sexta-feira, novembro 25, 2016

Cómic digital hoy



















A Asociación de Críticos e Divulgadores de España (ACDCómic) vén de publicar Cómic digital hoy, una introducción en presente, unha extensa monografía na que se aborda o fenómeno do cómic dixital dende unha perspectiva plural que abrangue a aproximación histórica e o achegamento teórico, inclúe entrevistas e tamén a análise dalgúns títulos salientables. O obxectivo é ofrecer un feixe de reflexións verbo do impacto que as novas tecnoloxías e ferramentas dixitais tiveron na banda deseñada, nos novos xeitos de produción e tamén de consumo. O volume ve a luz grazas ao inmenso labor de Pepo Pérez, de quen partiu a iniciativa e que foi quen bosquexou a estrutura do título e coordinou o traballo dos participantes, máis de vinte membros da Asociación. Coido que o feito de ter colaborado modestamente nel non me inhabilita para poñer de relevo o seu valor, polo interese que de seu ten o tema obxecto de análise, pola entidade dos autores entrevistados e das obras reseñadas, e mesmo tamén polo rigor e amenidade dos articulistas. O libro pode descargarse de balde, ben nun único arquivo, ben en artigos independentes. Agardemos que non sexa un feito illado e que no futuro veñan outros.

Sem comentários: