantís) publicados no primeiro semestre de 2014 aos que paga a pena botarlles un ollo a xuízo dos membros da asociación. Na web de ACDCómic atoparedes unha ficha individual para cada título e ligazóns a críticas publicadas polos membros da asociación. Coidado que hai piratas.
domingo, abril 13, 2014
Esenciais ACDCómic - Segundo semestre de 2013
ACDCómic vén de facer público o seu listado de títulos Esenciais correspondente ao segundo semestre de 2013. Coma no primeiro semestre, a selección inclúe 25 novidades e 5 clásicos, aos que se suman 5 títulos infantís de todo o ano. Deste xeito queda completa a proposta da Asociación de Críticos e Divulgadores de Cómic para todo o ano pasado, un total de 65 referencias que, a xuízo dos membros da mesma, merecen ser consideradas pola súa calidade. Toda escolma deste tipo é de seu obxectable, mais coido que o interese e tamén a variedade das obras elixidas está fóra de toda dúbida. Os Esenciais ACDCómic de 2013, aquí.
venres, outubro 25, 2013
Esenciais ACDCómic - Primeiro semestre de 2013
ACDCómic vén de facer publico o seu listado de Esenciais correspondente ao primeiro semestre deste ano, trinta obras (25 novidades, 5 clásicos) que destacan, en opinión dos membros da asociación, entre o conxunto das publicadas entre xaneiro e xuño de 2013. Trátase dunha das primeiras actuacións con transcendencia pública desta entidade constituída en 2012 e que, por motivos ben comprensibles, estivo especialmente concentrada ata o de agora na súa propia organización interna. Actualmente, diversos grupos de traballo están xa a desenvolver proxectos diversos que, agardemos, axudarán a cumprir a finalidade fundamental da asociación: contribuír a mellorar e dignificar a divulgación de banda deseñada.
Xa que logo, convídovos a que botedes unha ollada a este primeiro listado de Esenciais, que non pretende ser un canon nin unha lista pechada, senón unha mostra aberta e plural da mellor banda deseñada que se está a editar na actualmente. Unha curiosidade, a imaxe que acompaña este texto pertence á obra que obtivo máis respaldos na votación.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)








