quinta-feira, setembro 08, 2016

Esenciais ACDCómic - Primeiro semestre 2016











ACDCómic publica o listado de Esenciais correspondentes ao primeiro semestre de 2016, vintecinco títulos que, a xuízo dos membros da asociación, merecen ser destacados de entre as moitas novidades que se publicaron neste período de tempo. O anuncio veu acompañado dunha renovación da web que achega aos interesados as recensións e demais actividades dos socios relacionados coas obras elixidas. Na listaxe deste mes hai pouco manga e apenas un par de obras vangardistas, só un título de superheroes (e pouco de superheroes), case nada que poidamos identificar como BD tradicional “á europea”, un único clásico e un só título dese singular xénero que poderiamos denominar “Francisco Ibáñez”, o cómic de autor norteamericano non pasa de catro títulos e a novela gráfica hispana acada os cinco, poucos cómics en grampa, poucos cómics de humor e só dous asinados por autor@s máis ou menos coruñeses... Hai, en definitiva, un pouco de todo e moito de nada, algo comprensible de considerarmos que a listaxe se confecciona por votación directa dun grupo de máis de corenta persoas, o que elimina sesgos e conduce, de forma case inevitable, cara un resultado misceláneo, arbitrario e algo previsible, pero tamén consistente. Seguro que botaredes algo en falta, todos botamos algo en falta, incluídos os que a elaboramos. Pero os Esenciais non son unha verdade revelada nin un exercicio de infalibilidade pontificia; tampouco un teorema científico. Por non ser non son nin uns premios, que merecerían cando menos o esforzo do consenso. Os Esenciais son un aturuxo, unha chamada de atención sobre vintecinco títulos nos que paga a pena reparar e que é posible que sexa de utilidade a un colectivo de destinatarios tan indeterminado como potencialmente amplo: xornalistas, bibliotecarios, libreiros, lectores, críticos... Se alguén quere botarlles un ollo, aquí están.

Sem comentários: