quarta-feira, novembro 30, 2016

Un mes, tres viñetas: Novembro 2016

Manara e Cho, freedom fighters.

















1 de Novembro. Intelligentsia cuñada. Retranca ou cuñadismo en grao máximo, algo hai que recoñecerlle a quen fose que tivo a idea de organizar no Festival de Banda Deseñada de Lucca unha mesa redonda sobre "a muller" e levar de relatores a Milo Manara e Frank Cho. Segundo eles, debuxar a unha señora co cu mirando a Betanzos é "loitar contra a censura", toda unha lección de vida para xente coma Musa Kart, historietista detido recentemente en Turquía por opoñerse ao réxime de Erdogan. Manara e Cho están a converterse nos intelectuais orgánicos da cabana da árbore, ese derradeiro reduto de liberdade no que os homes poden ler cómics e xogar á Play sen ter que aguantar a mulleres dando a brasa cos seus dereitos. Está por ver canto dura a súa heroica resistencia. O cerco feminazi estréitase e todo indica que axiña serán desafiuzados e guindados a ese terrible mundo real no que as mulleres toman o que lles pertence sen pedilo por favor.

Como home, síntome discriminado por este debuxo de Joëlle Jones


















2 de Novembro. As mulleres xa teñen as novelas. Unha das grandes vitorias do Exército Cuñado de Liberación foi conseguir que Chelsea Cain abandonara Mockingbird tras unha intensa campaña de acoso nas redes. Comprensiblemente, a escritora dá por finalizada a súa breve incursión no mundo do cómic, do que leva unha impresión que empeora os peores tópicos, que xa é empeorar. O acontecido colleume lendo Mockingbird, que me pareceu superficial, desnortada e tan aburrida como a maioría das series Marvel actuais. Feminista? Polo que a min respecta, o famoso feminismo que tanto molestaba aos onagros da cabana da árbore aparece por primeira e última vez na portada do número 8 (vid. supra), o derradeiro da serie. Entre as perlas do pensamento machirulo que este suceso deixa para a historia escintila a cadea de tweets dun pandorco canadense (disimulen os canadenses, desboto calquera relación de causa-efecto) dicindo que os cómics son "o derradeiro espazo seguro para os homes", que as mulleres "xa teñen as novelas" e que non teñen que ocuparse dos cómics tamén. Animaliño!

The Question, debuxo de Denys Cowan

















25 de Novembro. Trinta anos. Colin Smith lembraba onte que en novembro de 1986 DC Comics estaba a publicar Watchmen, Batman: Dark Knight Returns, Batman: Year One, o Superman de John Byrne, o The Question de Denny O'Neill e Denys Cowan, o Swamp Thing de Alan Moore, a Wonder Woman de George Pérez... Magníficos cómics, algúns canonicamente superheroicos, outros gloriosamente heterodoxos. Foi un breve período de clarividencia (e sorte?) por parte de DC, que foi quen de incorporar aos autores máis inspirados do momento e poñer as condicións para que crearan unha serie de títulos memorables que, de feito, cambiaron o cómic comercial norteamericano. Eu, que vivín a publicación daqueles cómics en tempo real (un ano máis tarde, que é aproximadamente o que tardaba a edición en castelán), lembro ter conciencia de estar a degustar algo xenuinamente bo, aínda que non pensaba moito no futuro. A adolescencia é un presente continuo. Agora e dende certa distancia, pregúntome cantos cómics publicados por DC (ou Marvel) neste novembro de 2016 serán lembrados dentro de 30 anos. Teño a sensación de que poucos, aínda que é probable que sexa de novo a miña idade a que explica tanta negatividade.

Sem comentários: